A magnetorrecepción ou magnetocepción é a capacidade que teñen algúns seres vivos de detectar a dirección e sentido do campo magnético, obtendo así información sobre o sentido e latitude. Os primeiros animais nos que se descubriu este sentido foron as pombas mensaxeiras, para as cales é un importante (pero non o único) medio de orientación. Descubriuse logo que tamén o tiñan outras aves, algunhas tartarugas e insectos como as abellas, fungos e até certas bacterias.[1][2]
Os seres humanos teñen depósitos de materiais magnéticos no óso etmoide do nariz, e hai indicios dunha certa capacidade de magnetorrecepción.[3][4][5]
Suponse que tanto nas pombas mensaxeiras como nas troitas, e en certas bacterias, o sensor consiste nuns cristais de magnetita, (óxido de ferro), conectados con outros orgánulos transdutores aínda non ben comprendidos. As bacterias magnetotáticas e os fungos conteñen órganos chamados magnetosomas que conteñen a magnetita. Nas abellas, a magnetita está embutida nas membrana celular de certos grupos de neuronas e crese que cando se reorienta seguindo o campo magnético terrestre induce correntes que modifican a polarización celular. Os únicos magnetorreceptores demostrados atópanse en varias bacterias e fitoplancto, que conteñen cristais, ora de magnetita, ora de greixita, un sulfuro de ferro que tamén é ferrimagnético.[2]
Máis aló dos cristais magnéticos, postuláronse outros medios polos que os seres vivos perciben os campos magnéticos. As quenllas e as raias, os chamados elasmobranquios, teñen canles no interior do seu corpo que funcionan a xeito de cables eléctricos, e cuxo movemento en principio podería servir para detectar a orientación do campo magnético. Outro mecanismo proposto máis recentemente baséase en reaccións bioquímicas.
A influencia de campos magnéticos en reaccións químicas habitualmente é extremadamente débil. Porén, en moitas reaccións redox fotoquímicas a velocidade de reacción está determinada por procesos de transferencia electrónica; en certos casos particulares, os electróns implicados interaccionan durante certo tempo cos xiros nucleares, e esta interacción pode ser enormemente sensible á orientación do campo magnético. Propuxéronse reaccións de criptocromos, moléculas que se atopan nos ollos dalgúns paxaros migratorios, que poderían servir para este fin.[2]