Péptido C[1] | |
---|---|
Identificadores | |
Número CAS | 59112-80-0 |
PubChem | 16132309 |
ChemSpider | 17288968 |
MeSH | C-Peptide |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C129H211N35O48 |
Masa molecular | 3020,29 g/mol |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
O péptido C ou péptido de conexión (do inglés C-peptide), é un curto polipéptido de 31 aminoácidos que conecta a cadea A da insulina coa súa cadea B na molécula precursora proinsulina. Na diabetes e outras doenzas a medición dos niveis séricos de péptido C pode utilizarse para facer un diagnóstico diferencial entre doenzas con similares características clínicas.
A vía de síntese de insulina empeza coa preproinsulina, que é transportada ao retículo endoplasmático das células beta dos illotes de Langerhans pancreáticos e consta de cadea A, péptidoC, cadea B e secuencia sinal. A secuencia sinal é clivada do extremo N-terminal da proteína por unha peptidase de sinal, deixando unha proteína máis curta chamada proinsulina. Despois, a proinsulina é empaquetada en vesículas no aparato de Golgi (gránulos beta), o péptido C é eliminado, e as cadeas A e B quedan unidas por pontes disulfuro, constituíndo a molécula final de insulina.
O péptido C da proinsulina foi descrito por primeira vez en 1967 en conexión co descubrimento da vía de biosíntese da insulina.[2] Funciona como ligador (linker) entre as cadeas A e B da insulina e facilita unha eficaz ensamblaxe, pregmento e procesamento da insulina no retículo endoplasmático. Despois, almacénanse cantidades equimoleculares de péptido C e de insulina en gránulos secretores das células beta pancreáticas e ambos os dous son finalmente liberados á circulación portal. Inicialmente, o único interese que había no péptido C era como marcador da secreción de insulina e dábaselle un gran valor para comprender mellor a fisiopatoloxía das diabetes de tipo 1 e 2. O primeiro uso documentado da proba do péptido C data de 1972. Posteriormente, descubriuse que o péptido C era un péptido bioactivo por propio dereito, con efectos no fluxo sanguíneo microvascular e na saúde dos tecidos.[3]
O péptido C únese á superficie de varios tipos celulares como as neuronas, células endoteliais, fibroblastos e células tubulares renais, a concentracións nanomolares, ligándose a un receptor que está probablemente acoplado á proteína G. O sinal que envía activa rutas de sinalización intracelulares dependentes do Ca2+ como MAPK, PLCγ, e PKC, o que causa a regulación á alza de varios factores de transcición, así como das actividades da ATPase de Na+/K+ e eNOS.[4] Estes últimos dous encimas sábese que teñen unha actividade reducida en pacientes de diabetes tipo 1 e foron implicados no desenvolvemento de complicacións a longo prazo da diabetes tipo 1, como a neuropatía periférica e autónoma.
Os estudos in vivo en modelos animais da diabetes tipo 1 estbleceron que a administración do péptido C causa melloras significativas na función dos riles e nervios. Así, en animais con signos temperáns de neuropatía inducida pola diabetes, o tratamento con péptido C en dose de substitución causa unha mellora da función nerviosa periférica, como se evidencia polo incremento da velocidade de condución nerviosa, o incremento da actividade da ATPase de Na+/K+ do nervio e a mellora significativa dos cambios estruturais nos nerios.[5] Igualmente, a administración de péptido C en animais que tiñan deficiencia de péptido C (modelo tipo 1) con nefropatía mellora a función e estrutura renal; diminúe a excreción de albumina urinaria e impide ou diminúe os cambios glomerulares inducidos pola diabetes secundarios a unha expansión da matriz mesanxial.[6][7][8][9] O péptido C tamén ten efectos antiinflamatorios e axuda á reparación das células de músculo liso.[10][11]
O uso terapéutico do péptido C foi explorado en pequenos ensaios clínicos na enfermidade do ril diabético.[16][17] As compañías Creative Peptides,[18] Eli Lilly,[19] e Cebix[20] idearon programas de desenvolvemento de fármacos para o produto péptido C. Cebix puxo en marcha o programa ata que completou os ensaios en fase IIb en decembro de 2014, que mostraron que non había diferenza entre os resultados do péptido C e o placebo, e terminou o seu programa e saíu do negocio.[21][22]