LIPC
| |
Identificadores | |
Símbolo | LIPC |
Símbolos alt. | HDLCQ12, HL, HTGL, LIPH, lipase C, hepatic type |
Entrez | 3990 |
OMIM | |
RefSeq | NP_000227 |
UniProt | P11150 |
Outros datos | |
Locus | Cr. 15 15q21.3(58.41 – 58.57 Mb) |
A lipase hepática (HL), tamén chamada triglicérido lipase hepática (HTGL) ou lipase C de tipo hepático (LIPC), é unha forma de lipase que cataliza a hidrólise de triacilglicéridos. A lipase hepática está codificada no xene HTGL (tamén chamado LIPC) do cromosoma 15.[2] A lipase hepática exprésase principalmente en células do fígado, chamadas hepatocitos, e células endoteliais hepáticas. Este encima pode permanecer unido ás células do fígado ou pode desligarse das células endoteliais hepáticas e quedar libre e entrar na circulación sistémica corporal.[3] Cando a lipase hepática está unida ás células endoteliais do fígado, adoita estar ligada a proteoglicanos de heparán sulfato, o que a mantén inactiva e impide a súa unión coa HDL (lipoproteína de alta densidade) ou coa IDL (lipoproteína de densidade intermedia).[4] Porén, cando está libre no torrente sanguíneo está asociada coa HDL o que tamén a mantén inactiva. Isto débese a que se ben os triglicéridos da HDL serven como substrato, pero esta lipoproteína contén proteínas que rodean os triglicéridos que poden impedir que os triglicéridos sexan procesados pola lipase hepática.[5]
Unha das funcións principais da lipase hepática é converter as lipoproteínas de densidade intermedia (IDL) en lipoproteínas de baixa densidade (LDL). A lipase hepática xoga así un papel importante na regulación dos niveis de triglicéridos no sangue para manter niveis estables de IDL, HDL e LDL.[2]
A lipase hepática pertence a unha clase de encimas chamados hidrolases. A súa función é catalizar o paso de triacilglicerol a diacilglicerol e carboxilato (ácidos graxos libres) coa adicion de auga.[6] O substrato, triacilglicerol, procede da IDL (lipoproteína de densidade intermedia) e a liberación dela de ácidos graxos libres converte a IDL en LDL (lipoproteína de baixa densidade).[4] Estes restos que quedan de LDL poden ser enviados de volta ao fígado, onde poden almacenarse para o seu uso posterior ou son degradados para proporcionar enerxía. Poden tamén enviarse ás células periféricas para que se use o seu colesterol e se utilice nas vías anabólicas para construír moléculas que a célula necesita, como hormonas que teñen un esqueleto de colesterol (hormonas esteroides).[7]
Para impedir a acumulación de placas lipídicas nas arterias (tamén denominadas pozas lipídicas), as moléclas de HDL nacentes que teñen un nivel baixo de triglicéridos, extraen ácidos graxos libres das placas coa axuda das proteínas ABCL1.[5] Este proceso crea HDL3 (lipoproteína de alta densidade 3), que é unha molécula de HDL madura que foi esterificada por outro encima coñecido como LCAT.[7] Poden captarse máis ácidos graxos libres das placas pola acción dos receptores SR-B1, que converten a HDL3 en HDL2, a cal contén concentracións máis altas de ácidos graxos libres.[4] A HDL2 pode despois interaccionar con LDL e IDL ao transferirlles os ácidos graxos que se acumularon na placa. A lipase hepática pode despois catalizar a conversión de IDL a LDL ao degradar os triglicéridos das IDL e liberar ácidos graxos libres para que as usen outras células con baixas concentracións de colesterol ou sexan almacenados no fígado para o seu uso posterior.[5]
O corpo humano contén dúas formas inactivas de lipase hepática. Unha destas formas encóntrase no fígado unida a proteoglicanos de heparán sulfato (HSPG) e a segunda destas formas encóntrase no sangue unida a HDL e inactivada polas proteínas da superficie das lipoproteínas. A activación da lipase hepática ocorre en dous pasos. Primeiro, a HDL que vai de camiño ao fígado, únese á lipase hepática eliminando así os proteoglicanos de heparán sulfato e liberando a lipase hepática no torrente sanguíneo, mais a lipase hepática é aínda inactiva debido ao efecto das proteínas da superficie da lipoproteína. En segundo lugar, a HDL deslígase da lipase hepática o que activa a lipase hepática no sangue.[3]
A HDL tamén se regula por interaccións electrostáticas con lipoproteínas como a HDL. Cando a HDL capta ácidos graxos libres das células para impedir a acumlación de placa, empeza a incrementar a súa carga negativa global e estimula a lipase hepática para catalizar o procesamento dos triglicéridos de dentro da VLDL (lipoproteína de moi baixa densidade). Isto débese a que a acumulación de cargas negativas na HDL inhibe a unión co encima, pero permite que a lipase hepática catalice outras lipoproteínas distintas da HDL. Outras lipoproteinas, como a ApoE, funcionan de xeito similar inhibindo a unión de lipase hepática e HDL, pero permiten igualmente que a lipase hepática catalice outras lipoproteínas.[5]
Outros factores que contribúen á regulación da lipase hepática débense ás diferenzas de sexo entre mulleres e homes. As mulleres conteñen baixos niveis de ApoE xunto cunha cantidade incrementada de lipase hepática libre no seu sistema circulatorio cando se comparan cos homes. A produción de estróxenos polas mulleres tamén se cre que reduce a actividade de lipase hepática servindo como inhibidor da transcrición xénica.[4]
A secreción de HDL polo fígado ao sistema circulatorio regula a liberación de lipase hepática no torrente sanguíneo. Isto débese a factores que incrementan a liberación de HDL (como o xexún, o que orixina baixos niveis de HDL) e incrementan a cantidade de lipase hepática unida a HDL e liberada ao torrente sanguíneo. Outras lipoproteínas, como a ApoA-I, que incrementa a liberación de HDL teñen efectos similares se se fai mutar o xene que as codifica. A proteína ApoA-I mutada causaba unha diminución na liberación da lipase hepática e así diminuía a cantidade de lipase hepática unida a HDL e liberada na circulación sanguínea.[4]
A deficiencia en lipase hepática é un trastorno recesivo autosómico raro que ten como resultado un nivel elevado de colesterol HDL debido a unha mutación no xene da lipase hepática. As características clínicas non son ben coñecidas e non hai xantomas característicos. Hai unha asociación cun atraso na aparición de aterosclerose nun modelo animal.[3]
En moitos estudos realizados, a lipase hepática está tamén estreitamente relacionada coa obesidade. Nun experimento creáronse células de rato cunha lipase hepática mutada que perdera a súa funcionalidade. Atopouse que unha acumulación de niveis de triglicéridos conducía ao desenvolvemento dunha enfermidade do fígado graxo non alcohólica. Isto debíase á incapacidade da lipase hepática de converter os triglicéridos de IDL, e así crear LDL. Deste modo, a incapacidade das células endoteliais de captaren ácidos graxos libres facíase maior e almacenábanse máis IDL no fígado. Esta deficiencia en lipase hepática tamén orixina a inflamación do fígado e problemas de obesidade. Porén, no experimento, a lipase hepática de rato non se encontraba unida a proteoglicanos de heparán sulfato, mentres que a lipase hepática humana está unida a ditos proteoglicanos, o que desactiva a lipase hepática ata que se una á IDL. Deben realizarse máis experimentos para determinar os efectos potenciais en humanos.[5]