Os microcorpos son orgánulos citoplasmáticos eucarióticos de forma máis ou menos globular, xeralmente de entre 0,1 e 1,5 μm de diámetro, rodeados de membrana simple, que conteñen un conxunto de encimas que interveñen no metabolismo celular, entre os cales están os peroxisomas e os glioxisomas. A súa función varía segundo o tipo de microcorpo de que se trate. Foron atopados por primeira vez por Rhodin en 1954 e na década de 1960 os traballos de de Duve e Baudhuin (1966-69) caracterizaron estes orgánulos. Por todos estes traballos de illamento e descubrimento de orgánulos subcelulares (microcorpos, lisosomas) Christian de Duve recibiu o premio Nobel.[1] Máis tarde foise descubrindo que o contido encimático e función non eran iguais en todos os microcorpos, polo que se estableceron tipos diferentes. Os microscopistas son os que máis seguen usando actualmente o termo microcorpo, como un termo xeral, xa que teñen un aspecto parecido; pero cando se coñecen as propiedades bioquímicas encimáticas do microcorpo xa se utilizan termos máis específicos como peroxisoma (termo proposto por de Duve) ou glioxisoma (termo proposto por Breidenbach e Beevers). Os glicosomas e corpos de Voronin parece que derivan evolutivamente dos peroxisomas.
Entre os microcorpos inclúense os seguintes orgánulos: peroxisomas, glioxisomas,[2] glicosomas e os corpos de Voronin.