Mingei

Olaría tradicional xaponesa do século XVII. Este obxecto é unha das inspiracións do movemento Mingei

O Mingei (民芸運動 Mingei undō?, lit. « movimiento de arte popular») é un movemento de arte xaponesa, baseado principalmente en olaría e cerámica, e inspirado no movemento inglés Arts & Crafts. Foi teorizado polo filósofo e deseñador Yanagi Sōetsu como resposta á industrialización da sociedade xaponesa debido á influencia occidental, e como unha reflexión sobre o papel das tradicións da arte nun mundo modernizado. Desenvolveuse durante os anos 20 e 30 do século XX, que corresponden ao final da era Taishō e ás dúas primeiras décadas da era Shōwa. Porén, o rexeitamento da industralización occidental foi acompañado dun interese mutuo na arquitectura e artesanía dos xaponeses cara aos movementos modernos de integración de artesanía e arte, como a Bauhaus (Shōji Hamada, precursor do movemento Mingei, exporía con Marguerite Wildenhain e outros da escola de Dessau), e pretendían que a través da artesanía e a deseño da arquitectura tradicional os xaponeses adoptasen, cando menos, un estilo de vida mixto e non directamente occidental[1].

O termo Mingei foi acuñado por Sōetsu en colaboración cos ceramistas Hamada Shoji e Kawai Kanjiro en 1925, como unha abreviación da frase 民衆的な工芸 (, 民衆的な工芸 (minshū-teki-na kōgei?)), que quere dicir artesanía creada polo pobo. En 1926 os tres amigos decidiron construír un museo dedicado ao Mingei no Xapón, que recibiu o nome de Nihon Mingeikan (Museo de Artesanía Popular do Xapón) e que abriu as súas portas en 1936. A asociación Nihon Mingei Kyokai tamén foi creada por eles para promover a creación do museo e obter financiamiento, ademais de publicar a revista Kōgei (Artesanía) a partir de 1931. Posteriormente outros artistas e artesáns sumáronse aos seus preceptos, como o oleiro británico Bernard Leach, o deseñador téxtil Keisuke Serizawa e o gravador Shiko Munakata.[2]

A teoría Mingei

[editar | editar a fonte]

O Mingei está baseado nuns preceptos estéticos, en especial a procura dunha beleza superior e a valorización dos produtos creados por grupos de artesáns anónimos, liberados do ego e do desexo de enriquecerse. Este concepto de beleza baseado sobre a moral e a procura de elevación espiritual está firmemente vinculado á filosofía budista.[3] A nivel xaponés, o Mingei está influenciado pola estética Wabi-sabi.

Ademais, os produtos deste movemento deberían ser feitos a man, accesibles, utilizados pola xente e útiles, idea emparentada coa crítica do modelo de produción industrial proposta por William Morris a finais do século XIX en Inglaterra. En concreto, o movemento Arts and Crafts estaba centrado na dicotomía occidental entre as artes decorativas e as belas artes, valorizando as primeiras, mentres que o movemento Mingei puña a súa atención os obxectos artesanais de uso corrente - chamados getemono no Xapón.[4] O concepto de creación artesanal colectiva tamén está inspirado polos gremios medievais europeos, sobre os cales Sōetsu fixera estudos na súa mocidade. Estes produtos debían ser representativos da tradición local da rexión na que foron producidos.

A influencia sobre algúns alumnos xaponeses do ceramista inglés Bernard Leach que se uniron ao Mingei, fai que se poida falar de certa continuidade do estilo anglo-xaponés da era victoriana[5]. Na arquitectura, Frank Lloyd Wright foi un declarado admirador da estética xaponesa [6] e Walter Gropius, director da Bauhaus viaxou ao Xapón e describiu as bondades da simplicidade xaponesa, escribíndolle a Le Corbusier que alí estaba todo o que eles estaban a procurar formalmente. Nunha influencia de ida e volta, algúns arquitectos xaponeses estudaron en Europa, como é o caso de Iwao Yamawaki na Bauhaus.[7]

  1. "Arts and Crafts beyond UK". 
  2. Colectivo. L’Esprit Mingei au Japon De l’artisanat populaire au design (en francés). Musée du quai Branly. ISBN 978-2-7427-7849-2. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2014. Consultado o 13 de maio de 2021. 
  3. Sastre de la Vega, Daniel. "La idea de belleza según Yanagi Sōetsu" (pdf). Nuevas perspectivas de investigación sobre asia pacífico (Universidad de Granada). Consultado o 18 de julio de 2014. 
  4. Kikuchi, Yuko. "A Japanese William Morris: Yanagi Soetsu and Mingei Theory" (PDF). Journal of William Morris Studies (en inglés) (William Morris Society) (12): 42. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 26 de xullo de 2014. Consultado o 18 de julio de 2014. 
  5. "Anglo-japanese style from 1851 to 1910". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2021. Consultado o 25 de xuño de 2021. 
  6. "FLW and Japan". https://franklloydwright.org/.  Ligazón externa en |páxina-web= (Axuda)
  7. ""Arquitectos viajeros: influencias de ida y vuelta en el Japón de entreguerras" (en castelán) Dª Lilian Barranco Luque". Revistas.ucm MIRAI. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]