Olympus / Olympus 1 / Olympus F1 | |
---|---|
Tipo | Experimental / Comunicacións |
Organización | Axencia Espacial Europea |
Destino actual | En órbita cemiterio.[1] |
Data de lanzamento | 12 de xullo de 1989, 00:14 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Ariane 3[2][4] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Kourou[2][5] |
Obxectivo da misión | Demostrador tecnolóxico.[2][5] |
NSSDC ID | 1989-053A |
Masa | 2595 kg[4] |
Dimensións | Forma de caixa cunhas dimensións de 2,9 x 5,5 m[2] |
Potencia | 3600 vatios[2] |
Datos orbitais | |
Semieixo maior | 41859 km[1] |
Inclinación | 14,8 graos[1] |
Apoapse | 35.568,3 km[1] |
Periapse | 35.407,8 km[1] |
Olympus, tamén coñecido como Olympus 1 e Olympus F1, foi un satélite de comunicacións experimental lanzado o 12 de xullo de 1989 mediante o último foguete Ariane 3 desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.[2][4][5]
A misión de Olympus foi probar varias novas tecnoloxías relacionadas coas comunicacións desde órbita e a emisión televisiva directa nas bandas acordadas pola Unión Internacional de Telecomunicacións en Xenebra en 1977.[1][2][4][5]
Olympus levaba a bordo catro cargas útiles de comunicacións, entre elas un sistema de emisión directa de televisión cun canal emitindo para Italia e outro para toda Europa, ambos funcionando a unha frecuencia de 12 GHz e podendo recibirse en antenas parabólicas cun mínimo de 45 cm de diámetro. Outro dos sistemas funcionaba a frecuencias de entre 12 e 14 GHz e foi usado para experimentos de conmutación, reúso de frecuencias, videoconferencia e distribución de datos. Un terceiro sistema traballaba na banda Ka, a entre 20 e 30 GHz, e ofrecía videoconferencia de punto a punto e multipunto, teleeducación e envío de datos a baixa velocidade. Un último sistema podía funcionar a 12, 20 ou 30 GHz e con el se fixeron experimentos de propagación.[2][4]
O satélite tiña forma de caixa cunhas dimensións de 2,9 x 5,5 m. Os paneis solares, unha vez estendidos, tiñan unha envergadura de 25,6 m e producían 3,6 kW de potencia.[2][4]
En xaneiro de 1991, despois de case dous anos en órbita, un dos paneis solares deixou de funcionar, deixando ao satélite coa metade da potencia dispoñible. O 29 de maio dese mesmo ano un problema co sistema de control de actitude, xunto cunha serie de comandos incorrectos enviados desde terra, fixeron que Olympus comezara a xirar sobre si mesmo descontroladamente. O control do satélite non se retomou ata o 19 de xuño de 1992, despois de case gastar completamente o propelente de a bordo. De todos modos Olympus foi posto de novo en servizo o 7 de agosto de 1992. O 12 de agosto de 1993 perdeuse de novo o control do satélite, esta vez debido ao impacto dun micrometeorito da corrente das Perseidas. Retomar o control de novo practicamente esgotou as reservas de propelente. Sen posibilidade de ser posto de novo en servizo, Olympus foi enviado a unha órbita cemiterio e desconectado o 12 de agosto de 1993.[2][4][6]