O píleo, en ornitoloxía, é o termo técnico para referirse á parte superior da cabeza das aves,[1] tamén denominado curuto por algúns ornitólogos galegos.[2][3] O píleo comenza tras da fronte e prolóngase até a caluga.
O píleo de moitas aves destaca por ter a plumaxe de distinta cor, ou por ter plumas de lonxitude diferente ao resto das outras da cabeza. Algunhas aves presentan patróns listados nesta parte da cabeza; se a franxa percorre o píleo lonxitudinalmente na súa parte central denomínase lista pileal media, e se o fai polos laterais desígnase lista pileal lateral.[4]
A cor, a forma e outras características da plumaxe do píleo son útiles para a identificación dalgunhas aves, tanto para diferenciar individuos de especies de aspecto semellante como para distinguir a membros da mesma especie de diferentes sexos e idades. A cor da plumaxe do píleo pode variar entre os distintos sexos dunha mesma especie; por exemplo, os machos da papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) teñen o píleo negro e as femias de cor parda avermellada.[5] Tamén pode ser diferente a cor do píleo dos adultos e os inmaturos da mesma especie; por exemplo, nos adultos do peto real (Dendrocopos major) é negro e nos individuos xuvenís é vermello.[6]
Nalgunhas especies a coloración do píleo é variábel segundo a estación do ano. En moitos membros da familia dos estérnidos (Sternidae) —a familia dos carráns— cuxo píleo é negro durante a estación reprodutiva, vólvese parcial ou totalmente branco fóra dela.[7] O mesmo ocorre con certas gaivotas —familia dos láridos (Laridae)—.