A mostraxe polarizada, ás veces tamén chamada nesgo de mostraxe ou erro de mostraxe, é unha distorsión que se introduce debido á forma de seleccionar a mostra. Refírese á distorsión dunha análise estatística, debido ao método de recollida de mostras. Se non se ten en conta o nesgo da mostraxe, é posíbel que algunhas conclusións propostas sexan erróneas.[1] En estatística, o nesgo de mostraxe é un nesgo no que se recolle unha mostra de tal xeito que algúns membros da poboación prevista teñen unha probabilidade de mostraxe menor ou maior que outros. Resulta unha mostra nesgada, unha mostra non aleatoria,[2] dunha poboación (ou factores non humanos) na que non todos os individuos, ou casos, tiñan a mesma probabilidade de seren seleccionados.[3] Se isto non se ten en conta, os resultados poden atribuírse erroneamente ao fenómeno estudado en lugar do método de mostraxe.
Un exemplo é dicir que "o comunismo é o réxime máis aceptado", cando a enquisa só se realiza entre membros dos partidos comunistas. O resultado non ten ningunha base e, polo tanto, é falso. As enquisas efectuadas en varios sitios de Internet son outro exemplo de investigación que corre o risco de polarizarse. As persoas que responden a estas enquisas son principalmente persoas que estaban interesadas no tema e decidiron responder, e non unha cantidade significativa da poboación total.
Outro exemplo. En medicina, un erro na elección dos individuos ou grupos para participaren nun estudo. O ideal sería que os suxeitos dun estudo sexan moi similares entre si e coa poboación máis numerosa da que se derivan (por exemplo, todos os individuos coa mesma enfermidade ou condición). Se hai diferenzas importantes, é posible que os resultados do estudo non sexan válidos. [4]