Os Pobos Deciden | |
---|---|
Tipo | partido político |
Data de fundación | 2014 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Pobos Deciden (en español e asturiano Los Pueblos Deciden, en éuscaro Herriek Erabaki, en aragonés Os Pueblos Deciden), é unha coalición política española formada para as eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 e integrada por Euskal Herria Bildu (EH Bildu), o Bloque Nacionalista Galego (BNG),[1][2] e outras formacións minoritarias de esquerda nacionalista, como a aragonesa Puyalón de Cuchas,[3] a asturiana Andecha Astur,[4] ou as formacións canarias Alternativa Nacionalista Canaria (ANC) e Unidad del Pueblo (UP).[5] Tamén recibiu o apoio de Euskal Herria Bai (EH Bai), formación do País Vasco francés que decidiu non presentarse a estas eleccións,[6] así como de Gorripidea, formación proveniente de Zutik.[7]
A coalición está formada por organizacións de esquerda independentista e nacionalista do País Vasco, Navarra, Galicia, Aragón, Asturias e as Canarias co obxectivo común de acadar a autodeterminación dentro de España. O cabeza de lista foi Josu Juaristi de EH Bildu,[8] seguido de Ana Miranda Paz como representante do BNG.[9] Asemade, o escritor Suso de Toro figuraba no posto doce da lista como independente, dentro da cota do BNG. No caso de obter un único escano, EH Bildu e BNG acordaron repartirse a lexislatura en función dos votos achegados á candidatura.[10]
Tamén se barallou a presenza nesta coalición da Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), que decidiu presentar a súa propia candidatura xunto con dous partidos minoritarios cataláns,[11][12] e da Candidatura d'Unitat Popular (CUP) e Nós-Unidade Popular,[13] que finalmente rexeitaron presentarse a devandita cita electoral.[14][15]
Os Pobos Deciden obtivo 326 464 votos (2,08 %)[16] o que lle garantiu obter un eurodeputado. Os mellores resultados obtívoos no País Vasco e Navarra (comunidades onde foi a segunda forza máis votada), así como en Galicia (onde foi a quinta). En función dos acordos adoptados polos partidos integrantes, o candidato de EH Bildu Josu Juaristi mantivo o escano os primeiros tres anos e medio no Parlamento e a candidata do BNG Ana Miranda Paz o restante ano e medio.[17]
Territorio | Votos | % | Posición |
---|---|---|---|
Andalucía | 2 184 | 0,08 % | < 10º |
Aragón | 1 241 | 0,27 % | < 10º |
Asturias | 1 392 | 0,37 % | < 10º |
Canarias | 3 424 | 0,60 % | < 10º |
Cantabria | 471 | 0,22 % | < 10º |
Castela-A Mancha | 529 | 0,07 % | < 10º |
Castela e León | 1 358 | 0,14 % | < 10º |
Cataluña | 7 248 | 0,29 % | < 10º |
Ceuta | 20 | 0,13 % | < 10º |
Comunidade Valenciana | 2 081 | 0,12 % | < 10º |
Estremadura | 229 | 0,06 % | < 10º |
Galicia | 80 394 | 7,88 % | 5º |
Illas Baleares | 924 | 0,34 % | < 10º |
A Rioxa | 212 | 0,18 % | < 10º |
Madrid | 2 570 | 0,12 % | < 10º |
Melilla | 9 | 0,06 % | < 10º |
Murcia | 355 | 0,08 % | < 10º |
Navarra | 44 129 | 20,21 % | 2º |
País Vasco | 177 694 | 23,36 % | 2º |
España | 326 464 | 2,08 % | 9º |