Mariner 6

Mariner 6
Mariner 6
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualÓrbita heliocéntrica.[1][2][3]
Data de lanzamento25 de febreiro de 1969, 1:29 GMT[1][1][4][5][6]
Foguete portadorAtlas SLV-3C Centaur D[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36B[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID1969-014A
Masa411,8 kg[1]
Potencia449 W[1]

Mariner 6 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 25 de febreiro de 1969 mediante un foguete Atlas SLV-3C Centaur D desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para sobrevoar e estudar Marte.[1][2][3]

Características

[editar | editar a fonte]

Mariner 6 pertenceu ó programa Mariner da NASA. Fixo, xunto con Mariner 7, un sobrevoo conxunto de Marte para facer medicións e observacións científicas, servindo ademais como guía e proba para Mariner 7, que sobrevoou o planeta cinco días máis tarde. A misión principal era estudar a atmosfera e superficie de Marte para establecer unha base para futuras investigacións, probar novas tecnoloxías e adquirir máis práctica en voo interplanetario. A diferenza de noutras misións, nin Mariner 6 nin Mariner 7 recolleron datos do medio interplanetario, centrándose tan só en estudar Marte.[1][2][3]

A nave estaba composta por un corpo octagonal de magnesio de 138,4 cm de diagonal e 45,7 cm de altura que albergaba a electrónica, a cablaxe, o sistema de propulsión e reguladores. Na parte superior da estrutura atopábase unha superestrutura cónica que sostiña a antena parabólica de alta ganancia, de 1 metro de diámetro. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares sobresaíndo da estrutura, cunha envergadura de 579 cm entre cada par de paneis. Cada panel medía 215 x 90 cm e en conxunto proporcionaban ata 449 W de potencia á distancia de Marte (800 W á distancia da Terra), alimentando unha batería cunha enerxía de 1200 vatios hora e feitas de prata e cinc.[1][2][3]

As comunicacións corrían a cargo dunha antena parabólica de alta ganancia e dunha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,23 metros de lonxitude situado ao lado da antena parabólica, o que daba unha altura total á nave de 3,35 m. Os transmisores traballaban en banda S e os datos podían gardarse nunha grabadora de cinta analóxica cunha capacidade de 195 Mbit para retransmitilos máis tarde.[1][2][3]

O sistema de propulsión alimentábase con hidracina, cun motor principal de 223 N de impulso para as correccións de curso e doce pequenos propulsores alimentados por nitróxeno frío para o control de actitude. Para o coñecemento da posición, Mariner 6 usaba sete sensores solares e varios sensor para localizar a Terra, Marte e Canopus.[1][2][3]

Instrumentación científica

[editar | editar a fonte]
Composición con fotos tomadas por Mariner 6 e Mariner 7.

Mariner 6, igual que Mariner 7, levaba a bordo unha cámara de televisión con capacidade de gran angular e teleobxectivo, un espectroscopio e radiómetro para o infravermello e un espectroscopio para o ultravioleta. Os instrumentos atopábanse nunha plataforma móbil situada na parte inferior do octágono do corpo principal e pesaban un total de 57,6 kg.[1][2][3]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Tras o lanzamento o 25 de febreiro de 1969, Mariner 6 foi inxectada nunha órbita de transferencia cara Marte, tras o cal despregáronse os paneis solares. O 1 de marzo dese mesmo ano Mariner 6 executou unha manobra de corrección e uns días máis tarde despregouse a plataforma coa instrumentación científica. A plataforma foi despregada grazas a pernos explosivos que liberaron partículas brillantes que confundiron temporalmente ó seguidor estelar, co que a nave perdeu a súa actitude de maneira temporal. Dada esta experiencia, decidiuse que no momento do sobrevoo a nave usaría o seu sistema de navegación inercial e non os seguidores estelares.[1][2][3]

O 29 de xullo de 1969, 50 horas antes da máxima aproximación, a plataforma de instrumentos de Mariner 6 quedou apuntada cara ao planeta e os instrumentos se acenderon. A toma de imaxes de Marte comezou dúas horas despois, obténdose 49 imaxes do planeta durante as 41 horas seguintes para os efectos de navegación. Ás 5:03 UTC do 31 de xullo comezou a fase de maior aproximación, obténdose 26 imaxes de cerca. Un fallo de refrixeración no espectrómetro infravermello impediu o funcionamento do canal de lonxitudes de onda de 6 a 14 micrómetros. A máxima aproximación tivo lugar ás 5:19:07 UTC, a unha distancia de 3431 km da superficie marciana. Once minutos máis tarde Mariner 6 pasou pola sombra de Marte, perdéndose o contacto coa sonda e recuperándose aos 25 minutos ao reaparecer polo outro lado. Durante os días seguintes retransmitíronse os datos obtidos durante o sobrevoo, tras o cal a nave foi posta de novo en modo cruceiro, facéndose diversos experimentos de enxeñería e científicos.[1][2][3]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 NASA (1 de xullo de 2013). "Mariner 6" (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Mark Wade (2011). "Mariner 6-7" (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2013. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mariner 6, 7" (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARINER 6 (MARS)" (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2013. 
  5. "Letter dated 15 May 1969 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (69-11558). 28 de maio de 1969: 2. Consultado o 2 de abril de 2020. 
  6. Claude Lafleur (2010). "Mariner 6" (en inglés). Consultado o 4 de agosto de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]