Leopold Bloom

Debuxo de Leopold Bloom realizado por James Joyce.

Leopold Bloom, ou "Poldy", é o personaxe protagonista, caracterizado como antiheroe,[1] da novela de James Joyce Ulises. Bloom é un axente de publicidade de 37 ou 38 anos de idade de orixe xudía. Está casado con Molly Bloom, outro dos personaxes centrais, quen lle é infiel, e teñen unha filla.

Ulises está focalizada en Bloom e na súa "Odisea" contemporánea, na que se embarca a través de Dublín no curso dun día (16 de xuño de 1904), e tamén nos varios tipos de persoas con que se vai cruzando. Ao igual que o heroe grego da Odisea, non aparece no principio da obra; a súa entrada ten lugar no capítulo 4 (Calipso), con que se inicia a segunda parte da novela, tralo protagonismo do mozo Stephen Dedalus nos tres primeiros.

Esta é a presentación do personaxe:

Moito lle gorentaban ao señor Leopold Bloom os órganos internos de bestas e aves. Gustáballe a sopa de miúdos ben espesa, as moegas picantes, o corazón recheo asado, os filetes de fígado empanados, as rabas de bacallau fritidas. O que máis lle prestaba eran os riles de cordeiro á grella, que lle deixaban no ceo da boca un delicioso saibo cun leve recendo a ouriños[2].

Nado en 1866, Bloom é o fillo único de Rudolf Virág (un húngaro de Szombathely, emigrado a Irlanda e convertido do xudaísmo ao protestantismo; mudou o seu nome polo de Rudolph Bloom e posteriormente suicidouse) e de Ellen Higgins, unha protestante irlandesa. Bloom casou con Marion (Molly) Tweedy o 8 de outubro de 1888. A parella tivo unha filla, Millicent (Milly), nada en 1889; o seu fillo Rudolph (Rudy), nado en decembro de 1893, morreu aos once días. A familia vive no número 7 de Eccles Street, en Dublín.

Joyce exterioriza os pensamentos de Bloom a través da técnica do monólogo interior. No principio reflíctese a preocupación de Leopold pola lea que ten a súa muller, que é cantante, co seu representante (Hugh 'Blazes' Boylan; "blazes", en inglés, significa tanto "lapelas" como "resplandece"), circunstancia que el coñece perfectamente. Despois asiste ao funeral do seu amigo Paddy Dignam, o que lle fai recordar escuros pensamentos relacionados co seu fillo morto ao pouco de nacer, Rudy. Esta ausencia de fillos varóns lévao a relacionarse con Stephen Dedalus, un rapaz que toma baixo a súa protección nun bordel no episodio 'Circe'. Despois lévao á súa casa de madrugada, e mesmo lle ofrece un lugar para estudar e traballar. Amais aparecen os pensamentos de Bloom respecto ao chovinismo (representado este polo "Cidadán" no capítulo 'Ciclope'), a súa inclinación polo voyeurismo e o seu infiel alter ego epistolar, "Henry Flower". Detesta a violencia, e a súa aparente indiferenza ante o nacionalismo irlandés dos seus conveciños lévao á controversia.

Cada ano conmemórase cada 16 de xuño o Bloomsday, celebrando a súa travesía desde o seu almorzo de vísceras cociñadas.

  1. "Beautiful Losers: A literary critic analyzes the role of European antiheroes.", artigo de John Sutherland en The New York Times, 9 de maio de 1999.
    O antiheroe xorde coma un elemento perturbador, incómodo para os demais, un subversivo do statu quo daquela. Trátase de heroes da inacción, como o Swann de Proust ou o Leopold Bloom de Joyce.
  2. James Joyce (2013): Ulises. Vigo: Editorial Galaxia. p. 85.