Met-encefalina | |
---|---|
![]() | |
![]() | |
ácido (2S)-2-[[(2S)-2-[[2-[[2-[[(2S)-2-amino-3-(4-hidroxifenil)propanoil]amino]acetil]amino]acetil]amino]-3-fenilpropanoil]amino]-4-metilsulfanilbutanoico | |
Outros nomes [Met]encefalina; [Met5]encefalina; met-encefalina; metencefalina; metionina encefalina; L-Tirosilglicilglicil-L-fenilalanil-L-metionina; | |
Identificadores | |
Número CAS | 58569-55-4 |
PubChem | 443363 |
ChemSpider | 391597 |
UNII | 9JEZ9OD3AS |
Número CE | 261-335-8 |
KEGG | C11684 |
MeSH | Enkephalin,+Methionine |
ChEBI | CHEBI:6618 |
ChEMBL | CHEMBL13786 |
Ligando IUPHAR | 1614 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 Image 2 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C27H35N5O7S |
Masa molar | 573,66 g mol−1 |
log P | 0,607 |
Acidez (pKa) | 3,234 |
Basicidade (pKb) | 10,763 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A Met-encefalina, tamén chamada metencefalina (DCI) ou met-encefalina, ás veces denominada factor de crecemento opiáceo (OGF),[1] é un péptido opiáceo endóxeno natural que ten efectos opiáceos de duración relativamente curta. É unha das dúas formas de encefalina, a outra é a Leu-encefalina. As encefalinas son consideradas os ligandos endóxenos primarios do receptor opiáceo δ debido á súa alta potencia e selectividade para o sitio sobre os outros opiáceos endóxenos.[2]
A Met-encefalina descubrírona e caracterizárona John Hughes, Hans Kosterlitz, et al. en 1975 despois de estar investigando os ligandos dos receptores opiáceos.[3]
A Met-encefalina é un pentapéptido coa secuencia de aminoácidos Tyr-Gly-Gly-Phe-Met. O residuo de tirosina na posición 1 pénsase que é estruturalmente análogo ao grupo 3-hidroxilo da morfina.[4]
A Met-encefalina atópase principalmente na medula adrenal e en todo o sistema nervioso central, incluíndo o corpo estriado, córtex cerebral, tubérculo olfactorio, hipocampo, septum, tálamo e substancia gris periacuedutal, así como no corno dorsal da medula espiñal.[2] Tamén está presente na periferia, concretamente nalgunhas fibras aferentes primarias que innervan as vísceras pélvicas.[2]
A Met-encefalina sintetízase a partir da proencefalina por corte proteolítico[5] en dous pasos metabólicos. A proencefalina A redúcese primeiro pola acción dun dos dous encimas endopeptidases similares á tripsina chamados prohormona convertase 1 (PC1) e prohormona convertase 2 (PC2); despois, os intermediarios resultantes son de novo reducidos polo encima carboxipeptidase E (CPE; antes coñecida como encefalina convertase (EC)).[6][7] A proencefalina A contén catro secuencias de Met-encefalina (nas seguintes posicións: 100–104; 107–111; 136–140; 210–214), e como resultado, o seu corte xera catro copias de péptidos de Met-encefalina á vez.[5] Ademais, o anabolismo da proencefalina A ten como resultado a produción dunha copia de cada un dos dous derivados da Met-encefalina ampliada no C-terminal, que son o heptapéptido Met-encefalina-Arg-Phe (261–267), e o octapéptido Met-encefalina-Arg-Gly-Leu (186–193),[5] aínda que non está moi claro se estes derivados afectan aos receptores opiáceos de maneira similar a como o fai a Met-encefalina.[8]
A Met-encefalina e Leu-encefalina son metabolizadas por diversos encimas, como a aminopeptidase N (APN),[9] endopeptidase neutra (NEP),[9] dipeptidil peptidase 3 (DPP3),[9] carboxipeptidase A6 (CPA6),[10] e encima convertedor da anxiotensina (ACE).[11] Estes encimas denomínanse ás veces encefalinases.
A Met-encefalina é un potente agonista do receptor opiáceo δ e en menor medida o receptor opiáceo μ, cun pouco ou ningún efecto sobre o receptor opiáceo κ. Por medio destes receptores a Met-encefalina produce os seus efectos opiáceos, como a analxesia e os efectos similares a antidepresores.
Tamén é un ligando endóxeno do receptor do factor de crecemento opiáceo (OGFR; antes coñecido como receptor opiáceo ζ), que exerce un papel na regulación do crecemento e rexeneración dos tecidos; velaí polo que á Met-encefalina se lle chama ás veces OGF.
A Met-encefalina ten unha baixa biodispoñibilidade, é metabolizada rapidamente e ten unha vida media moi curta (minutos).[3][12] Estas propiedades son consideradas moi pouco convenientes en farmacéutica xa que se necesitan grandes doses que habería que administrar múltiples veces nunha hora para manter un efecto terapeuticamente relevante, o que fai improbable que a Met-encefalina chegue a ser utilizada algunha vez en medicina.
A [D-Ala2]-Met-encefalinamida (DALA) é unha encefalina sintética análoga que non é susceptible á degradación polos encimas cerebrais e a baixas doses (de 5 a 10 microgramos) causa unha analxesia profunda de longa duración e similar á da morfina cando se microinxecta no cerebro de ratas.[13]