A memoria da auga é a suposta capacidade da auga de reter unha "lembranza" ou "memoria" das substancias que foron previamente disoltas nela nunha disolución arbitraria. Ningunha evidencia científica sostén esta suposición.[1][2] Afírmase que para que estes efectos aparezan cómpre axitar a auga en cada fase da dilución en serie.[3] O concepto foi proposto por Jacques Benveniste para explicar os supostos poderes terapéuticos dos remedios homeopáticos, que se preparan tradicionalmente diluíndo solucións a un grao tan alto que non permanece ningunha molécula da substancia orixinal na maioría das preparacións finais. Benveniste intentou probar este principio básico da homeopatía realizando un experimento que fose publicado "independentemente dos intereses homeopáticos" nunha revista científica importante.[4]
Aínda que algúns estudos, incluíndo os do propio Benveniste, informaron que se observou este efecto, as replicacións dos experimentos seguindo o método do dobre cego non conseguiron reproducir o mesmo resultado. O concepto non é coherente con leis científicas básicas de xeral aceptación e non é admitido pola comunidade científica.[5][6] A auga líquida non mantén redes ordenadas de moléculas durante períodos de tempo maiores dunha pequena fracción de nanosegundo.[7]
Os remedios homeopáticos prepáranse realizando disolucións sucesivas en auga do principio activo. Poden utilizar unha escala de dilución decimal (D ou X) no que en cada sucesiva dilución se dilúe a preparación nun factor de 10, ou unha escala centesimal (C), na que se dilúe nun factor de 100.
Na práctica homeopática este proceso de dilución repítese moitas veces.[8][9] O fundador da homeopatía, Hahnemann, avogaba por dilucións 30C para a maioría dos tratamentos (isto é unha dilución nun factor de 1060).[10] En moitos casos utilízanse dilucións moito maiores, como C200, o que significa que existiría unha molécula de substancia por cada 10400 moléculas de auga (un 1 seguido de 400 ceros). Porén, un litro de auga tan "só" contén 34 607 650 000 000 000 000 000 000 moléculas (34·1024), polo que a probabilidade de que haxa polo menos algunha molécula da substancia activa é practicamente cero [11], da orde de 10−175. Isto está baseado nun concepto científico básico chamado número de Avogadro, que di que un mol dunha substancia contén sempre 6,022 1023 partículas (moléculas, átomos)[12]. A disolución maior á que razoablemente existe algunha probabilidade de que conteña polo menos unha molécula da substancia orixinal disolta é de aproximadamente 12C.[13]
Debido á dificultade que representa o número de Avogadro á hora de explicar o funcionamento das terapias homeopáticas, na actualidade moitos homeópatas recorren á premisa da "memoria da auga" para explicalo.
No estudo orixinal,[4] o equipo do inmunólogo francés Jacques Benveniste no Institut national de la santé et de la recherche médicale (INSERM) francés diluíu unha solución de anticorpos humanos en tal grao que virtualmente non había posibilidade de que permanecese nela ningunha molécula de anticorpo. Porén, informaron que os basófilos humanos respondían a esas solucións como se encontrasen nelas os anticorpos orixinais (parte da reacción alérxica). O efecto observábase cando se axitaba violentamente a solución durante a súa dilución. Benveniste afirmou: "É como se axitamos a chave dun coche no río, vamos varias millas río abaixo, extraemos unhas poucas pingas de auga, e despois arrancamos o noso coche con esa auga." [5] Naquel momento, Benveniste non ofreceu ningunha explicación teórica do fenómeno.
Benveniste presentou a súa investigación á importante revista científica Nature para que fose publicada. A xunta supervisora editorial de Nature estaba preocupada porque o material, se era publicado, daríalle credibilidade aos homeópatas mesmo se os efectos dos que se informaba non podían despois ser reproducidos noutros experimentos.[5] Había tamén preocupación sobre se a investigación era simplemente incorrecta, dados os cambios que implicaría en leis coñecidas e ben establecidas da física e da química. O editor de Nature, John Maddox, afirmou que "As nosas mentes non é que estivesen tan pechadas, senón que non estaban preparadas para mudar toda a nosa visión de como está construída a ciencia." (orixinal: "Our minds were not so much closed as unready to change our whole view of how science is constructed.")[5] Pero rexeitar a publicación sobre ningunha base obxectiva considerouse que non era sostible, xa que naquel momento non había ningún fallo metodolóxico evidente no experimento.
Finalmente, chegouse a un compromiso. O texto foi publicado en Nature volume 333 do 30 de xuño de 1988,[3] pero foi acompañado dun editorial de Maddox que sinalaba o seguinte: "Hai boas e concretas razóns polas que as persoas prudentes deberían, polo momento, evitar facer un xuízo" e describiu algunhas das leis fundamentais da física e química que violaría, se chegase a probarse que era certa.[1] Ademais, Maddox pediu que os experimentos fosen reproducidos baixo a supervisión dun grupo escollido dos que acabarían por coñecerse como "cazafantasmas", que incluía a Maddox, ao ilusionista James Randi, de gran sona polas súas investigacións que desenmascararon fenómenos paranormais, e Walter W. Stewart, un físico e desmitificador independente dos Institutos Nacionais da Saúde dos EEUU.[14]
Na primeira serie de experimentos supervisados, seguiuse o procedemento experimental orixinal que se indicaba no texto que fora presentado para a publicación. Os experimentos realizados polo equipo de Beneviste e supervisados tiveron éxito, e reproduciron os datos publicados bastante aproximadamente. Porén, Maddox indicou que durante o procedemento os experimentadores coñecían cales tubos de ensaio contiñan orixinalmente os anticorpos e cales non. Realizáronse, pois, unha segunda serie de experimentos nos cales Maddox e o seu equipo estaban a cargo de aplicar directamente o procedemento de dobre cego, para o cal fotografaron os cadernos, o laboratorio foi gravado en vídeo, e os viais intercambiados aleatoriamente e codificados secretamente. Randi foi aínda máis lonxe e envolveu as etiquetas en papel de periódico [15], selounos nun sobre e despois pegounos no teito para que Benveniste e os seus colegas non puidesen lelos. Nos experimentos realizados así non se observou ningún efecto de memoria da auga.
Nature publicou un informe no seguinte número, que dicía:[16] "Concluímos que non hai base substancial para afirmar que os anti-IgE a gran disolución (en factores de 10120) manteñen a súa efectividade biolóxica, e que a hipótese de que a auga pode quedar impresa coa memoria de pasados solutos é tan innecesaria coma fantástica." Porén, non se suxeriu que houbese fraude; Maddox e o seu equipo especularon inicialmente de que alguén no laboratorio "estaba xogándolle unha mala pasada a Benveniste",[5] pero despois concluíron que "Nós cremos que o laboratorio fomentou e despois incentivou un autoengano sobre a interpretación dos seus datos." Maddox tamén sinalou que dous dos investigadores de Benveniste estaban sendo pagados pola compañía homeopática francesa Boiron.
Nunha carta de resposta publicada no mesmo número da revista, Benveniste arremeteu contra Maddox e queixouse sobre a proba rigorosa á que foi sometido a mans do equipo de Nature, comparándoa coa "caza de bruxas de Salem ou persecucións ao estilo do macartismo."[17] Tanto na resposta de Nature coma nun episodio do programa radiofónico científico Quirks and Quarks, Benveniste queixouse especialmente de Stewart, do que afirmou que actuaba como se todos eles fosen uns fraudulentos e os trataba con desdén, queixándose da súa "típica actitude de sabelo todo". Na súa carta de Nature, Benveniste tamén deu a entender que Randi estaba intentando burlar o curso do experimento facendo trucos de maxia, "distraendo aos técnicos a cargo da súa supervisión!" Foi máis moderado en Quirks and Quarks, cambiando a súa mención a Randi dando a entender que mantivera ao equipo entretido cos seus trucos e que a súa presenza foi en xeral ben recibida. Tamén indicou que aínda que era certo que dous dos membros do seu equipo eran pagados por unha compañía homeopática, a mesma compañía pagara a factura do hotel do equipo de Maddox.
Maddox declarou "sinto que non atopásemos nada máis interesante." No mesmo programa Quirks and Quarks rexeitou as queixas de Benveniste, indicando que a posibilidade de que os resultados fosen indebidamente usados pola comunidade homeopática demandaban que se fixese unha nova comprobación inmediata. Ao fracasaren as comprobacións, isto demostraba que os resultados iniciais se debían probablemente ao "efecto da expectación do observador". Tamén sinalou que o procedemento completo da proba da que Benveniste máis tarde se queixou fora previamente acordado entre todas as partes. Só cando as probas fallaron Benveniste discutiu se eran apropiadas.
O debate continuou na sección de cartas de Nature durante varios números ata que o equipo da editorial decidiu dala por rematada. Continuou na prensa francesa durante certo tempo.[18] Debido á polémica sobre os experimentos de comprobación, e malia que o resultado fora negativo, nada puido impedir o que preocupaba a Maddox, xa que aínda hoxe son utilizados polos partidarios da homeopatía para afirmar que os experimentos "proban" que a homeopatía funciona.[19] Un dos coautores de Benveniste do experimento orixinal publicado en Nature, Francis Beauvais, máis tarde dixo que aínda que as probas que non son de dobre cego xeralmente daban resultados "correctos" (é dicir, as mostras ultradiluídas eran bioloxicamente activas, e os controis non), "os resultados das mostras cegas eran case sempre aleatorias e non se correspondían cos resultados agardados: algúns "controis" eran activos e algunhas mostras "activas" non tiñan efecto no sistema biolóxico."[20]
Noutras controversias científicas como a da fusión fría ou a poliauga moitos científicos iniciaron inmediatmente experimentos de replicación dos orixinais, porque as teorías que subxacían neses experimentos non contraviñan directamente principios científicos fundamentais ben establecidos e podían acomodarse cuns pequenos axustes a ditos principios.[21] Pero o experimento de Benveniste ía directamente contra varios principios fundamentais, o que fixo que moitos investigadores rexeitaran por completo os resultados considerándoos erros ou fraudes, e só uns poucos investigadores estaban dispostos a repetir os experimentos para validar ou non esas teorías.[21]
Despois da controversia en Nature, Benveniste obtivo o apoio público de Brian Josephson,[22] un físico premio Nobel con reputación de ter unha mente aberta aos fenómenos paranormais. Os experimentos continuaron sobre as mesmas liñas básicas, culminando cunha publicación de 1997 que afirmaba que o efecto podía transmitirse a través das liñas telefónicas.[23] A isto seguíronlle dúas publicacións máis en 1999[24] e outra sobre transmisión remota en 2000, ano en que se afirmaba que o efecto podía tamén enviarse por Internet.[25]
A revista Time publicou en 1999 que, en resposta ao escepticismo do físico Robert Park, Josephson retara á Sociedade Física Americana (APS) a supervisar unha replicación feita por Benveniste. Este reto consistiría "nunha proba de dobre cego aleatoria", da súa capacidade de transferir as características de auga diluída homeopaticamente por Internet.[26] A APS aceptou o reto e ofreceu sufragar os custos da proba. Cando isto chegou aos oídos de Randi, este tamén ofreceu o antigo premio de 1 millón de dólares da Fundación Educacional James Randi para quen demostre positivamente un feito paranormal. A isto Benveniste respondeu: "Perfecto para nós." ("Fine to us.")[27] na súa DigiBio NewsLetter. Porén, a carta de Randi sinalaba que Benveniste e Josephson non seguiron o seu reto, burlándose co seu silencio sobre o asunto como se fosen persoas desaparecidas.[28]
Unha proba independente do experimento de transmisión remota de 2000 levouse a cabo nos Estados Unidos por un equipo sufragado polo Departamento de Defensa dos Estados Unidos. Utilizando os mesmos aparellos experimentais e organización ca o do equipo de Benveniste, non conseguiron encontrar ningún efecto ao realizar o experimento. Porén, indicáronse varios resultados "positivos", pero só cando un determinado investigador de Benveniste manexaba o equipamento. "Non observamos influencias sistemáticas como diferenzas no pipeteado, contaminación, ou violacións do procedemento de cego ou aleatorización que explicasen estes efectos no investigador de Benveniste. Porén, as nosas observacións non exclúen esas posibilidades."
Benveniste admitiu ter indicado o seguinte: "El afirmou que certos individuos sistematicamente obteñen efectos dixitais e outros individuos non conseguen efectos ou bloquean os efectos."[29]
Os intentos doutros grupos de investigadores de repetir o experimento de Benveniste non obtiveron resultados positivos que puidesen ser repetidos independentemente. En 1993, Nature publicou un texto no que se describían varios experimentos que non conseguiron atopar efectos similares,[30] e un estudo independente publicado en Experientia en 1992 non atopou ningún efecto.[31] Un equipo internacional dirixido pola profesora Madeleine Ennis da Queen's University de Belfast afirmou en 1999 ter reproducido os resultados de Benveniste.[32][33] Randi despois lanzoulle o seu reto do millón de dólares ao programa da BBC Horizon para que se probase a teoría da "memoria da auga" seguindo os procedementos experimentais de Ennis. Como resposta, realizáronse experimentos que foron supervisados polo vicepresidente da Royal Society, profesor John Enderby. O reto rematou sen que o equipo de Horizon observase nigún efecto de memoria.[34] Nunha reportaxe sobre homeopatía, o programa de televisión dos Estados Unidos ABC 20/20 tamén intentou, sen éxito, reproducir os resultados de Ennis.[35]
Investigacións publicadas en 2005 sobre a dinámica das redes de enlaces de hidróxeno na auga demostraron que "a auga líquida esencialmente perde a memoria de correlacións persistentes na súa estrutura" en 50 millonésimas de nanosegundo (femtosegundos).[7]
En 2003 Louis Rey, un químico de Lausanne, informou que mostras de cloruro de sodio e cloruro de litio preparadas de acordo cos métodos homeopáticos mostraban, ao seren expostas a radiación, picos de termoluninescencia diferentes comparados cos da auga pura. Rey afirmou que isto suxería que as redes de pontes de hidróxeno nas dilucións homeopáticas eran diferentes segundo a substancia que fora disolta.[36] Estes resultados non foron replicados e non son xeralmente aceptados, incluso Benveniste sinalou que non eran experimentos cegos.[37]
En xaneiro de 2009, Luc Montagnier, o virólogo galardoado co premio Nobel que liderou o equipo que descubriu o virus da inmunodeficiencia humana (VIH), afirmou (nun artigo publicado nunha revista que el mesmo creou, que parece ter evitado a revisión por pares convencional dos artigos, xa que foi aceptado só tres días despois da súa recepción) que o ADN de bacterias patóxenas e virus diluídos masivamente en auga emiten ondas de radio que poden ser detectadas.[38] O aparato utilizado para detectar estes sinais foi desenvolvido por Jacques Benveniste, e foi testado independentemente, coa cooperación do equipo de Benveniste, por petición da DARPA (Defense Advanced Research Projects Agency) dos Estados Unidos de América. Esa investigación non puido replicar ningún efecto de sinais dixitais usando o aparato.[39]
En 2010, á idade de 78 anos, Montagnier anunciou que encabezaría un novo instituto de investigación na Universidade de Jiaotong de Shanghai, onde planea continuar o seu traballo. Afirma que os seus descubrimentos "son moi reproducibles e estamos esperando a confirmación doutros laboratorios", pero dixo nunha entrevista en Science, "Hai un certo medo sobre este asunto en Europa. Dixéronme que algunhas persoas reproduciran os resultados de Benveniste, pero que teñen medo de publicalos debido ao terror intelectual da xente que non o comprende." Montagnier chamou a Benveniste "un moderno Galileo", pero o problema era que "os seus resultados non eran 100% reproducibles".[40]
Para a maioría dos científicos a "memoria da auga" non é algo que mereza unha seria consideración; a única evidencia é o defectuoso traballo de Benveniste. Pero, ao contrario, a noción de "memoria da auga" foi tomada en serio entre os homeópatas. Para eles, formaría parte dunha posible explicación de por que algúns dos seus remedios funcionan. Un resumo dos aspectos que rodean a memoria da auga foi o tema dun número especial da reviata Homeopathy. Nun editorial, o editor de Homeopathy, Peter Fisher, recoñecía que o método orixinal de Benveniste non orixinaba resultados reproducibles e declaraba "...a memoria da auga é unha mala memoria: bota unha ampla sombra sobre a homeopatía e é xusto o que moitos científicos recordan sobre a investigación científica da homeopatía, igualándoa coa ciencia mala ou mesmo fraudulenta"[41] O número foi un intento de restaurar a credibilidade da noción con artigos que propoñían diversas e moi diferentes teorías sobre a memoria da auga, tales como: un intercambio electromagnético de información entre moléculas, rotura da simetría temporal, termoluminescencia, entrelazamento descrito por unha nova teoría cuántica, formación de peróxido de hidróxeno, formación de clatratos, etc. Algúns dos mecanismos propostos requirirían tirar ao lixo a maioría da física do século XX.[42]