Nosa Señora do Rosario | |
---|---|
Representación da Virxe do Rosario, obra de Simone Cantarini. | |
Advocación da Virxe María | |
Historia | |
Orixe da devoción | 1208 en Francia, por San Domingos de Guzmán |
Principais difusores | San Domingos de Guzmán, Alano da Rocha, Pío V, Gregorio XIII, Clemente XI, León XIII, San Xoán Paulo II |
Veneración | |
Venerada en | Igrexa Católica |
Festividade | 7 de outubro |
Calendario litúrxico | 7 de outubro, Memoria |
Atributos | Rosario |
Nosa Señora do Rosario, referida comunmente como Virxe do Rosario, é unha advocación da Virxe María venerada na Igrexa católica, que celebra o 7 de outubro a súa festa.
Conta a lenda que a Virxe se apareceu en 1208 a San Domingos de Guzmán nunha capela do mosteiro de Prouilhe (Francia) cun rosario nas mans, que lle aprendeu a rezalo e lle dixo que o predicase entre os homes; ademais, ofreceulle diferentes promesas referentes ao rosario. O santo ensinóullelo aos soldados liderados polo seu amigo Simón IV de Montfort antes da Batalla de Muret, cuxa vitoria sería atribuída á Virxe. Por iso, Montfort erixiu a primeira capela dedicada a esta advocación.[1]
No século XV a súa devoción decaera, polo que novamente a virxe se lle apareceu ao beato Alano da Rocha; pediulle entón que a revivise, que recollese nun libro todos os milagres levados a cabo polo rosario e recordoulle as promesas que séculos atrás fixera a san Domingos.[2]
No século XVI, San Pío V instaurou a súa data o 7 de outubro, aniversario da vitoria na Batalla de Lepanto (atribuída á virxe), denominándoa A nosa Señora das Vitorias; ademais, agregou á ladaíña da Virxe o título de Auxilio dos Cristiáns. O seu sucesor, Gregorio XIII, cambiou o nome da súa festividade ao da nosa Señora do Rosario.[2] Por mor da vitoria na batalla de Temesvár en 1716, atribuída por Clemente XI á virxe, o papa ordenou que a súa festa se celebrase pola Igrexa universal. León XIII, cuxa devoción por esta advocación fixo que fose alcumado o Papa do Rosario, escribiu unhas encíclicas referentes ao rosario, consagrou o mes de outubro ao rosario e incluíu o título de Raíña do Santísimo Rosario na ladaíña da Virxe.[2]
tanto a Virxe de Lourdes na súa aparición de 1858 como a de Fátima en 1917 pediron aos seus aparecidos que rezasen o rosario. Gran parte dos papas do século XX foron moi devotos desta advocación, e Xoán Paulo II manifestou en 1978 que o rosario era a súa oración preferida.[3]
É a patroa das batallas, así como de moitas localidades repartidas por todo o mundo, como A Coruña e Cádiz, e da Real Academia Galega de Belas Artes.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nosa Señora do Rosario |