Mars 5 | |
---|---|
Mars 5 | |
Tipo | Orbitador de Marte |
Data de lanzamento | 25 de xullo de 1973, 18:55 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Proton K/D[2][4] |
Sitio de lanzamento | Cosmódromo de Baikonur[2][4][5] |
Obxectivo da misión | Estudo de Marte.[2][4][5] |
NSSDC ID | 1973-049A |
Masa | 2270 kg[2] |
Mars 5 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 25 de xullo de 1973 mediante un foguete Proton K/D desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte. Foi lanzada so catro días despois da Mars 4.[1][2][4][5][3]
Mars 5 era unha sonda de tipo Mars M-73, consistente nun orbitador cunha masa de 3440 kg chea de propelente (2270 kg baleira) que levaba a bordo dúas cámaras de televisión para tomar imaxes de Marte, un fotómetro Lyman alfa para buscar hidróxeno na parte superior da atmosfera, un magnetómetro, unha trampa de ións, un sensor de plasma, un radiómetro infravermello para medir a temperatura do planeta, un radiotelescopio polarímetro para medir a constante dieléctrica da superficie, dous polarímetros para estudar a textura da superficie e un espectrómetro para estudar as emisións da atmosfera superior. A nave levaba dous experimentos franceses: un denominado Zhemo para estudar a distribución e intensidade dos fluxos de protóns e electróns solares, e outro chamado Stereo-2 para estudar as radioemisións do Sol.[1][2][4][5][3]
As catro naves de tipo Mars M-73 (Mars 4, Mars 5, Mars 6 e Mars 7) víronse afectadas por un defecto na súa electrónica consistente no uso de transistores 2T312 que usaban aluminio nos seus contactos en vez de ouro, o que producía unha degradación importante e finalmente o fallo da electrónica. Mars 4, 6 e 7 fallaron nas súas misións principais debido a este problema.[1][2][4][5][3]
Tras o lanzamento, Mars 5 efectuou manobras de corrección de traxectoria o 3 de agosto de 1973 e o 2 de febreiro de 1974. Chegou a Marte o 12 de febreiro de 1974, insertándose nunha órbita elíptica de 1755 km de periapse e 32 555 de apoapse, cun período orbital de 24 horas e 53 minutos e unha inclinación de 35,3°. A nave funcionou durante 22 órbitas ata que unha perda de presurización no compartimento do transmisor acabou coa misión.[1][2][4][5][3]
Mars 5 obtivo 60 imaxes da superficie marciana, mostrando a parte sur do Valles Marineris. O radiómetro da nave mediu unha temperatura máxima de 272 K no lado diúrno do planeta, 230 K no terminador e 200 K no lado nocturno. A inercia térmica medida era consistente con tamaños de gran de entre 0,1 e 0,5 mm, con grans de 0,04 mm en depósitos de orixe eólica. Medíronse seis perfiles de altitude co fotómetro para o CO2. Atopouse que o contido en uranio, torio e potasio dalgunhas zonas era similar a algunhas rocas terrestres e mediuse unha constante dieléctrica de entre 2,5 e 4 a profundidades de varias decenas de centímetros. Na rexión de Tarsis mediuse a maior concentración de auga, mentres que se detectou unha capa de ozono a unha altura de 40 km cunha milésima da concentración da da Terra. As medicións de ocultación mostraron a existencia dunha ionosfera no lado nocturno, algo xa detectado por Mars 4.[1][2][4][5][3]