Misery Signals | |
---|---|
Orixe | Milwaukee, Wisconsin, Estados Unidos |
Período | 2002 - actualidade |
Xénero(s) | Metalcore |
Selo(s) discográfico(s) | Ferret Music, Basick Records |
Membros | Karl Schubach, Stuart Ross, Ryan Morgan, Kyle Johnson, Branden Morgan |
Antigos membros | Jesse Zaraska, Jeff Aust |
Na rede | |
http://miserysignals.net | |
Misery Signals é unha banda de metalcore formada en Wisconsin no ano 2002 con fortes influencias de metal técnico e hardcore melódico, polo que se destaca pola grande execución de riff polirítmicos e disonancias complexas na súa música, o que crea un hardcore máis técnico.
Misery Signals formouse despois da separación de varias bandas, entre elas 7 Angels 7 Plagues, Hamartia e Compromise. Fundárona Ryan Morgan e Kyle Johnson, que abandonaron os estudos e o traballo para se centrar en sacar material, ata que se lles uniu Jeff Aust (Hamartia) á guitarra, Jesse Zaraska (Compromise) e o irmán de Ryan, Branden, á batería.
No medio dunha minixira na primavera de 2003, Jeff Aust deixa a banda e substitúeo Stuart Ross. A súa primeira gravación é un EP de 6 cancións e 25 minutos. O traballo amosa o desexo e a desesperación do grupo no seu esforzo por crear nova música malia a desaparición das súas bandas anteriores .
O grupo firmou coa discográfica Ferret Music, que editou o seu primeiro LP, Of Malice and the Magnum Heart,no 2004. O disco tivo unha boa acollida por parte da crítica e foi presentado nunha xira polos Estados Unidos, o Canadá, Europa e o Xapón xunto con bandas como Dillinger Escape Plan, Bleeding Through, Strapping Young Lad ou Zao.
En xaneiro do 2006 anunciaron que o seu vocalista Jesse Zaraska deixara o grupo para se centrar no seu proxecto, Sleeping Girl, con membros de Compromise. Substituíno Karl Schubach, co que comezaron a gravar o que sería o seu segundo disco Mirrors. Karl afirmou que: "son un gran fan de Misery Signals. Cando a banda publicou un mp3 sen voces para as audicións, descargueino. Tendo o meu propio estudio, non foi ningún problema poñerlle as miñas voces só por diversión. Púxenllelo a algúns amigos para botar unhas risas pero non estaba convencido de enviarllo á banda".
Neste disco traballaron co produtor Ben Schigel, produtor e vocalista de Switched, unha banda de Nu Metal de Ohio, Cleveland (Chimaira, Zao). Ryan Morgan dixo do novo material que: "é o noso material máis heavy pero á vez é máis atmosférico que o primeiro disco. A xente que estea nerviosa polo cambio de vocalista ou que pense que imos a meter voces limpas pósede relaxar. Karl ten unha voz monstruosa que os nosos fans xa valoraron da banda no pasado". Sobre o título do disco comenta que moitas das cancións lanzan preguntas sobre un mesmo e de como a xente percibe aos demais e as imaxes que representan ante eles.
O grupo participou no Warped Tour 2006 antes de comezar a súa primeira xira como cabezas de cartel.
En xullo do 2008, Misery Signals publicou o seu terceiro LP, Controller, pero despois dunha longa xira de promoción do disco a comezos do 2009, os membros do grupo decidiron tomar camiños musicais diferentes máis alá de Misery Signals.[1]
Schubach emprendeu un proxecto de heavy metal en paralelo que recibiu o nome de Solace. Neste proxecto el foi o único membro da banda encargado de gravar a guitarra, o baixo e as voces nun estudio caseiro. A batería engadíaselle posteriormente de xeito dixital. Para financiar este proxecto, Schubach empregou o sistema de crowd funding e participou como vocalista nunha canción do grupo de metal-hardcore británico The Divided.[2]
O grupo de hardcore-punk Burning Empires constituíuse con membros de Misery Signals, Fall Out Boy e 7 Angels 7 Plagues, co vocalista Ryan Morgan, o baixista Kyle Johnson, os guitarristas Stu Ross e Matthew Mixon e o batería Andy Hurley. O grupo tamén lanzou unha marca de roupa e un selo discográfico baixo o nome de Fuck City.
O grupo de punk/post-hardcore Lowtalker, tamén fundado en Milwaukee, formouse a partir de Branden Morgan e Stuart Ross de Misery Signals. Uníronselles Casey Hjelmberg e Matt Keil de Comeback Kid para completar o cuarteto. Lowtalker publicou o seu primeiro EP, People Worry About Everything, na primavera do 2010 baixo o selo de FC Records.
No 2010, Stuart Ross converteuse no frontman de Living with Lions, un grupo de pop-punk de Vancouver. Ross deixou de maneira oficial Misery Signals o 25 de setembro do 2010 para centrarse en Living with Lions, canso de tocar heavy metal.[3] En outubro do 2010, Kyle Johnson tamén anunciou a súa saída da banda.[4]
Despois dun considerable período de inactividade, Misery Signals publicou en novembro do 2010 un comunicado oficial sobre o estado do grupo. Este comunicado de prensa abordou a saída da banda de Ross e de Jonhson e anunciaba que a banda non se separara. Ryan Morgan comentou que "nos vindeiros meses volverémonos xuntar e volveremos". Sobre a continuidade do estilo do grupo e do seu nome, Morgan afirmou que "Stu e Kyle fixeron grandes contribucións, pero a traxectoria da banda segue sendo a mesma na súa ausencia. Se chegase un momento no que o noso son tomase un camiño totalmente diferente, entón xa non sería Misery Signals, e non finxiríamos o contrario".[5]
A primeira publicación de Misery Signals despois deste importante cambio na formación do grupo foi unha versión da canción de Pink Floyd Us and Them do seu álbum de 1973 The Dark Side of the Moon. Esta versión incluíuse na banda sonora do videoxogo Homefront, que se publicou de xeito gratuíto para a súa descarga dixital o 22 de marzo do 2011.[6]
En abril do 2011, Karl Schubach publicou uns chíos na rede social Twitter mencionando o traballo da banda e dixo "estámonos centrando en poñer ao día os novos membros". A nova formación aparecería xa na xira Crush Em All no 2011. A comezos do 2012 o grupo declarou que estaban traballando en novo material para o seu próximo disco. O vocalista principal Karl Schubach afirmou nunha entrevista: "penso que todas as bandas queren progresar con cada novo disco que publican. Porén, ás veces o progreso consiste en saber o que funcionou ben nos disos anteriores e incorporar eses elementos. Ata agora as novas cancións son unha mestura decidida do noso disco máis recente e mellor estruturado, Controller, co caos e espontaneidade do anterior, Of Malice and the Magnum Heart". Os membros do grupo reuníronse no estudio para a gravación do novo disco e comezaron unha campaña de financiamento para a gravación, publicidade e impresión do novo disco, que actualmente leva o selo de Basick Records.
O 23 de xullo do 2013, Misery Signals publicou Absent Lights, vinte días despois de presentar o seu primeiro sinxelo Luminary.
O 30 de maio do 2014 xurdiron rumores de que Misery Signals tiña plans de conmemorar o décimo aniversario do seu disco 'Of Malice and the Magnum Heart cunha xira a finais deste mesmo ano chamada "Malice X Tour". Esta xira contará coa formación orixinal do grupo: Jesse Zaraska (voces), Ryan Morgan (guitarra), Stu Rooss (guitarra), Kyle Johnson (baixo) e Branden Morgan (batería).
Ano | Título | Formato | Selo | Notas |
---|---|---|---|---|
2003 | Misery Signals | EP | Seis temas e 25 minutos de duración | |
2004 | Of Malice And The Magnum Heart | LP | Ferret Music | |
2006 | Mirrors | LP | Ferret Music | |
2008 | Controller | LP | Ferret Music | |
2013 | Absent light[8] | LP | Basick |