Lingua de sinais warlpiri | ||
---|---|---|
Falado en: | Australia | |
Rexións: | Territorio do Norte | |
Total de falantes: | ||
Familia: | Linguas pama-nyunganas Linguas ngumpin–yapa Linguas ngarrkic Lingua de sinais warlpiri | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | --
| |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | -
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua de sinais warlpiri é unha lingua de sinais empregada polo pobo warlpiri, unha comunidade aborixe da rexión do deserto central de Australia. Trátase dunha das máis elaboradas e estudadas linguas de sinais aborixes de Australia.
Mentres outras linguas veciñas como o arrernte teñen linguas de sinais auxiliares, a lingua de sinais warlpiri é, xunto coa lingua de sinais warumungu, unha das máis complexas e elaboradas de entre as linguas de sinais aborixes de Australia. De feito, é un sistema de comunicación tan completo como a propia lingua warlpiri oral.
Pode ter a súa orixe nos tabús da linguaxe propios do pobo warlpiri, posto que existe a tradición de que as mulleres viúvas non poidan falar durante un longo período de loito que pode ser de meses ou mesmo anos. Durante este tempo só se poden comunicar mediante sinais. Nas comunidades warlpiri, as viúvas tamén adoitan vivir separadas das súas familias con outras mulleres viúvas ou mozas solteiras. Por mor disto, as mulleres habitualmente teñen un mellor manexo da lingua de sinais que os homes.
Entre as mulleres maiores da comunidade de Yuendumu, a lingua de sinais emprégase de xeito constante sen importar se están baixo prohibición de falar ou non.[1] Non obstante, tódolos membros da comunidade entenden a lingua e poden utilizala en situacións nas que a fala non é axeitada, como durante a caza, na comunicación privada, para comunicarse a longa distancia, cando se ten unha doenza ou en momentos nos que se require un especial respecto. Ademais, moitos empregan os sinais como acompañamento e apoio do discurso oral.