Mariner 7 | |
---|---|
Mariner 7 | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Destino actual | Órbita heliocéntrica.[1][2][3] |
Data de lanzamento | 27 de marzo de 1969, 22:22 GMT[1][1][4][5] |
Foguete portador | Atlas SLV-3C Centaur D[1][3] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36A[1][2] |
Obxectivo da misión | Estudo de Marte.[1][2] |
NSSDC ID | 1969-030A |
Masa | 411,8 kg[1] |
Potencia | 449 W[1] |
Mariner 7 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 27 de marzo de 1969 mediante un foguete Atlas SLV-3C Centaur D desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para sobrevoar e estudar Marte.[1][2][3]
Mariner 7 pertenceu ó programa Mariner da NASA. Fixo, xunto con Mariner 6, un sobrevoo conxunto de Marte para facer medicións e observacións científicas, usando a experiencia de Mariner 6, que sobrevoou o planeta cinco días antes, para obter mellores datos científicos. A misión principal era estudar a atmosfera e superficie de Marte para establecer unha base para futuras investigacións, probar novas tecnoloxías e adquirir máis práctica en voo interplanetario. A diferenza de noutras misións, nin Mariner 6 nin Mariner 7 recolleron datos do medio interplanetario, centrándose tan só en estudar Marte.[1][2][3]
A nave estaba composta por un corpo octagonal de magnesio de 138,4 cm de diagonal e 45,7 cm de altura que albergaba a electrónica, a cablaxe, o sistema de propulsión e reguladores. Na parte superior da estrutura atopábase unha superestrutura cónica que sostiña a antena parabólica de alta ganancia, de 1 metro de diámetro. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares sobresaíndo da estrutura, cunha envergadura de 579 cm entre cada par de paneis. Cada panel medía 215 x 90 cm e en conxunto proporcionaban ata 449 W de potencia á distancia de Marte (800 W á distancia da Terra), alimentando unha batería cunha enerxía de 1200 vatios hora e feitas de prata e cinc.[1][2][3]
As comunicacións corrían a cargo dunha antena parabólica de alta ganancia e dunha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,23 metros de lonxitude situado ao lado da antena parabólica, o que daba unha altura total á nave de 3,35 m. Os transmisores traballaban en banda S e os datos podían gardarse nunha grabadora de cinta analóxica cunha capacidade de 195 Mbit para retransmitilos máis tarde.[1][2][3]
O sistema de propulsión alimentábase con hidracina, cun motor principal de 223 N de impulso para as correccións de curso e doce pequenos propulsores alimentados por nitróxeno frío para o control de actitude. Para o coñecemento da posición, Mariner 7 usaba sete sensores solares e varios sensor para localizar a Terra, Marte e Canopus.[1][2][3]
Mariner 7, igual que Mariner 7, levaba a bordo unha cámara de televisión con capacidade de gran angular e teleobxectivo, un espectroscopio e radiómetro para o infravermello e un espectroscopio para o ultravioleta. Os instrumentos atopábanse nunha plataforma móbil situada na parte inferior do octágono do corpo principal e pesaban un total de 57,6 kg.[1][2][3]
Tras o lanzamento o 27 de marzo de 1969, Mariner 7 foi inxectada nunha órbita de transferencia cara Marte, tras o cal despregáronse os paneis solares. O 8 de abril dese mesmo ano Mariner 7 executou unha manobra de corrección e uns días máis tarde despregouse a plataforma coa instrumentación científica. Previamente ó despregue da plataforma científica a nave foi posta no modo de navegación inercial para evitar o problema que afectou a Mariner 6, no que partículas brillantes liberadas tras o funcionamento dos pernos explosivos que retiñan á plataforma confundiron ó seguidor estelar, co que a nave perdeu a súa actitude de maneira temporal. O 31 de xullo perdeuse comunicación coa sonda. Automaticamente Mariner 7 comezou a transmitir pola antena de baixa ganancia, retomándose o contacto, conseguindo máis tarde conmutar as comunicacións de novo á antena de alta ganancia. A causa probable foi a exección de gases dunha batería, hipótese que foi reforzada pola perda da batería uns días antes do sobrevoo de Marte.[1][2][3]
O 2 de agosto de 1969 ás 9:32:33 UTC, a plataforma de instrumentos de Mariner 7 quedou apuntada cara ao planeta e os instrumentos acenderon, obténdose 93 imaxes do planeta durante as 57 horas seguintes. Grazas ó sobrevoo previo de Mariner 6, Mariner 7 foi reprogramada para obter máis datos e máis ao sur do planeado inicialmente. A máxima aproximación tivo lugar ás 5:00:49 UTC do 5 de agosto, obténdose 3 imaxes de cerca e pasando a 3430 km da superficie marciana. Durante os días seguintes retransmitíronse os datos obtidos durante o sobrevoo, tras o cal a nave foi posta de novo en modo cruceiro, facéndose diversos experimentos de enxeñería e científicos.[1][2][3]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mariner 7 |