Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1750 Colombia |
Morte | valor descoñecido |
Actividade | |
Ocupación | revolucionario |
Manuela Beltrán de Quesada, nada en El Socorro, Provincia de Tunja actual Santander, Vicerreinado de Nova Granada actual Colombia, o 13 de marzo de 1724 e finada en data descoñecida, foi unha revolucionaria nada no Vicerreinado de Nova Granada, cuxa protesta contra un aumento desmedido de impostos foi unha causa para o estalido da revolta dos Comuneros de 1781.[1]
Esta heroína tamén foi chamada como "Heraldo Feminino da Liberdade".[2]
Sobre a vida de Manuela Beltrán sábese pouco xa que só hai indicios de que naceu o 13 de marzo de 1724 en El Socorro (Santander,Colombia), pertencía a unha modesta familia, descendente de españois que manufacturaban tabacos. Era "unha muller do pobo", mais coa diferenza que sabía ler o suficiente para coñecer o texto do edicto sobre os novos tributos notificados polo Visitador-Rexente Juan Francisco Gutiérrez de Piñeres, quen substituía e representaba ao vicerrei nas funcións da Real Facenda dentro do vicerreinado.
En Nova Granada, onde non se alcanzou a implantar o sistema de Intendencias, optouse polo de Visitador-Rexente; correspondeulle a Juan Gutiérrez de Piñeres ser o primeiro para Nova Granada. Este foi nomeado pola Audiencia Visitador Xeral, e chegou a Santa Fe de Bogotá en xaneiro de 1778, portando plenos poderes de Carlos III para a reorganización da Real Facenda. O entón vicerrei, Manuel Antonio Flórez, que se trasladou a Cartaxena de Indias para atender a guerra recentemente declarada contra Inglaterra, delegou todos os poderes na Audiencia e en especial no seu rexente. Entre as medidas fiscais introducidas pola Audiencia estaba o cobro dunha longa serie de impostos que por diferentes motivos non se pagaban, entre eles o de Armada de Barlovento, cuxo cobro decidiuse efectuar separado da Alcabala. O imposto de Barlovento, como a Alcabala, era un gravame que recaía sobre as vendas e que por tanto afectaba os consumos de todas as clases sociais. A zona onde se empezaron a manifestar con maior virulencia as protestas populares foi El Socorro, unha das máis prósperas do vicerreinado, mais á vez unha das que foran afectadas pola prohibición da sementeira de tabaco e polos problemas derivados da tenencia da terra.
Manuela Beltrán, o 16 de marzo de 1781, con 57 anos, recolle a indignación do pobo sobre este feito, e ao berro de "Viva o Rei e morra o mal goberno", chegou á fronte das masas á porta da alcaldía, arrincou e simulou limparse o cu co papel, lanzou ao vento o edicto do Concello de El Socorro[3] no cal se fixaba e se anunciaba a alza dos impostos de Armada e Barlovento. Nese momento liderou un motín contra os impostos mercantís estabelecidos polo visitador-rexente Gutiérrez de Piñeres, no que máis de dous mil manifestantes que acudiran á praza do mercado apiñáronse fronte á residencia do alcalde e todo iso desembocou na revolta dos comuneros. Ese xesto foi a faísca que acendeu a rebelión que mantería en xaque o goberno do vicerreinado.[4]
A insurrección estendeuse como a pólvora por todo o nororiente do Vicerreinado, pasando logo ao centro e occidente deste. O pobo, que berraba "Viva o rei e abaixo o mal goberno!", escolleu como xeneral a Juan Francisco de Berbe, que xunto a Salvador Plata, Antonio Monsalve e Francisco Rosillo constituíu unha Xunta revolucionaria chamada do Común, de onde se derivou o apelativo de revolta ou insurrección comuneira.[5] O precursor Francisco de Miranda, que desde Europa seguiu moi de cerca este levantamento popular, mencionou a Manuela Beltrán como a velliña que iniciou tan soada rebelión. Esta actitude de rebeldía estendeuse por territorio neogranadino desde Mérida, Venezuela, até Pasto, Colombia, creándose unha conciencia no pobo contra o goberno colonial da época. Moitos coinciden en sinalar o movemento comuneiro como un antecedente da loita pola independencia.
Crese que morreu sendo fusilada polas tropas realistas. Foi resucitada pola historiografía do século XX como símbolo do nacionalismo pre-revolucionario e considerada a primeira heroína da loita emancipadora e a independencia.