As Listas de Tigre de Encélado consisten en catro depresións lineais cuasi-paralelas na rexión polar sur da lúa saturniana.[1] A primeira observación das listas ocorreu o 20 de maio de 2005, observación feita pola sonda Cassini (aínda xa foran observadas nun sobrevoo previo, pero dende un ángulo oblicuo), este accidente xeolóxico é máis notable en imaxes de baixa resolución polo seu contraste de brillo respecto do terreo circundante.[2] A sonda Cassini obtivo observacións en resolucións máis altas durante un sobrevoo rasante de Encélado que tivo lugar o 14 de xullo do 2005. Estas observacións revelan que as listas de tigre poden ser cristas de baixa altitude cunha fenda central.[1] Observacións feitas con espectómetro infravermello (en inglés: Infrared Spectrometer - CIRS) amosaron que as listas de tigre teñen temperaturas superficiais elevadas, indicativo do actual criovulcanismo en Encélado que está centrado nas listas de tigre.[3]
As listas de tigre é un termo non oficial dado a estas catro sulci con base no seu albedo distintivo. As sulci (sucos, fendas e cristas cuasi-paralelas), como Samarcanda Sulci e Harran Sulci, recibiron nomes de cidades ou países mencionados no libro As mil e unha noites. En novembro do 2006, as listas de tigre recibiron os nomes oficiais de Alexandria Sulcus, Cairo Sulcus, Baghdad Sulcus e Damascus Sulcus (Camphor Sulcus é un accidente xeolóxico menor, que se ramifica a partir de Alexandria Sulcus).[4] As sulci Baghdad e Damascus son as máis activas, pola contra Alexandria Sulcus é a menos activa.
Imaxes da cámara ISS a bordo da sonda Cassini amosaron 4 raias de tigre que podían ser unha serie de depresións lineais cuasi-paralelas flanqueadas a cada lado por cristas de baixa altitude.[1] De media, cada lista de tigre ten de 130 km de longo, 100 metros de alto, 2 km de ancho e uns 500 metros de profundidade. As cristas dos bordos teñen de media uns 100 metros de altura e 2-4 quilómetros de ancho. Dada a súa aparencia e a súa configuración xeolóxica dentro dunha rexión moi deformada tectonicamente, é posible que as raias de tigre sexan fracturas tectónicas.[1] Con todo, a súa correlación coa calor interna e cunhas plumas longas de vapor de auga, suxire que raias de tigre poden se-lo resultado de fisuras na litosfera de Encélado. As raias están espazadas entre si uns 35 quilómetros. Os extremos de cada lista de tigre difiren no aspecto entre o hemisferio anti-saturniano e pro-saturniano. No hemisferio anti-saturniano, as raias terminan en curvas con forma de gancho, mentres as puntas do hemisferio pro-saturniano bifúrcanse de xeito dentrítico.[1]
Practicamente non se atopou ningún cráter de impacto en ou preto das raias de tigre, suxerindo unha idade moi nova da superficie. Estimacións da idade da superficie con base na conta de cráteres, deu como resultado unha idade de 4 a 100 millóns de anos, asumindo un fluxo de cráteres semellante ó da lúa, e de 0,5 a 1 millón de anos cando se asume un fluxo constante de cráteres.[1]
Outro aspecto que distingue as raias de tigre do resto da superficie de Encélado é súa composición infrecuente. Case toda a superficie de Encélado está cuberto por un manto de auga xeada de gran fino. As cristas que rodean as raias de tigre están moi a miúdo cubertas de xeo de auga de gran groso.[1][5] Este material aparece escuro a través do filtro IR3 da cámara da sonda Cassini (lonxitude de onda central de 930 nanómetros), dando as listas de tigre un aspecto escuro nas imaxes de filtro claro e unha aparencia azul-verdosa en falsas cores, preto do ultravioleta, e en imaxes do infravermello próximo amósanse cunha cor verde. O espectrómetro de mapeo visual e infravermello (VIMS) tamén detectou xeo de dióxido de carbono e compostos orgánicos simples retidos dentro das raias de tigre.[5] Non se detectou material orgánico simple en ningún outro lugar da superficie de Encélado.
A detección de xeo de auga cristalino ó longo das listas de tigre tamén ofrece unha restrición da idade. Auga xeada cristalina gradualmente perde a súa estrutura cristalina despois de ser arrefriada e someterse ó contorno da magnetosfera saturnina. Pénsase que a transformación do xeo a un gran máis fino e a un xeo amorfo de auga, pode levar entre algunhas décadas ata uns miles de anos.[6]
Observacións da sonda Cassini feitas durante o sobrevoo do 14 de xullo de 2005, amosaron unha rexión criovolcanicamente activa en Encélado centrada sobre a rexión das raias de tigre. O instrumento CIRS revelou que a rexión das listas de tigre ó completo (a partir de 70° de latitude sur) estaba máis quente do esperado, que se está só fose quentada pola luz solar.[3] Observacións a maior resolución revelaron que o material máis quente preto do polo sur de Encélado reside dentro das fracturas das raias de tigre. Obtivéronse, a partir dos datos do CIRS, temperaturas de entre 113-157 K, significativamente máis quentes que os 68 kelvins esperados para esta rexión de Encélado.
Os datos obtidos polos instrumentos da Cassini revelaron que a composición das plumas de vapor de auga e xeo era basicamente metano, dióxido de carbono, e nitróxeno que emanaban directamente de géiseres situados dentro das fendas das listas de tigre.[8][9] A cantidade de material dentro das plumas suxire que estas están xeradas por unha masa líquida preto da superficie.[1] Identificáronse máis de 100 géiseres en Encélado.[7]
O equipo de Kieffer no 2006 suxeriu que os géiseres de Encélado tiñan a súa orixe en clatratos, que cando estes eran expostos polos géiseres ó baleiro desprendían o dióxido de carbono, nitróxeno e metano.[10]
As plumas dos géiseres de Encélado son semellantes en composición química ás dos cometas,[11] e semellan se-la fonte orixinal do material do anel E.[12] O anel E é o anel máis exterior e ancho de Saturno (a excepción do difuso e feble anel Phoebe). O anel é extremadamente ancho pero moi difuso, composto por xeo microscópico e po, está situado entre as órbitas de Mimas e Titán.[13]
Numerosos modelos matemáticos indican que este anel é inestable, cunha esperanza de vida de entre 10.000 a 1.000.000 anos, polo tanto, as partículas que compoñen o anel deben ser substituídas.[14] Encélado orbita dentro deste anel, na súa parte máis estreita pero que é ó mesmo tempo o lugar de maior densidade do anel, o cal levou dende a década dos 80 a sospeitar que Encélado era a fonte principal de partículas do anel E.[15][16][17][18] Esta hipótese foi confirmada durante os 2 primeiros sobrevoos rasantes que fixo a sonda Cassini no 2005.[19][20]