Chámase música bizantina á música da igrexa ortodoxa grega. Emparéntase co canto gregoriano ao ser monodia vogal sen acompañamento instrumental e estar organizada en oito modos oktoíjos.
Diferénciase do canto gregoriano en que é cantada en grego (ou árabe naqueles lugares da rexión coñecida antigamente como Antioquía) e acompáñase vocalmente cun son grave e mantido chamado ison ou isocrátima.
Orixinouse nas primeiras comunidades cristiás do deserto do Sinaí. É conservada nos mosteiros ortodoxos gregos e, con diversos estilos, dentro dos núcleos urbanos das zonas cristiás orientais.
A música bizantina é un sistema musical completo que emprega a rica paleta de gamas melódicas do oriente mediterráneo para valorizar os textos bíblicos e himnográficos que expoñen a teoloxía dos Pais da Igrexa. O mosteiro de Cantauque executa o canto bizantino non con textos gregos, como é o máis frecuente que se faga, senón en francés.
A notación da música bizantina, chamada saltérica, deriva dun sistema de acentuación grega (ton, apóstrofo...) que evolucionou ao longo dos séculos cara a neumas (signos descritivos). Situados encima do texto, estes acentúan musicalmente as sílabas, é dicir, confírenlles a entoación e a expresión que lles convén. Os neumas, a diferenza das notas occidentais postas sobre o pentagrama, indican simples variacións de nivel. As «notas bizantinas» teñen pois un valor relativo; non teñen sentido senón na relación dunhas con outras. Agréganse en movementos melódicos que varían segundo os modos (catro auténticos e catro plagales) e os xéneros de música. Pode verse un exemplo na notación do Himno dos Querubíns.
Unha partitura bizantina debe ser sempre interpretada máis aló da estrita notación; esta, de acordo coa tradición oriental, é un simple esqueleto destinado a ser revestido de múltiples vibracións e impulsos que se transmiten unicamente de mestre a discípulo. Neste tema, a música bizantina debe moito a Simón Karas e ao seu sucesor Licurgo Angelópoulus. Efectivamente por un defecto de transmisión oral, os cantores chegaran a suprimir aos poucos a interpretación dos neumas: as características da música bizantina íanse perdendo e eran substituídas por harmonizacións, variacións de intensidade, expresións sentimentais, etc. S. Karas aventurouse nun inmenso traballo de musicoloxía co fin de reconstituír os fundamentos teóricos da música bizantina. E para devolver toda a súa dinámica á liña melódica bizantina, reintroduciu numerosos signos da antiga notación.
O ison é o único acompañamento da música bizantina. O seu lugar deriva da teoría musical posto que o ison manifesta e pon de relevo a base do modo no que se desprega a melodía. Cando se executa, confire a esta melodía unha cor modal precisa. O ison xoga por tanto un papel insubstituíble. Outras tradicións musicais monotónicas utilízano tamén (por exemplo, a música celta).
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Música bizantina |