O nacionalismo chicano é unha ideoloxía nacionalista étnica e proindixenista dos chicanos. Mentres que o movemento chicano tiña compoñentes nacionalistas máis marcados durante as décadas de 1960 e 1970, o movemento tendeu a destacar os dereitos civís e a inclusión política e social por enriba das ideas nacionalistas nas décadas posteriores. Por esta razón, o nacionalismo chicano é descrito máis como unha ideoloxía e non tanto un movemento político.
A violencia e a discriminación contra os mexicanos estadounidenses (polo xeral de clase baixa e de ascendencia indíxena) produciuse durante as décadas de 1950 e 1960.[1][2] Moitas organizacións, empresas e asociacións de propietarios tiñan políticas oficiais para excluír aos mexicanos. En moitas áreas ao longo do suroeste, os mexicanos estadounidenses vivían en zonas residenciais separadas, debido ás leis e ás políticas das empresas inmobiliarias.[3] Este conxunto de leis e políticas, coñecidas como redlining, durou até a década de 1950, e englóbanse dentro do concepto da segregación oficial de estado.[4] En moitos outros casos, existía un entendemento social xeral de que os mexicanos debían ser excluídos da sociedade branca, como por exemplo, os sinais coa mensaxe "No Dogs or Mexicans" ("nin cans nin mexicanos") estaban presentes en pequenas empresas e piscinas públicas en todo o suroeste ata ben entrados os anos 60.[5]
Algúns membros da comunidade mexicana estadounidense comezaron a cuestionarse se a asimilación na sociedade estadounidense era posible ou sequera desexable.[6] Ao mesmo tempo, empezou a formarse un sentido de conciencia étnica e de unidade, especialmente entre a mocidade, arredor da situación dos traballadores do campo. Os mexicano estadounidenses, algúns dos cales comezaron a chamarse a si mesmos "chicanos" como un símbolo de orgullo étnico, tamén comezaron a descubrir a súa historia e a analizar de maneira crítica o que aprenderon nas escolas públicas.[7] Con este novo sentido de identidade e historia, os primeiros defensores do movemento chicano comezaron a considerarse como un pobo colonizado con dereito á autodeterminación.[8] Algúns deles tamén abrazaron unha forma de nacionalismo baseada na súa percepción do fracaso do goberno dos Estados Unidos para cumprir as promesas que fixera no tratado de Guadalupe Hidalgo.[9][10]
O nacionalismo chicano permitiu aos chicanos definirse a si mesmos como un grupo baixo os seus propios termos, e a ter unha determinación sobre o seu propio destino. Fundaméntase no mito da creación azteca de Aztlán, un "lugar no norte". Xa que os aztecas son fundamentais para entender a historia de México e a conquista española, o uso da palabra adquiriu unha dimensión engadida sobre a recuperación dun patrimonio indíxenas como parte do proceso de descolonización.
O sentido do nacionalismo chicano foi reforzado pola proximidade xeográfica dos Estados Unidos e México. Os chicanos empregan o termo Aztlán para referirse a territorios dentro das fronteiras da cesión mexicana, a terra que se lle "concedeu" a España en 1493 polo Papa Alexandre VI na Bula menor Inter caetera de 1493, daquela reclamados polo Primeiro Imperio Mexicano en 1821 cando España asinou o tratado de Córdoba trala guerra de independencia mexicana. Posteriormente foron reclamados como "territorios" (a diferenza de "estados", a miúdo denominados "provincias") pola Constitución de México de 1824, e que finalmente foron cedidos aos Estados Unidos en 1848 como parte do tratado de Guadalupe Hidalgo (aínda que tamén incluía a Texas, que anteriormente proclamara a súa independencia do goberno da Cidade de México e era territorio independente.)
O compromiso cunha ideoloxía nacionalista permitiu aos activistas chicanos substituír diferenzas que ameazaban a súa unidade. Os mexicanos americanos tiñan diferenzas rexionais, lingüísticas, de idade, culturais, raciais e de xénero, todas elas incluídas nunha dedicación mutua ao movemento chicano.
Algúns grupos de nacionalistas mexicanos consideraron o nacionalismo chicano como unha forma de separatismo, semellante ao da República de Texas ou o separatismo negro, o cal se opón á súa propia idea da Reconquista (México) e da unificación de México segundo as fronteiras do tratado de Adams-Onís. Como a identidade chicana está composta por persoas de ascendencias predominantemente ou totalmente indíxenas, os nacionalistas mexicanos cren que a idea de Aztlán divide e condena aos nacionalistas chicanos por intentar crear unha nova identidade para a poboación mexicana estadounidense, diferente da identidade da nación mexicana que tamén inclúe ás persoas de ascendencia europea (principalente españois).[11]