Manuel Alegre de Melo Duarte, nado en Águeda o 12 de maio de 1936, é un poeta e político portugués opositor ao réxime salazarista.[1]
Orixinario dunha familia de tradición política liberal, Manuel Alegre é fillo de Francisco José de Faría e Melo Ferreira Duarte e da súa muller Maria Manuela Alegre, e neto paterno da 1.ª Baronesa da Recosta, filla do 1.º Barão de Cadoro e da súa primeira muller, filla do 1.º Vizconde do Barreiro.
O seu trisavó paterno, Francisco Soares de Freitas, estivo nas revoltas contra D. Miguel I de Portugal, foi fundador dos Camiños de Ferro ao Sur do Texo e primeiro vizconde do Barreiro. O bisavó Carlos de Faría e Melo foi, alén de xornalista, administrador e Gobernador Civil do Distrito de Aveiro. O avó materno, Manuel Ribeiro Alegre, republicano e carboeiro, foi Deputado Constituínte en 1911 e Gobernador Civil do Distrito de Santarém.
Outros seus antepasados destacáronse no deporte, o avó paterno, Mário Ferreira Duarte, foi un auténtico sportsman, introducindo (con Guilherme Pito Basto), varias modalidades deportivas en Portugal e impulsado a fundación da Asociación de Fútbol de Aveiro; o pai xogou fútbol na Académica e foi campión de atletismo; o propio Manuel Alegre foi campión nacional de natación e foi atleta internacional da Académica nesa modalidade.[2]
Á excepción da instrución primaria, feita en Águeda, Manuel Alegre frecuentou diversos establecementos de ensino: fixo o primeiro ano do instituto no Pasos Manuel, en Lisboa, no segundo estivo tres meses como alumno interno no Colexio Almeida Garrett, no Porto, seis meses no Colexio Castilho, en San João da Madeira, e despois foi para o Porto, concluíndo os estudos secundarios no Liceu Central Alexandre Herculano. Aquí fundou, con José Augusto Seabra, o xornal Prelúdio.[2]
A súa infancia e xuventude encóntranse retratadas na novela Alma (1995).
En 1956 Manuel Alegre é admitido na Facultade de Dereito da Universidade de Coímbra. En 1957 tórnase militante do Partido Comunista Portugués, que abandonaría despois de 11 anos, en 1968.
Foi membro da Comisión da Academia cando esta apoiou a candidatura de Humberto Delgado á Presidencia da República, en 1958.[3] Manuel Alegre participou na fundación do Círculo de Iniciación Teatral da Academia de Coímbra e foi actor do Teatro de Estudantes da Universidade de Coímbra, desprazándose para actuar en Bruxelas (1958), Cabo Verde (1959) e Bristol (1960).
En 1960 publica poemas nas revistas Briosa (que dirixiu), Vértice e Via Latina, participando aínda na colectánea A Poesia Útil e Poemas Livres, xuntamente con Rui Namorado, Fernando Assis Pacheco e José Carlos Vasconcelos.[2]
En 1961, é chamado a cumprir o servizo militar e asenta praza na Escola Práctica de Infantaria, en Mafra, de onde sae, pouco despois, para a Illa de San Miguel. Despois de xurdir, con Melo Antunes, un plano para tomar a illa e desencadear un golpe de Estado, en 1962 acaba por ser mobilizado para Angola, onde será prendido pola PIDE, en 1963, pasa seis meses na Fortaleza de S. Paulo, en Luanda.[4] Regresado a Portugal, élle fixada a residencia en Coímbra, mais axiña, en 1964 parte para o exilio. Viaxa primeiro para París, mais acaba por se fixar en Alxer.[2]
Chegado a París, en xullo de 1964, é elixido para un cargo na Dirección da Fronte Patriótica de Liberación Nacional, presidida por Humberto Delgado. Esa elección daralle a posibilidade de depor perante as Nacións Unidas, como representante desa organización, sobre a súa experiencia en Angola, e contactar cos líderes dos movementos africanos de liberación, como Agostinho Neto, Eduardo Mondlane, Samora Machel, Amílcar Cabral, Mário Pito de Andrade e Aquino de Bragança.
Nese ano partiu para un exilio de dez anos, en Alxer. Locutor da emisora de radio A Voz da Liberdade[5], difunde contidos de apoio aos movementos de liberación das antigas provincias ultramarinas e contra o réxime salazarista.[6]
Non obstante os seus dous primeiros libros, Praça da Canção (1965) e O Canto e as Armas (1967), foron prohibidos pola censura, mais copias manuscritas ou dactilografadas circularon de man en man, clandestinamente. Poemas seus, cantados, entre outros, por Zeca Afonso e Adriano Correia de Oliveira, Manuel Freire e Luís Cília volvéronse emblemas da loita clandestina.
En 1968, afastouse do Partido Comunista Portugués para adherirse á Acción Socialista Portuguesa, embrión do Partido Socialista.
Unha década despois de ter partido para Alxer regresa a Portugal, onde chega o 2 de maio de 1974. Entra nos cadros da Radiodifusão Portuguesa, como director dos Servizos Recreativos e Culturais.
É un dos fundadores (con Piteira Santos, Nuno Bragança e outros) dos Centros Populares 25 de abril, unha organización que pretendía un papel cívico, complementar ao dos partidos. En 1974 milita no Partido Socialista, de que foi dirixente nacional, sendo secretario-xeral Mário Soares, logo tras o I Congreso do PS.
Electo deputado á Asemblea Constituínte, en 1975, foi o autor da proposta presentada polo PS para o texto do preámbulo da Constitución Portuguesa de 1976, que foi adoptado. Deputado á Asemblea da República a partir de 1976, integrou tamén o I Goberno Constitucional (de Mário Soares), primeiro como Secretario de Estado da Comunicación Social, despois como Secretario de Estado Adxunto do Primeiro ministro para os Asuntos Políticos. No Parlamento foi presidente da Comisión Parlamentaria de Negocios Estranxeiros, vicepresidente da Delegación Parlamentaria Portuguesa ao Consello da Europa, vicepresidente do Grupo Parlamentario do PS e vicepresidente da Asemblea da República.
En 2004 presentouse a secretario xeral do PS, gañando para José Sócrates. En total foi deputado 34 anos. Xubilouse tras deixar o Parlamento.[7] O seu retiro foi motivo de diversos rumores nos medios de comunicación social, que foron levados ao Tribunal, culminando no pagamento a Manuel Alegre dunha indemnización no valor de corenta mil euros, como compensación por danos morais en virtude de noticia publicada en xuño de 2006, no xornal diario Correio da Manhá, e que lle imputaba o recebimento dunha xubilación superior a tres mil euros por escasos meses de traballo na RDP, esquecendo os máis de 30 anos en que Manuel Alegre descontou para a Caixa Xeral de Xubilacións mentres foi deputado na Asemblea da República. Manuel Alegre gañou os recursos en sede de tribunal de primeira instancia, de novo na relación de Lisboa, e de novo en sede de Supremo Tribunal de Xustiza. Acumula tamén unha subvención vitalicia superior a dous mil euros mensuais,[8] aplicada a todos os titulares de cargos públicos con desempeños superiores a 12 anos.[9]
Ten unha biblioteca co seu nome en Águeda. En 2020, durante a pandemia de COVID-19, Manuel Alegre lanzou unha petición para garantir a celebración do festivo 25 de abril no Parlamento,[10] tras esta ser posta en dúbida por un considerábel número de persoas.[11]
En 2006 foi candidato independente ás eleccións presidenciais, obtendo máis votos que Mário Soares, entón candidato oficial do PS. Tras esas eleccións funda o Movemento de Intervención e Cidadanía.
En 2009 cesa o seu último mandato como deputado á Asemblea da República, tras 34 anos no Parlamento, e o ano seguinte, anuncia a súa candidatura ás eleccións presidenciais de 2011, conseguindo o apoio do PS, do BE, do PCTP, ben como dos dirixentes do MIC.
Mantívose no entanto como membro do Consello de Estado, funcións que cesou en 2016, e das Ordes Honoríficas de Portugal.
"O meu amor mariñeiro" é unha canción composta por Fuxan os Ventos", con letra en galego de Luis Álvarez Pousa, adaptada a partir do poema "A Trova do Amor Lusíada", orixinal en portugués, de Manuel Alegre, e música de Xosé L. Rivas Cruz.[12][13]
Antes do 25 de Abril, foi musicado e /ou cantado por José Afonso, Adriano Correia de Oliveira, Luís Cília, Manuel Freire, José Niza. Alain Oulman musicou poemas seus para a voz de Amália Rodrigues. Gravou poemas acompañado pola guitarra de Carlos Paredes. Posteriormente, está representado en Portugal nas voces de João Braga, Paulo de Carvalho, Vitorino, Janita Salomé etc. No Brasil, foi musicado e cantado por Maria Bethânia e na Galiza por Fuxan os ventos. En 2004 foi editado, en edición de autor, “Coração que nasceu livre”, colectánea de poemas de Manuel Alegre cantados, musicados ou declamados por Adriano Correia de Oliveira, Carlos Paredes, Amália Rodrigues, Maria Bethânia, Paulo de Carvalho, Mário Viegas, António Bernardino, Manuel Freire, Janita Salomé, Carlos Mendes, Carlos do Carmo, Francisco Fanhais, Cristina Branco, Vitorino e o grupo Linha da Frente.[14]
Candidato | votos |
---|---|
Aníbal Cavaco Silva | 2 746 689 |
Manuel Alegre | 1 125 077 |
Mário Soares | 778.781 |
Jerónimo de Sousa | 466.507 |
Francisco Louçã | 288.261 |
Garcia Pereira | 23.622 |
Abstención | 3 303 972 |