O principio lectio difficilior potior (que en latín significa literalmente a lectura máis difícil é a máis forte) é un principio de crítica textual.
Cando manuscritos diferentes dun mesmo texto están en conflito sobre unha determinada palabra, o termo máis insólito é tamén, probabelmente, o máis fiel ao orixinal. O presuposto é que para os textos que chegaron a través da tradición manuscrita, os copistas substituíron moi a miúdo as palabras difíciles e os ditos infrecuentes cos máis correntes e comúns. O fenómeno contrario, segundo este principio, considérase menos probábel.
É un principio interno á filoloxía, independente dos criterios de valoración no que unha lectio particular foi atopada.[1]
Tal principio forma parte dun corpo de criterios establecidos no século XVIII, no contexto da batalla cultural iluminista, orientada a fornecer unha base neutra para o descuberta do Urtext, superando o peso da autoridade e das tradicións. O principio foi elaborado por primeira vez por Johann Albrecht Bengel, no seu Prodromus Novi Testamenti Graeci Rectè Cautèque Adornandi (1725) e empregado concretamente no seu Novum Testamentum Graecum (1734).[2] Foi despois divulgado por Johann Jakob Wettstein, a quen se lle atribúe a miúdo.[3]