En bioloxía os micanxios son estruturas especiais do corpo dun animal (insecto, ácaro) que están adaptadas para o transporte de fungos simbióticos, normalmente en forma de esporas. Obsérvanse en moitos insectos xilófagos (por exemplo os escaravellos da ambrosía ou os himenópteros sirícidos), que aparentemente obteñen gran parte da súa nutrición da dixestión de varios fungos que crecen entre as fibras da madeira. Nalgúns casos, como nos escaravellos da ambrosía (Coleoptera: Curculionidae: Scolytinae e Platypodinae), os fungos son o seu único alimento, e as escavacións que fan na madeira son simplemente para crear un microambiente axeitado para o crecemento do fungo. Noutros casos (por exemplo, no escaravello Dendroctonus frontalis), o tecido leñoso da madeira é o seu principal alimento, e os fungos o que fan é debilitar a resposta de defensa da planta hóspede.[1]
Algunhas especies de ácaros foréticas que se montan sobre escaravellos, teñen o seu propio tipo de micanxio, pero por razóns históricas, os taxónomos de ácaros usan para el tradicionalmente o temo acarinario. Ademais de montarse sobre os escaravellos, os ácaros viven xunto con eles nas súas galerías na madeira.[2][3]
Estas estruturas foron descritas sistematicamente primeiramente por Helene Francke-Grosmann en 1956.[4] Despois, Lekh R. Batra[5] acuñou o termo micanxios (mycangia, singular mycangium),[6] latinización moderna procedente do grego myco 'fungo' + angeion 'vaso'.
A función máis común dos micanxios é conservar e liberar un inóculo simbiótico de fungos. Usualmente, este inóculo dos micanxios beneficia aos seus vectores (tipicamente insectos e ácaros) axudándolles a adaptarse a un novo ambiente ou proporcionando nutrientes aos propios vectrores ou aos seus descendentes.[7]
Por exemplo, o escaravello da ambrosía Euwallacea fornicatus transporta o fungo simbiótico Fusarium. Cando o escaravello perfora galerías unha planta hóspede, libera alí o fungo simbiótico que leva no micanxio. O fungo convértese nun patóxeno da planta, que actúa debilitando a resistencia da planta hóspede.[8] Mentres tanto, o fungo crece rapidamente nas galerías e é a principal fonte de alimento do escaravello.[8] Despois da reprodución, os escaravellos en maduración encherán os seus micanxios cos fungos simbióticos antes de partir na procura dunha nova planta hóspede.[9]
Por tanto, os micanxios exercen un importante papel na protección do inóculo da degradación e contaminación e no seu transporte. As estruturas dos micanxios sempre lembran unha bolsa ou recipiente, con tapas ou pequenas aberturas que reducen a posibilidade de que entren contaminantes desde o exterior.[4] Na maior parte dos casos non se coñece aínda como se libera o inóculo do micanxio.
A maioría do inóculo do micanxio está constituído por fungos. O inóculo simbiótico da maioría dos escaravellos da ambrosía (Scolytinae) son fungos que pertencen aos Ophiostomatales (Ascomycota: Sordariomycetidae) e Microascales (Ascomycota: Hypocreomycetidae).[7] Os fungos simbióticos nos micanxios de avespas Siricidae son da familia Amylostereaceae (Basidiomycota: Russulales).[10] Os fungos simbióticos nos micanxios dos escaravellos Languriini son lévedos (Ascomycota: Saccharomycetales).[11] Os fungos simbióticos nos micanxios dos escaravellos Lymexylidae son Endomyces (Ascomycota: Dipodascaceae).[12] Os fungos simbióticos nos micanxios dos gurgullos Attelabidae son Penicillium (Ascomycota: Trichocomaceae).[13] Ademais dos fungos simbióticos primarios mencionados, pode haber fungos secundarios e algnhas bacterias, que foron illados tamén dos micanxios.[14]
Os micanxios dos escaravellos curculiónidos da ambrosía e das codias (Scolytinae e Platypodinae) adoitan ser invaxinacións cuticulares complexas para o tansporte de fungos simbióticos.[2][7] Os escaravellos escolitinos que viven nas codias e se alimentan de floema teñen numerosos buratños pequenos na superficie do seu corpo, mentres que os escaravellos da ambrosía (moitos escolitinos e todos os platipodinos), que son completamente dependentes dos seus simbiontes fúnxicos, teñen bolsas complicadas e profundas.[7] Estes micanxios adoitan estar equipados con glándulas que segregan substancias para manter as esporas fúnxicas e quizais para nutrir o micelio fúnxico durante o transporte.[15] En moitos casos a entrada ao micanxio está rodeada por penachos de setas, que axudan a raspar micelio e esporas das paredes dos túneles e dirixir as esporas ao interior do micanxio. Os micanxios dos escaravellos da ambrosía son diversos. Os diferentes xéneros ou tribos teñen distintos tipos de micanxios. Algúns son micanxios orais situados na cabeza,[7] como os dos xéneros Ambrosiodmus e Euwallacea.[16] Outros son micanxios pronotais, situados no pronoto, como os dos xéneros Xylosandrus e Cnestus.[17]
Os micanxios das avespas Siricidae describiunas primeiro Buchner.[18] Os seus micanxios son de tipos moi diferentes dos presentes nos escaravellos da ambrosía e das codias, xa que soamente teñen un par de micanxios na parte superior do ovipositor. Cando as plantas depositan os seus ovos dentro da planta hóspede, inxectan os fungos simbióticos dos seus micanxios na planta, xunto con moco fitotóxico procedente doutra estrutura que fai de reservorio.[19]
Unha especie de escaravellos Erotylidae, Doubledaya bucculenta, ten micanxios no tergo do oitavo segmento abdominal. Estes micanxios asociados ao ovipositor só se encontran nas femias adultas. Antes de que Doubledaya bucculentnta deposite os ovos e inxecte os microorganismos simbiontes nunha planta de bambú morta recentemente, escavan un pequeno burato a través do talo do bambú.[11]
Os escaravellos Lymexylidae son outra familia de escaravellos perforadores da madeira que viven con fungos simbióticos. Buchner foi o primeiro en descubrir os seus micanxios localizados na parte ventral do seu longo ovipositor.[20] Estes micanxios forman un par de bolsas integumentais a ambos os lados preto do extremo do oviduto. Cando a femia pon ovos, os novos ovos son cubertos por esporas fúnxicas.
As femias dos escaravellos do xénero Euops (Coleoptera: Attelabidae) almacenan fungos simbióticos nos seus micanxios, que están situados no primeiro segmento ventral do abdome e o tórax.[13] Son distintos dos micanxios asociados ao ovipositor de sirícidos, erotílidos e limexílidos, porque consisten nun par de incubadores de esporas no extremo anterior do abdome. Este micanxio está formado pola coxa e o metendoesternito no extremo posterior do tórax.[10]
Os micanxios dos Lucanidae descubríronse no Xapón no século XXI.[21] Este micanxio asociado ao ovipositor está localizado nun pregamento dorsal do integumento entre as dúas últimas placas do tergo das femias adultas. Foi examinado en moitas especies.[22][23][24] Unha femia everte o seu micanxio por primeira vez pouco despois da eclosión; isto é para recuperar os simbiontes deixados pola larva na cámara pupal cando baleirou o estómago despois de pupar. Posteriormente, cando ela está ovipositando, evérteo para pasar o inóculo á seguinte xeración.[25]