O nacionalismo xaponés (国粋主義 Kokusui shugi?) é unha forma de nacionalismo que defende que os xaponeses conforman unha nación cunha única cultura inmutable, e promove a unidade cultural dos xaponeses. Abrangue unha ampla variedade de ideas e sentimentos cultivados polos xaponeses durante os últimos dous séculos en relación ao seu propio país, a súa cultura, política e destino histórico. Ademais, é preciso distinguir o nacionalismo cultural xaponés (nihonjinron) do nacionalismo político ou dirixido polo estado (estatismo no Xapón Shōwa), xa que moitas formas de nacionalismo cultural, como as asociadas a estudos folclóricos (Yanagita Kunio), foron hostís ao nacionalismo fomentado polo estado.
No período Meiji, a ideoloxía nacionalista consistía nunha mestura de filosofías políticas nativas e importadas, desenvolvidas inicialmente polo goberno Meiji para promover a unidade nacional e o patriotismo, primeiro como fórmula de defensa contra a colonización das potencias occidentais, e máis tarde nunha loita por acadar a igualdade coas potenciais mundiais. Evolucionou a través dos períodos Taishō e Shōwa para o incremento do totalitarismo no goberno e o expansionismo de ultramar, e proporcionou unha base política e ideolóxica para as accións do exército xaponés nos anos previos á segunda guerra mundial.
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Xapón |