O licor de guindas é un licor tradicional galego. Elaborado de xeito artesanal nas casas, é o principal licor caseiro do norte de Galicia, mentres que o licor café ten máis tradición no sur. Adoita tomarse na sobremesa de xantares especiais.
Co nome de ginjinha é tamén un dos sinais de identidade da capital portuguesa. Foi un galego, Francisco Espiñeira, quen levou a Lisboa o licor de guindas, fundando en 1840 a primeira marca comercial de ginjinha, Espinheira, que continúa producíndose hoxe en día pola quinta xeración de descendentes de Francisco Espiñeira[1][2].
A guinda é o froito da guindeira, unha árbore do xénero Prunus, o mesmo có da cerdeira. Recóllense no mes de xuño e o seu sabor é moi acedo polo cal non se comen. Para preparar o licor de guindas, quítaselles o rabo e introdúcense nunha botella de boca ancha. A continuación bótase augardente ata cubrir as guindas e unha ramiña de canela. Tápase ben a botella e déixase en maceración durante corenta días, transcorridos os cales engádense 250 gramos de azucre por cada litro de augardente. Reméxese suavemente varias veces e pasada unha semana xa está listo para tomar. A cantidade de azucre pode variar para facer o licor máis ou menos doce segundo os gustos.
O escritor lugués Ánxel Fole remata o seu conto en castelán Cuento de Navidad. El secreto del espejo[3], cunha frase que fai referencia ao licor de guindas: En la tallada copa fulgura un rubí.