Mercury MA-7 | |
---|---|
Lanzamento da cápsula Aurora 7. | |
Tipo | Tripulado |
Organización | NASA |
Destino actual | Reentrado na atmosfera.[1] |
Data de lanzamento | 24 de maio de 1962, 12:45 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Atlas LV-3B[2][5] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 14[2] |
Duración da misión | 4 horas, 56 minutos e 5 segundos[2][6] |
Obxectivo da misión | Experimentos e prácticas de manobras con nave tripulada, segunda misión orbital tripulada dos Estados Unidos.[2] |
Decaemento | 24 de maio de 1962[1] |
NSSDC ID | 1962-019A |
Masa | 1349,5 kg[2][6] |
Mercury-Atlas 7 ou MA-7, e tamén coñecida como Aurora 7 polo nome da cápsula, foi a segunda misión orbital tripulada do proxecto Mercury co astronauta Scott Carpenter a bordo. O piloto orixinal para esta misión era Donald K. Slayton, pero foi substituído por Carpenter tras detectárselle unha anomalía no ritmo cardíaco durante unha revisión médica.[2][6]
Os obxectivos de MA-7 foron similares ós da MA-6: avaliar o rendemento do sistema home-nave nunha misión cunha duración de tres órbitas, estudar os efectos do voo espacial no astronauta e obter as impresións do astronauta sobre o funcionamento da nave e dos sistemas de soporte vital.[2][6]
O lanzamento da misión estaba planeado para principios de maio, pero foi posposta tres veces tras detectar varias anomalías e facer cambios na cápsula. Durante o voo o único incidente serio foi o fallo dos circuítos do sensor de horizonte que proporcionaba datos ós xiroscopios de actitude da cápsula. Houbo preocupación tamén polo excesivo consumo de propelente polo frecuente uso dos propulsores e pola activación sen querer de dous sistemas de control ó mesmo tempo, o cal foi resolto deixando que a nave vagase á deriva durante 77 minutos.[2][6]
A bordo da cápsula había dous experimentos: un globo que se inflou para medir o arrastre da atmosfera á altura da órbita e proporcionar datos mediante a visibilidade do globo desde terra, e un experimento para estudar o comportamento dos líquidos en microgravedade. A observación feita por Glenn durante a MA-6 sobre que vira vagalumes (partículas brillantes arredor da nave) ó entrar na parte da órbita iluminada polo Sol, foi feita tamén por Carpenter, que resolveu o misterio descubrindo que era xeo proveniente do sistema de control a reacción.[2][6]
Aurora 7 orbitou a unha altura duns 267 km e reentrou tras tres órbitas, caendo no océano Atlántico, a 200 km ó nordeste de Porto Rico e a uns 400 km máis lonxe do punto inicial de amaraxe. O erro tivo lugar debido a un apuntado incorrecto dos retrofoguetes no momento do acendido para a reentrada. Carpenter foi avistado ós 39 minutos despois da amaraxe por parte dun avión de rexoñecemente e foi recollidos 2 horas e 59 minutos despois da amaraxe por un helicóptero do portaavións USS Intrepid. A cápsula foi recuperada seis horas máis tarde.[2][6]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mercury-Atlas 7 |