Os missi dominici (en singular, missus dominicus) foron unha institución de carácter compensatorio entre o poder central e o territorial. Foran empregados algunha vez polos merovinxios, pero quen lles deu uso real foi Carlomagno, sendo mencionados expresamente no ano 805. Os missi dominici eran unha parella de inspectores, un laico e o outro un eclesiástico, que percorrían os condados recordando aos seus señores as súas obrigas.[1] Ademais da inspección do dereito e a administración, ocupábanse da publicación das "capitulares", que eran textos de política interna. Estes eran chamados así por estaren divididos en capítulos, e substituían aos antigos decretos e edictos, refiríndose a leis, disposicións administrativas e regulamentos, tanto de dereito penal e dereito administrativo, como dereito canónico, pero non, antes do ano 800, de dereito civil.
Os missus teñen semellanzas superficiais cos correctores dos romanos,[2] excepto que os missus eran enviados con regularidade. Catro aspectos fixeron que os missi foran efectivos como instrumentos da monarquía centralizada: o carácter persoal dos missus, o seu cambio anual, o illamento dos intereses locais e a súa libre elección polo rei.[3] Os condes, ao entraren na vasalaxe real, quedaban máis estreitamente ligados ao soberano. Por iso, quedaban suxeitos á vixilancia dos mensaxeiros do rei, que interviñan tamén no seu nomeamento.
O nomeamento dos missi dominici facíase entre os membros do alto clero (abades, bispos, capeláns), pola parte eclesiástica, e entre os condes e vasalos non asentados no territorio a inspeccionar, pola parte laica. Carlomagno dividiu o reino en missatica, ou territorios de inspección.