Mars 4

Mars 4
Mars 4
TipoOrbitador de Marte
Data de lanzamento21 de xullo de 1973, 19:30 GMT[1][2][3]
Foguete portadorProton K/D[2][4]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[2][4][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[2][4][5]
NSSDC ID1973-047A
Masa2270 kg[2]

Mars 4 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 21 de xullo de 1973 mediante un foguete Proton K/D desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte.[1][2][4][5][3]

Características

[editar | editar a fonte]

Mars 4 era unha sonda de tipo Mars M-73, consistente nun orbitador cunha masa de 3440 kg chea de propelente (2270 kg baleira) que levaba a bordo dúas cámaras de televisión para tomar imaxes de Marte, un fotómetro Lyman alfa para buscar hidróxeno na parte superior da atmosfera, un magnetómetro, unha trampa de ións, un sensor de plasma, un radiómetro infravermello para medir a temperatura do planeta, un radiotelescopio polarímetro para medir a constante dieléctrica da superficie, dous polarímetros para estudar a textura da superficie e un espectrómetro para estudar as emisións da atmosfera superior. A nave levaba dous experimentos franceses: un denominado Zhemo para estudar a distribución e intensidade dos fluxos de protóns e electróns solares, e outro chamado Stereo-2 para estudar as radioemisións do Sol.[1][2][4][5][3]

As catro naves de tipo Mars M-73 (Mars 4, Mars 5, Mars 6 e Mars 7) víronse afectadas por un defecto na súa electrónica consistente no uso de transistores 2T312 que usaban aluminio nos seus contactos en vez de ouro, o que producía unha degradación importante e finalmente o fallo da electrónica. Mars 4, 6 e 7 fallaron nas súas misións principais debido a este problema.[1][2][4][5][3]

Perfil da misión

[editar | editar a fonte]

Tras o lanzamento, Mars 4 efectuou unha manobra de corrección de traxectoria o 30 de xullo de 1973. Chegou a Marte o 10 de febreiro de 1974, pero debido ao problema cos transistores os retrofoguetes nunca chegaron a ser acendidos, polo que non entrou na órbita do planeta vermello. Mars 4 pasou a 1844 km da superficie marciana, enviando unhas cantas imaxes e facendo un experimento de radioocultación no que se detectou por primeira vez a ionosfera do lado nocturno de Marte. Despois de pasar de longo, Marse 4 seguiu enviando datos do espazo interplanetario.[1][2][4][5][3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS 4" (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 NASA (28 de outubro de 2022). "Mars 4" (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Letter dated 7 September 1973 from the Deputy Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (73-17808). 13 de setembro de 1973: 2. Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Mars 4, 5 (Mars M73 Orbiter #1, #2)" (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Mark Wade (2023). "Mars" (en inglés). Consultado o 5 de xullo de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]