(2012) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1959 (65/66 anos) Uagadugú, Burkina Faso |
Educación | Universidade Paris-Est-Créteil-Val-de-Marne (pt) - doutoramento Universidad de Lille 2 (pt) Universidade de Ouagadougou (pt) |
Actividade | |
Ocupación | avogada, Activista polos dereitos humanos, política, escritora, diplomática |
Descrito pola fonte | Diccionario de literatura del África subsahariana (en) |
Monique Ilboudo, nada en Uagadugú en 1959, é unha escritora e activista polos dereitos humanos de Burkina Faso.
Naceu en Uagadugú, cando o seu país era Alto Volta. Estudou Dereito na Universidade de Uagadugú, obtendo o grao en 1982 e un mestrado en Dereito Privado en 1983. En 1985 obtivo un diploma de estudos avanzados de Dereito Privado na Universidade Lille 2 de Dereito e Saúde, e en 1991 doutorouse pola Universidade París XII. Nese ano comezou como profesora asistente na Universidade de Ouagadougou.[1]
En 1994 apareceu no documental Femmes aux yeux ouverts de Anne-Laure Folly.[2] Nel explica que no seu país, así como noutras sociedades africanas, os homes manteñen o control sobre as relacións sexuales, nas que a reprodución é o factor principal por riba do amor.[3] A poligamia coa meta da procreación e o sexo esporádico sen protección dos homes expoñen a muller a un alto risco de contaxio de VIH/SIDA.
En 2000 foi nomeada secretaria de estado para a promoción dos dereitos humanos, e en 2002 ministra para a promoción dos dereitos humanos, cargo de nova creación. Defende que a pobreza é unha violación dos dereitos humanos, e que non será posible superar a pobreza até que os dereitos económicos, sociais e culturais acadasen o mesmo nivel que os dereitos políticos e civís.[4]
En 2012 era embaixadora extraordinaria e plenipotenciaria do seu país nos países nórdicos e bálticos[5], con residencia en Dinamarca.[6]
Autora de numerosos libros e artigos, é unha das figuras principais da literatura francófona en África.[4]
Entre 1992 e 1995 escribiu a columna "Féminin Pluriel" no xornal L'Observateur Paalga. Por entón estableceu Qui-vive, estudando as condicións das mulleres do seu país. Foi membro fundador do Consello Supremo de Información entre 1995 e 2000.[7] Escribiu tamén no semanario Le Regard[1]. No prólogo ao terceiro volume de artigos escollidos de "Féminin Pluriel" escribiu:
Se as mulleres escribisen un chisco máis, tomasen o micrófono ou a cámara, non estarían tan infrarrepresentadas nos medios, que se centran case en exclusiva en informarnos da vida diaria, pero a vida sen mulleres é a vida real? Os homes falan das mulleres, si, pero a imaxe que presentan delas non é sempre moi positiva, e por riba de todo, non é sempre unha imaxe da súa realidade: o obxectivo é só lexitimar a orde establecida na sociedade e a posición da muller dentro dela. Este é un verdadeiro perigo e serio obstáculo para mudar as actitudes en relación ao papel e condición actual das mulleres, e un impedimento para o logro de concesións do goberno para o cambio.[8]
A súa novela Le Mal de Peau (1992) recibiu o premio nacional á mellor novela.[4] O libro conta a historia dunha muller de Burkina Faso violada por un soldado branco. A filla froito desa violación viaxa a París á procura do seu pai, e namora dun rapaz branco. A novela fala da experiencia colonial, os prexuízos e a mestizaxe.[7]
A novela Murekatete, de 2001, foi escrita dentro do proxecto "Rwanda,escribir como obriga para a memoria". Murekatete, "déixaa vivir", é o nome dunha muller que vive baixo o recordo do xenocidio de Ruanda. Intentando superar os seus complexos e retomar unha vida normal, ela e o seu marido visitan o memorial de Murambi, o que agrava o problema. O libro está escrito en primeira persoa.[7]