Nova Vaga Checoslovaca

A Nova Vaga Checoslovaca é unha expresión referida aos cineastas checoslovacos que comezaron a rodar filmes na década de 1960. Entre os directores que adoitan ser incluídos están Miloš Forman, Věra Chytilová, Ivan Passer, Pavel Juráček, Jiří Menzel, Jan Němec, Jaromil Jireš, Evald Schorm, Hynek Bočan, Juraj Herz, Juraj Jakubisko e Štefan Uher. O movemento chegou a ser chamado o milagre cinematográfico checoslovaco.

Características

[editar | editar a fonte]

Os filmes tocaban temas que os cineastas anteriores dos países comunistas adoitaban non tratar para evitar as obxeccións da censura, como a mocidade desorientada que aparece en Černý Petr (1963) e Lásky jedné plavovlásky (1965), ou os atrapados nun rodopío surrealista como en Sedmikrásky (1966) e Valerie a týden divů (1970). Os filmes ás veces amosaban un humor negro e absurdo oposto aos filmes sociais realistas da década de 1950.

A Nova Vaga Checoslovaca diferenciouse da Nouvelle Vague francesa en que tiñan narracións máis fortes e que como os directores formaban parte dunha industria cinematográfica nacionalizada, tiñan maior acceso aos estudios e aos fondos estatais. Tamén fixeron máis adaptacións, como a versión de Jaromil Jireš da novela de Milan Kundera Žert (1969). No IV Congreso da Unión de Escritores Cinematográficos en 1967, o propio Kundera describiu esta vaga de cinema como unha parte importante da historia da literatura checoslovaca.[1]

Filmes checos

[editar | editar a fonte]

A maioría dos filmes rodados durante a Nova Vaga eran en checo. Moitos directores procedían da prestixiosa FAMU, situada en Praga, mentres que os estatais estudios Barrandov estaban situados nos arredores da cidade. Algúns destacados directores checos foron Miloš Forman, que dirixiu Hoří, má panenko, Černý Petr e Lásky jedné plavovlásky nesa época, Věra Chytilová coñecida polo seu filme Sedmikrásky,[2] e Jiří Menzel, que co filme Ostře sledované vlaky (1966) gañou o Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa.[3]

Filmes eslovacos

[editar | editar a fonte]

Obchod na korze (1965) gañou o Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa en 1966.[4] Aínda que non está considerado como parte da Nova Vaga porque foi dirixido por Ján Kadár e Elmar Klos, que eran dunha xeración anterior, o filme é xustamente tradicional. Juraj Jakubisko, Štefan Uher ou Dušan Hanák foron cineastas eslovacos que formaron parte do movemento.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]