Mars 7 | |
---|---|
Mars 7 | |
Tipo | Aterrador de Marte |
Data de lanzamento | 9 de agosto de 1973, 17:00 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Proton K/D[2][4] |
Sitio de lanzamento | Cosmódromo de Baikonur[2][4][5] |
Obxectivo da misión | Estudo de Marte.[2][4][5] |
NSSDC ID | 1973-053A |
Masa | 3260 kg[2] |
Mars 7 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 9 de agosto de 1973 mediante un foguete Proton K/D desde o cosmódromo de Baikonur cara Marte. Foi lanzada catro días despois de Mars 6.[1][2][4][5][3]
Mars 7 era unha sonda de tipo Mars M-73 de 3260 kg consistente nun módulo de sobrevoo de Marte e un módulo de descenso para deixar unha sonda na superficie. O módulo de sobrevoo retransmitiría os datos do módulo de descenso, que levaba a bordo un telefotómetro panorámico para fotografar a superficie, sensores para medir a temperatura, presión, densidade e velocidade do vento durante o descenso, un espectrómetro de masas para estudar a composición atmosférica, un radioaltímetro, un experimento para analizar a composición do solo marciano e sensores para medir as propiedades mecánicas do mesmo. O módulo de sobrevoo levaba un telefotómetro para obter imaxes da superficie, un sensor Lyman alfa para buscar hidróxeno na parte superior da atmosfera, un magnetómetro, unha trampa de ións, un sensor de plasma, sensores para raios cósmicos e para micrometeoritos e un radiómetro francés para medir as radioemisións solares.[1][2][4][5][3]
As catro naves de tipo Mars M-73 (Mars 4, Mars 5, Mars 6 e Mars 7) víronse afectadas por un defecto na súa electrónica consistente no uso de transistores 2T312 que usaban aluminio nos seus contactos en vez de ouro, o que producía unha degradación importante e finalmente o fallo da electrónica. Mars 4, 6 e 7 fallaron nas súas misións principais debido a este problema.[1][2][4][5][3]
Mars 7 fixo unha manobra de corrección de traxectoria o 16 de agosto de 1973, chegando a Marte o 9 de marzo de 1974. O módulo de descenso separouse prematuramente do de sobrevoo, posiblemente debido ao problema cos transistores, polo que pasou a 1300 km da superficie. Os dous módulos entraron nunha órbita heliocéntrica.[1][2][4][5][3]