Luz negra

Espectro dunha fonte de fluorescente de luz negra. A anchura a media altura do pico en 370 nm é duns 20 nm. O pequeno segundo pico (2) é luz con 404 nm de lonxitude de onda que se escapa a través do filtro, e é o que lle dá o brillo violeta.

A luz negra é o nome común para lámpadas que emiten radiación electromagnética ultravioleta próxima, cunha compoñente residual moi pequena de luz visible. As lámpadas de luz negra fabrícanse xeralmente do mesmo xeito que as lámpadas fluorescentes convencionais, agás que utilizan un único fósforo, e en lugar do cristal transparente exterior empregan un cristal escuro coñecido como cristal de Wood, que bloquea a maior parte de "luz visible" con lonxitude de onda por encima dos 400 nanómetros.

Unha lámpada de luz negra.

A radiación ultravioleta destas lámpadas prodúcese cunha lonxitude de onda superior a 350 nm. Unha onda ultravioleta xerada tan preto do espectro visible non produce dano (ou polo menos non maior dano que o que pode producir a luz visible). Non obstante, pola súa natureza invisible, a luz negra utilízase sempre como iluminación tenue.

Arte con luz negra: Pintura e escultura con materiais fluorescentes do artista Beo Beyond.
Detalle de esfinxe con pintura fluorescente por Roque Logozzo. 

Estas lámpadas son altamente ineficientes, emitindo poucos lumen por watt de potencia, o que eleva perigosamente a súa temperatura, e por iso recoméndase que se utilice por curtos períodos.

A luz negra utilízase en ambientes escuros para resaltar algunhas cores sobre outras, logrando efectos sorprendentes. É xeralmente aceptado que a luz negra soamente fai resaltar as cores brancas, que teñen un brillo branco violáceo, deixando case na escuridade ao resto. En realidade a luz negra resalta as cores fluorescentes, que se atopan principalmente no poliéster e que adoita estar presente nas teas brancas (en camisetas, camisas e zapatillas). Este tipo de luz adóitase utilizar nos bares e discotecas para crear un brillo especial en conxunto coas demais luces.

Tamén é útil para revisar os gravados que brillan só baixo a luz ultravioleta, e que demostran a autenticidade da maioría dos billetes e as moedas de case todo o mundo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]