Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Maud Kathleen Dowley 7 de marzo de 1903 Yarmouth |
Morte | 30 de xullo de 1970 (67 anos) Digby, Canadá (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Folk art (en) e pintura |
Lugar de traballo | Marshalltown (en) |
Ocupación | pintora, artista |
Familia | |
Cónxuxe | Everett Lewis |
Maud Kathleen Lewis, nada como Dowley en Yarmouth[1] o 7 de marzo de 1903 e finada en Digby o 30 de xullo de 1970, foi unha pintora folclórica canadense de Nova Escocia, unha das artistas populares máis recoñecidas do Canadá[2].
Naceu na vila Yarmouth[3], filla de John e Agnes (Germain) Dowley[4] que xa contaban cun fillo máis. Maud tiña eivas de nacemento e, finalmente, desenvolveu artrite reumatoide, o que reduciu a súa mobilidade, especialmente nas mans. Foi súa nai quen a introduciu no mundo da arte ao aprenderlle a facer tarxetas de Nadal debuxadas e pintadas a man para a venda[5].
Dunha relación con Emery Allen, de Digby, deu a luz á súa filla, Catherine Dowley, en 1928 e despois de Allen abandonar a Dowley e súa filla, continuou a vivir na casa cos seus pais. Un tribunal ordenou a adopción de Catherine, por carecer de recursos para a coidar. En 1935 morreu seu pai e en 1937 súa nai[4] e despois de vivir con seu irmán por un curto período de tempo, mudouse a Digby con súa tía.
Casou con Everett Lewis, un vendedo itinerante de peixe de Marshalltown, o 16 de xaneiro de 1938, á idade de 34 anos[6]. Segundo Everett, Maud apareceu na súa porta en resposta a un anuncio que puxera nas tendas locais para contratar unha muller residente que se encargase dos labores na casa para un solteiro de corente anos. Unhas semanas despois casaron[4]. Os dous viviron cas de Everett, dun só cuarto, en Marshalltown, a poucos quilómetros ao oeste de Digby. A casa converteuse no estudo de Maud e Everett encargábase do traballo doméstico[7].
Maud acompañaba a seu marido no percorrido que facía pola contorna co peixe para vender as súas tarxetas de Nadal a 25 céntimos, e coa boa acollida animouse a pintar noutro tipo de superficies, como cartóns de embalaxe, reverso das caixas de galletas de cartón, masonita. Pintou toda a súa casa e o que contiña, sen lle importar o tipo de superficie: muros, portas, fiestras, tixolas e recubriu totalmente o papel pintado da casa con motivos que recordan as plantas: follas, flores, talos[8]. Seu home sempre a apoiou e mercoulle o seu primeiro xogo de óleos [8]. Nos últimos anos da súa vida, a súa saúde deteriorouse, con numerosas visitas ao hospital; non obstante, Maud seguiu a pintar todo o que puido ata a súa morte en 1970. Seu home morreu en 1979 ao acoitelar un ladrón nun intento de roubo na súa casa[9].
A maioría das obras de Maud Lewis son pinturas con escenas ao aire libre, como barcos aboiando no mar, cabalos que tiran de zorras, patinadores, imaxes de cans, gatos, cervos, aves e vacas. A súa inspiración vén principalmente dos recordos da mocidade: paisaxes e xente da rexión de Yarmouth e Digby e tamén tomou ideas das tarxetas de Nadal comerciais e dos calendarios.
A maioría das súas obras son pequenas, con frecuencia de 20 cm x 25 cm. Aínda que, cando menos, realizou cinco de 60 cm x 90 cm. A lonxitude e o alcance dos seus brazos, moi limitado polo avance da artrite, influía nas dimensións das pinturas que realizaba. Utilizaba a miúdo taboleiros murais e tubos de Tinsol, unha pintura ao óleo. Case sempre seguía o mesmo ritual ao pintar: aplicar unha capa de pintura branca, debuxar un esbozo e finalmente aplicar a pintura directamente dos tubo, xa que nunca mesturou ou combinou cores[10].
Consérvanse poucas pinturas súas da década de 1940 pero ao inicio desa década pintou 22 persianas exteriores para unha familia estadounidense, os Chaplin/Wennerstrom, en Port Mouton; a maior parte das persianas son de dimensións considerables: 150 cm x 48 cm e forman parte agora da colección Clearwater Fine Foods Inc. Entre 1945 et 1950, moita xente paraba regularmente en Marshalltown para lle mercar as súas pinturas por 2 ou 3 dólares canadenses, e tan só nos últimos tres ou catro anos da vida de Maud comezou a vender pinturas ao prezo de 7 ou 10 dólares ao coller sona a partir da publicación en 1964 dun artigo nun xornal de Toronto, o Star Weekly e en 1965 apareceu como figura destacada nun Telescope, unha serie de CBC Television. Por mor da artrite non puido completar todos os pedidos xerados por este tardío recoñecemento nacional.
Despois da morte do marido de Maud, a casa comezou a se deteriorar. Coa misión de salvar a casa como monumento hisórico, xente da rexión formou a Maud Lewis Painted House Society.. En 1984 a provincia de Nova Escocia comprou a casa que quedou ao coidado da Galería de Arte de Nova Escocia, como museo provincial, que a restaurou e instalou no museo como parte da exposición permanente Maud Lewis[4]. No lugar onde estaba a casa instalouse un memorial en aceiro concibido polo arquitecto Brian MacKay-Lyons. En 1999 un pescador, Murray Ross, construíu unha réplica da casa de Maud a poucos quilómetros de Digby[11].
A Oficina Nacional do Cinema do Canadá realizou tres documentais sobre a obra de Maud Lewis: Maud Lewis - A World Without Shadows (1976),[12] The Illuminated Life of Maud Lewis (1998) e I Can Make Art ... Like Maud Lewis (2005). Este último é unha curtametraxe no que alumnos de 6ª grao inspirados polo traballo de Lewis crean as súas propias pinturas folclóricas[13]
En 2009 a Galería de Arte de Nova Escocia en colaboración con Greg Thompson Productions, produciu unha peza de teatro sobre Lewis A Happy Heart: The Maud Lewis Story escrita por Greg Thompson en 2008.
O filme Maudie[14]con guión de Sherry White tivo a súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2016. A película, baseada na vida da artista, dirixiuna Aisling Walsh protagonizada por Sally Hawkins como Maud e Ethan Hawke como Everett Lewis.[15]