Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de abril de 1897 Bombai, India |
Morte | 8 de setembro de 1981 (84 anos) Bombai, India |
Relixión | Hinduísmo |
Actividade | |
Ocupación | tendeiro |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sri Nisargadatta Maharaj, nado como Maruti Shivrampant Kambli o 17 de abril de 1897 e finado o 8 de setembro do 1981, foi un mestre espiritual indio na tradición do Advaita Vedanta, pertencente á liñaxe do Navnath Sampradaya. Foi, xunto con Ramana Maharshi, un dos mestres indios máis coñecidos e respectados do século XX[1].
En 1973 a publicación do libro Eu son (publicado en inglés co título I Am That) marcou un punto de inflexión na súa vida, pasando de ser un modesto vendedor de “bidis”, coñecido por uns poucos acólitos do ámbito inmediato, a ter un fluxo constante de visitantes na súa casa que acudían a el dende calquera recuncho do mundo en busca de consello.
As ensinanzas de Nisargadatta parten da idea do Advaita vedanta Tat Tvam Asi, literalmente "Ti es aquilo", (Tat = "presenza, divindade", Tvam = "ti", Asi = "es"), que ven a dicir: ti es o divino. Tamén demostraba unha submisión completa cara ao seu mestre ("Guru"), e aconsellaba o camiño da devoción (Bhakti Yoga), a moitos dos seus visitantes, xa que consideraba que o camiño do coñecemento (Jnana Yoga), non era axeitado para todo o mundo.[2]
Da acordo con Sri Nisargadatta, a nosa natureza é a paz absoluta, coñecida no hinduísmo coma Brahman. É a idea de que somos o corpo e a mente o que evita que vexamos que, en realidade, somos a esencia orixinal, o Ser verdadeiro, coñecido no hinduísmo coma Atman.
As ensinanzas impartíanse nun estilo continuísta coa tradición do Navnath Sampradaya: "Os Mestres do Nath rara vez buscan apoio para a súa instrución nos textos da metafísica tradicional, aínda que evidentemente son fieis á súa esencia mais evitan, a conciencia, citar textos e datos que poidan dar lugar a engrosar a erudición no canto de apuntar á Realidade Suprema cuxa realización só pode chegar a bo termo no propio corazón do discípulo. É por iso que a súa ensinanza se caracteriza por ser simple e directa, pero tamén tallante e sen dar cabida á mínima especulación mental"[3].
Posto que non cabe falar aquí de discípulos no sentido máis ortodoxo do termo, pódese dicir que entre os seguidores máis coñecidos de Nisargadatta atópanse Sailor Bob Adamson, Stephen Wolinsky, Jean Dunn, Alexander Smit, Robert Powell, Timothy Conway, Ramesh Balsekar e Maurice Frydman, editor do libro Eu son.
En realidade Nisargadatta Maharaj non publicou ningún libro persoalmente. Todos os libros listados de seguido son recompilacións de conversas que Nisargadatta mantiña cos visitantes que acudían á súa casa e que diversos seguidores deron en gravar e logo editaron e publicaron co seu consentimento.