Marta Rovira i Vergés, nada en Vic o 25 de xaneiro de 1977, é licenciada en dereito e política catalá, actual secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya e deputada no Parlamento de Cataluña na X, XI e XII lexislaturas.
Nada o 25 de xaneiro de 1977 na cidade de Vic (provincia de Barcelona), algúns dos seus antepasados participaron en política a nivel local durante a ditadura franquista; o seu avó materno, Francesc Vergés i Ordeig, foi alcalde de Sant Pere de Torelló entre 1956 e 1965, e un dos seus bisavós por parte de pai, Jaume Rivera i Camps, desempeñou o cargo de alcalde de Prats de Llusanés entre 1939 e 1941.[1][2]
Marta Rovira é licenciada en dereito pola Universidade Pompeu Fabra e en Ciencias Políticas e da Administración Pública pola Universidade Aberta de Cataluña. Máster en avogacía, impartiu clases de dereito administrativo na Escola de Policía de Cataluña entre 2003 e 2007, foi directora do servizo loxístico da Axencia Catalá de Cooperación e Desenvolvemento (2007-2011).[3]
É militante de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) dende 2005, onde en 2008 foi elixida secretaria de Política Internacional, Europa e Cooperación e en 2011 secretaria xeral do partido encabezado por Oriol Junqueras. Nas eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2012, foi o número 2 na lista por Barcelona de ERC sendo elixida deputada e ocupando entre 2012 e 2015 o cargo de voceira do grupo parlamentario. En 2015 presentouse de novo ás eleccións na candidatura independentista de Junts pel Sí sendo elixida deputada e de novo, voceira do grupo parlamentario.
Entre 2008 e 2012 foi a secretaria xeral da Alianza Libre Europea, entre 2006 e 2007 secretaria da Asociación de Mozos Avogados de Cataluña, organización da cal fora presidenta local en Vic entre 2004 e 2006.
Dende o 17 de xaneiro de 2018 foi deputada no Parlamento de Cataluña na XII lexislatura pola coalición electoral Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí.[4]
O 22 de decembro de 2017 o Tribunal Supremo de España imputouna por un presunto delito de rebelión pola súa participación no chamado "comité estratéxico" independentista. Citada a declarar ante devandito tribunal pola súa relación co proceso independentista, o 19 de febreiro de 2018, finalmente foi posta en liberdade condicional baixo fianza de 60.000 €. O 23 de febreiro de 2018, iniciouse o prazo de dez días que o Tribunal Supremo deu á secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, para que depositase a fianza de 60.000 euros que lle impuxo o xuíz Llarena.[5][6][7][8]
O 21 de marzo de 2018 o xuíz do Tribunal Supremo de España Pablo Llarena citou o 23 de marzo de seguinte ós investigados pola causa para comunicarlles o auto de procesamento, que fixará que condutas delituosas se imputan concretamente a cada un dos implicados.
O día 22 de marzo de 2018, inmediatamente finalizada a votación errada para a investidura de Jordi Turull como presidente da Generalitat de Cataluña, Rovira renunciou, xunto a Carme Forcadell e Dolors Bassa, á acta de deputada do Parlamento de Cataluña.[9]
O día 23 de marzo, Marta Rovira mediante unha carta enviada a TV3, logo de fuxir a Suíza, comunicou a súa decisión de non acudir á citación xudicial para evadirse da xustiza española.[10][11]