Oopart é o acrónimo en inglés de Out of Place Artifact (literalmente, ‘artefacto fóra de lugar’), verba creada polo zoólogo estadounidense Ivan T. Sanderson que fai referencia a obxectos paleontolóxicos e arqueolóxicos que en aparencia se encontraron en lugares ou épocas onde se cre imposible polas súas características (complexidade tecnolóxica, referencias á civilización actual etc) sendo por iso obxectos totalmente anacrónicos.
O termo foi amplamente utilizado para intentar refutar teorías como a teoría da evolución ou a estimación científica da idade da Terra. Os ooparts tamén foron usados polos afeccionados da ufoloxía e outras pseudociencias como base para a teoría de que a humanidade foi fundada ou alterada por civilizacións extraterrestres moito máis avanzadas (creacionismo alieníxena), xa que, desde este punto de vista, algúns dos pobos antigos posuíron, precisamente por este motivo, coñecementos científicos en determinadas áreas polo menos insólitos para o seu tempo.[1] Por outro lado, a consideración de oopart depende en gran parte dos coñecementos que se dominan dun período histórico, por iso é tan relativa como a veracidade das teorías de quen o utilizan como argumento.
Se ben é certo que as características aparentemente extraordinarias dalgúns destes obxectos aínda non posúen unha interpretación desde a arqueoloxía, paleontoloxía ou outras áreas de estudo, aínda que tamén algúns obxectos foron catalogados como ooparts para logo saír desta clasificación,[2] en xeral a comunidade científica amósase escéptica fronte ás interpretacións que cualifican estes obxectos como "fóra de lugar". Un gran número destes foron rexeitados como produtos de fenómenos como o palimpsesto, a pareidolia, a falsificación ou simplemente a ignorancia respecto ás culturas que produciron o obxecto en cuestión.
Artefacto | Imaxe | Descrición | Datación | Lugar de encontro | Interpretación |
---|---|---|---|---|---|
Ferro de Wolfsegg | Peza de ferro de forma máis ou menos cúbica | Indeterminada | Mina de ferro en Austria. | Probablemente un meteorito | |
Platillos de Dropa ou de Bayan Kara Ula | Platillos con inscricións supostamente alieníxenas | Paleolítico Superior | Localidade de Nimu na rexión chinesa de Sichuan, na fronteira do Tíbet | Todas as probas arredor deste caso son dubidosas, partindo da identidade dos seus descubridores. | |
Fonte Magna | Bol de cerámica con suposta escritura cuneiforme, sumeria e semita. | - | Bolivia | En estudo | |
Artefacto de Coso | Buxía encontrada dentro dun fragmento de arxila petrificada. | 700.000 anos de antigüidade. | Olancha, California. | Trataríase dunha simple buxía utilizada en traballos de minería, que ficou envolta en formigón. | |
Esferas metálicas de Klerksdorp | Bolas de pirita acanaladas de orixe supostamente artificial. | Período Precámbrico | Ottosdal, Suráfrica | Nódulos de pirita de orixe metamórfica, e nódulos de goethita formados do desgaste da pirita. | |
Martelo de Kingoodie | Martelo incrustado en pedra. | Cretáceo | Kingoodie Quarry, Escocia | Cuestiónase a ausencia de oxidación, polo tanto, a autenticidade do obxecto. | |
Vaso de Dorchester | Vaso de prata e zinc. | 100.000 anos de antigüidade | Massachusetts | Obxecto desaparecido | |
Pedras de Ica | Pedras de andesita con gravados que representan dinosauros, tecnoloxía moderna e supostos seres extraterrestres. | Indeterminada | Ica, Perú. | Falsificación. | |
Planeador de Saqqara | Suposto modelo dun avión moderno. | 200 a. C. | Exipto | Un xoguete para un neno ou un cataventos con forma de falcón. | |
Lámpadas de Dendera | Xeroglíficos que supostamente representan bombillas modernas. | Século IV a. C. | Dendera, Exipto. | Pareidolia provocada por xeroglíficos que representan a unha serpente e unha flor de loto. | |
Cranios de cristal | Representacións de cranios humanos tallados en cristal. | 1400-1500 a. C. | Lubaantún, no Iucatán e Belize | Falsificación[3] | |
Batería de Bagdad | Xerras utilizadas supostamente para xerar electricidade. | 250 a. C. e 250 d. C. | Bagdad, (Iraq) | A ausencia de rastros dalgún electrólito, o baixo potencial eléctrico do sistema e a ausencia de usos prácticos para a electricidade na época cuestionan o obxecto como oopart.[4] | |
Mapa de Piri Reis | Mapa de orixe otomá onde se representa o continente americano. | 1513 | Istambul, Turquía. | En estudo. | |
Figuras de Acámbaro | Figuras de arxila cocida que representan dinosauros | 6000 anos de antigüidade | Guanajuato, México. | Falsificación. | |
Xeroglíficos exipcios do século III | Xeroglíficos exipcios inscritos a miles de quilómetros de Exipto | Século III | Iruña-Veleia, Vasco. | Falsificación. |