O masacre de Santa Cruz (tamén coñecido como o masacre de Dili) foi un tiroteo ocorrido o 12 de novembro de 1991 no cemiterio de Santa Cruz da cidade de Dili, capital da entón provincia indonesia de Timor Timur, e no cal perderon a vida polo menos 250 manifestantes en prol da independencia de Timor Leste debido á ocupación do país por parte de Indonesia. É parte do xenocidio de Timor Leste.
En outubro de 1991 proxectouse, durante unha visita do enviado especial da ONU Pieter Kooijmans, unha visita dunha delegación a Timor Leste integrada por membros do Parlamento portugués e doce xornalistas.[1] O goberno indonesio obxectou a inclusión na delegación de Jill Jolliffe, un xornalista australiano considerado como partidario do Fretilin, movemento independentista timorense, e Portugal posteriormente cancelou a delegación.[2][3] A cancelación da delegación causou unha perda de ánimo entre os activista pola independencia, quen esperaban utilizar a visita para aumentar a atención internacional sobre a súa causa.[4] E así, as tensións entre autoridades indonesias e as mocidades timorenses aumentaron nos días seguintes á decisión de Portugal. O 28 de outubro, as tropas indonesias atoparan un grupo de membros da resistencia na Igrexa de San Antonio de Motael. O resultado foi unha confrontación que resultou na morte de varias persoas, incluíndo o independentista Sebastião Gomes.[5]
Neses momentos había estranxeiros que viñeran a Timor Leste para observar a delegación portuguesa, incluíndo a xornalistas independentes como Amy Goodman e Allan Nairn, e o camarógrafo británico Max Stahl, que asistiron a un acto conmemorativo para Gomes o 12 de novembro, no que varios homes, mulleres e nenos camiñaron desde a Igrexa de Motael até o cemiterio de Santa Cruz. Foi a manifestación máis grande e máis visible contra a ocupación indonesia desde 1975.[6]
Durante unha breve confrontación entre manifestantes e tropas indonesias, un número de manifestantes e un maior do exército, Geerhan Lantara, foron acoitelados.[7] Stahl dixo que Lantara atacara a un grupo de manifestantes incluíndo a unha moza que levaba a bandeira timorense, e o activista de FRETILIN Constâncio Pinto relatou que testemuñas presenciaran golpes por parte da policía e soldados indonesios.[8][9] Cando a procesión logrou chegar ao cemiterio algúns continuaron as súas protestas ante a parede do cemiterio. Ao redor de 200 soldados indonesios chegaron entón e avanzaron contra os manifestantes coas súas armas desenfundadas.[10] As tropas indonesias abrirían logo fogo contra uns centos de civís desarmados.
O masacre foi presenciado polos dous xornalistas estadounidenses, Amy Goodman e Allan Nairn, e filmado por Max Stahl, quen traballaba para a Yorkshire Television. Cando Stahl filmou o masacre, Goodman e Nairn «tentaron servir como escudo para os timorenses». Os soldados empezaron entón a golpear a Goodman, fracturándolle o cranio.[11]
Polo menos 250 timorenses morreron na matanza.[12] As autoridades indonesias describiron o incidente como unha reacción espontánea á violencia dos manifestantes ou un «malentendido».[13] Os obxectores ás accións dos militares citaron dous factores en contra desta versión: a historia documentada de violencia en masa cometida por tropas indonesias en sitios como Quelicai, Lacluta e Kraras, e unha serie de declaracións de políticos e axentes en Indonesia, xustificando a violencia do exército.[14] Try Sutrisno, comandante en xefe das forzas indonesias, dixo dous días despois do masacre: «O exército non pode ser subestimado. Ao final tivémoslles que disparar. Aos delincuentes como estes axitadores hai que dispararlles, e iso se vai facer».[15]
En resposta ao masacre, activistas ao redor do mundo organizáronse en solidariedade con Timor Leste. A pesar de que unha rede pequena de individuos e grupos viñera traballando polos dereitos humanos e a autodeterminación do Timor Leste desde que a ocupación empezara, a súa actividade tomou nova forza despois do masacre de 1991.[16] TAPOL, unha organización británica formada en 1973 para promover a democracia en Indonesia, aumentou o seu traballo ao redor de Timor Leste. Nos Estados Unidos fundouse a East Timor Action Network e pronto conseguiu sedes en dez cidades ao redor do país.[17] Outros grupos de solidariedade apareceron en Portugal, Australia, Xapón, Alemaña, Malaisia, Irlanda e Brasil.
As imaxes do masacre foron vistas por todo o mundo, causando vergoña considerable ao goberno indonesio. A cobertura era un exemplo de como o aumento dos medios de comunicación en Indonesia facía cada vez máis difícil para a «Nova Orde» controlar o fluxo de información en Indonesia, e que nos tempos despois da Guerra Fría, o goberno tería que lidar cun crecente escrutinio internacional. As imaxes do masacre foron tamén distribuídas en Indonesia, permitíndolle aos propios cidadáns indonesias ver as accións do goberno sen ningunha censura.[18]
O Congreso dos EUA votou a favor de cortar o financiamento para a formación do persoal militar indonesio, aínda así a venda de armas dos Estados Unidos ás Forzas Armadas de Indonesia continuou.[19] O presidente Bill Clinton cortou todos os lazos militares de EUA co exército indonesio en 1999. En 2005, EUA retomara o adestramento e cooperación militar e para 2012 o presidente Barack Obama aumentara a axuda financeira militar para Indonesia a $1.56 mil millóns.[20]
O masacre moveu ao goberno portugués a aumentar a súa campaña diplomática. Portugal tentou aplicar presión ao promover o asunto entre os outros membros da Unión Europea, mais sen moito éxito. Aínda así, outros países da Unión como o Reino Unido mantiveron relacións económicas próximas con Indonesia, incluíndo vendas de armas.[21]
O aniversario do masacre é conmemorado en Timor Leste como día festivo.