Un palco da música é unha construción xeralmente rectangular, que consta dun teito sostido por columnas e que serve como lugar de actuación para agrupacións musicais durante as festas. É tamén común que sexa en forma de quiosco[1] coma un pavillón aberto por todos os seus lados, normalmente de planta arredondada ou poligonal (forma panóptica), que se coloca nun xardín para a interpretación de diversas manifestacións artísticas como música ou danza.
Popularizáronse coma construción festiva no século XIX e comezos do XX, especialmente para acomodar a execución musical das bandas nos concertos ao ar libre. No Reino Unido construíron moito na era Vitoriana cando o movemento británico brass band gañou relevancia. Os palcos máis miúdos non son máis ca gazebos. En Galiza son comúns en todas as vilas para a interpretación de bandas de gaita e de música especialmente nas festas parroquiais.
O quioscos son construcións abertas, simétricas con relación ao eixo central e de planta poligonal que consta dun zócolo do que o chan máis ou menos elevado forma a escena que debe de cumprir cos requisitos acústicos, mentres que proporciona o abeiro necesario para o tempo variábel. A estrutura é normalmente en madeira ou en metal, cuxas columnetas levan un teito en pavillón de escaso desnivel. Materiais lixeiros forman as armazóns artelladas e normalmente moi enfeitadas. A finais do século XX, co crecemento das bandas, e o seu equipamento, fixo que moitos quioscos quedasen pequenos, polo que se contruíron palcos rectangulares de formigón ou pedra maiores, ou incluso son comúns os portátiles en grandes concertos.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Palco da música ![]() |