Parkway Drive | |
---|---|
Parkway Drive en Bangkok no 2009. | |
Orixe | Byron Bay, New South Wales, Australia |
Período | 2002 - presente |
Xénero(s) | metalcore |
Selo(s) discográfico(s) | Resist Records, Burning Heart Records, Epitaph Records |
Membros | Ben Gordon, Luke Kilpatrick, Jeff Ling, Winston McCall, Jia O'Connor |
Antigos membros | Brett Versteeg, Shaun Cash |
Na rede | |
http://parkwaydriverock.com | |
Parkway Drive é unha banda de metalcore procedente de Byron Bay, Nova Gales do Sur, Australia, constituída no ano 2003.[1][2] Ata o ano 2018, Parkway Drive publicou seis álbums: Killing with a Smile, Horizons, Deep Blue, Atlas, Ire e Reverence; ademais dun EP, dous DVD, un split e un libro, Ten Years of Parkway Drive. Os últimos catro álbums entraron no top 10 dos ARIA Charts australianos, alcanzando Ire o número 1 en outubro de 2015. En agosto de 2018, levaban vendidas máis de 240 mil copias.
A formación do grupo mantívose sen cambios dende a incorporación do baixista Jia O'Connor en 2006, logo de que Brett Versteeg e Shaun Cash se separaran da banda en 2004 e 2006 respectivamente.
Parkway Drive formouse a comezos do ano 2003. O nome da banda ten a súa orixe na súa cidade natal, Byron Bay, onde o grupo ensaiaba na casa dun dos seus membros, chamada "Parkway House", en Parkway Drive (nome da rúa). No documental de 2009, "Parkway Drive: The DVD" explícase a falta de lugares de ensaio que sufrían as bandas de punk rock ou hardcore punk e como "Parkway House" constituía "un pequeno oasis para eles e todos os seus amigos". Deron o seu primeiro espectáculo no Byron Bay Youth Centre, onde o vocalista de I Killed The Prom Queen, Michael Crafter, os veu por primeira vez e mostrou interese na banda. En xuño de 2003, lanzarían un disco compartido titulado "I Killed the Prom Queen / Parkway Drive: Split CD", organizando unha xira por Australia ao longo dese mesmo ano. Logo de firmar un contrato con Resist Records, lanzan o EP Don't Close Your Eyes en 2004 e fan de abreconcertos de bandas como Shadows Fall, Chimaira, Hatebreed ou Alexisonfire en xiras por Australia.
En maio do 2004, logo da substitución de Brett Versteeg por Shaun Cash, desprázanse aos Estados Unidos de América para gravar o seu primeiro disco co produtor de metal Adam Dutkiewicz, guitarrista da banda de metalcore Killswitch Engage, que traballou con bandas coma Unearth e Underoath. O álbum debut da banda titulado Killing with a Smile publicouse en agosto de 2005 e vendeu arredor de 30 mil copias en Australia. En 2006 realizan unha xira en Europa, sendo esta a súa primeira xira internacional, e posteriormente volven a Norteamérica.
A finais de maio do 2006, o baixista Shaun Cash deixa a banda por motivos persoais con apoio por parte do grupo, que atopa un substituto no seu amigo e encargado de merchandising, Jia "Pie" O'Connor , que a pesar de non saber tocar o baixo nun principio, tocaría con eles nas mencionadas xiras europea e norteamericana. Así mesmo, Parkway Drive firma un contrato coa compañía discográfica americana Epitaph en xuño dese mesmo ano.
O 3 de marzo do 2007 o grupo presentou dúas novas cancións nun evento no local londiniense Underworld, The Siren's Song e Carrion, que formarían parte do novo disco, Horizons. Este segundo álbum de estudio publicouse o 6 de outubro do 2007, tamén producido por Adam Dutkiewicz. O grupo incluíuse no cartel do Vans Warped Tour do 2007 como a única banda australiana de toda a xira. O disco foi moi ben acollido pola crítica e seguidores por igual e debutou no posto número 6 dos ARIA Charts, a listaxe dos discos máis vendidos da semana en Australia. Despois do seu lanzamento, comezaron unha xira polos Estados Unidos, Australia e Europa con bandas como Killswitch Engage, Bury Your Dead, Darkest Hour e outras. Entre as numerosas xiras que realizaron despois do lanzamento de Horizons, a que máis se destacou foi a Sweatfest, na que viaxaron por toda Australia. No 2009 encabezaron unha xira nos Estados Unidos xunto con Stick to Your Guns e Mychildren Mybride, outra polo Xapón xunto con Shai Hulud e Crystal Lake e tocaron en importantes festivais coma o The Bamboozle en New Jersey e no Download Festival de Inglaterra.
En maio do 2009, Parkway Drive anunciou que estaba por lanzar un DVD, no que se incluía unha actuación en directo e un documental do nacemento e progreso da banda. O grupo tamén anunciou unha xira por Australia con August Burns Red e Architects. Acompañaríanos Hand on Mercy nas súas actuacións en Sydney, Safe Hands en Newcastle, Sink Or Swim na súa cidade natal, Byron Bay, House Vs. Hurricane e In Trenches en Melbourne, Dead Kings en Camberra, Wish for Wings en Brisbane e Abandon All Hope en Adelaide.
O 23 de marzo do 2010, Parkway Drive entrou no estudio para comezar a gravar o seu terceiro álbum, Deep Blue, co produtor Joe Barresi. Segundo o seu vocalista Winston McCall, este ía ser o seu álbum máis cru e pesado ata a data. De acordo cunha entrada en Myspace, o 1 de abril do 2010 remataran a gravación da batería para o disco. Segundo o publicado o 8 de abril do 2010, Parkway Drive rematara coas guitarras rítmicas, o baixo e a voz para o próximo disco, aínda sen título. O 17 de abril do 2010, o grupo anunciou oficialmente que remataran a gravación deste disco e engadiu un vídeo de estudio ao seu Myspace. O 26 de abril, o vocalista Winston McCall revelou nunha entrevista os títulos de dúas novas cancións: "Home Is For The Heartless" (con Brett Gurewitz de Bad Religion) e "Hollow" (con Marshall Lichtenwaldt de The Warriors). Este álbum levounos a unha xira mundial, na que recorreron Europa, América, Asia e algúns países de África. Posteriormente lanzaron un DVD chamado 'Home Is for the Heartless', no que se amosan as principais paradas da banda durante a xira, así como as experiencias e emocións dos integrantes no momento de coñecer novas culturas.
Durante a xira do 2009 polo Reino Unido e Europa, o grupo presentou e tocou unha nova canción chamada "Unrest", que estaría no seu próximo disco. En maio dese ano, Parkway Drive anunciou que o disco se chamaría "Deep Blue" e que se publicaría o 25 de xuño en Australia, o 28 de xuño en Europa e no Reino Unido e o 29 de xuño nos Estados Unidos. O 14 de maio a banda actualizou o seu perfil de MySpace para anunciar a próxima publicación do disco e revelaron a primeira canción do mesmo, Sleepwalker, neste mesmo formato o 18 de maio do 2010. Ese mesmo día, Parkway Drive colgou un vídeo para promocionar a súa xira europea "Never Say Die!", na que actuarían con outros grupos como Comeback Kid, Bleeding Through, Emmure, War from a Harlots Mouth, Your Demise e We Came As Romans.
En decembro do 2010 o grupo participou na xira por Australia e Nova Zelandia do festival "No Sleep Til" con Megadeth, NOFX, Dropkick Murphys, A Day To Remember, GWAR, Atreyu, Descendents, Alkaline Trio, Frenzal Rhomb, Me First and the Gimme Gimme's, Suicide Silence, August Burns Red, Katatonia, 3 Inches of Blood, We Came As Romans, House Vs. Hurricane e Confession. Ademais, a banda anunciou a través de Facebook unha xira polos Estados Unidos para febreiro/marzo do 2011 xunto con The Warriors, The Ghost Inside e Set Your Goals.
Nunha entrevista con Reviewed Music, Winston McCall declarou que "Parkway Drive entrará no estudio despois da xira de abril por Europa e polo Reino Unido para comezar a gravar o seu cuarto disco". O grupo anunciou a través de Instagram que comezara oficialmente a gravación o 20 de xuño nos Ánxeles (California).
O 8 de setembro do 2012, Parkway Drive publicou o primeiro single de Atlas, “Dark Days” xunto cun vídeo musical. O 16 de outubro, o grupo colgou outra canción do disco, "Old Ghosts / New Regrets", en Youtube e compartiuna a través dos seus perfís de Facebook e Twitter.
Finalmente, o álbum publicouse o 26 de outubro do 2012 en Australia, o 29 no Reino Unido e o 30 nos Estados Unidos.
En xaneiro do 2013, Parkway Drive anunciou unha xira de promoción de Atlas polos Estados Unidos con The World Alive, Veil of Maya, Rescued By A Sinking Ship e While She Sleeps como invitados especiais. Esta xira durou dende o 29 de marzo ata o 19 de abril. Neste mesmo mes, o grupo anunciou unha xira por Australia para conmemorar o seu décimo aniversario, na que incluirían temas de todos os seus discos e na que estarían acompañados por Confession, Northlane e Thy Art Is Murder en datas seleccionadas.
En setembro do 2013, durante a xira por Australia, a banda publicou o seu primeiro libro, "Ten Years of Parkway Drive". O libro contén imaxes nunca vistas dos dez anos de Parkway Drive como grupo e moitos datos sobre a vida e a historia do grupo, dun xeito similar ao seu primeiro DVD, publicado no 2009.
En febreiro do 2014, Parkway Drive anunciou que formaría parte da escena principal do Vans Warped Tour de 2014.
En abril do 2014, a banda anunciou no seu perfil de Instagram que estaba traballando nun novo disco que ten previsto publicar no outono de 2014. Recentemente, o vocalista Winston McCall declarou que o disco non se publicará ata principios do 2015, xa que o grupo está actualmente a facer este disco do mellor xeito posible.
O xénero de Parkway Drive definiuse en múltiples ocasións como metalcore [3][4][5][6][7][8][9][10][11]. O son do grupo consiste no chamado screaming (voces berradas), riffs de guitarra e breakdowns de hardcore e punk. Ademais, son unha das poucas bandas modernas de metalcore que non inclúen voces melódicas. As influencias do grupo inclúen a Metallica, Slayer, Rage Against the Machine, Unearth, In Flames, Evergreen Terrace, Bleeding Through, Killswitch Engage, Bad Religion, Pennywise, The Offspring e Hatebreed.[12]. O irmán máis novo do vocalista de Parkway Drive, Winston, é tamén vocalista do grupo de hardcore 50 Lions.[11]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Parkway Drive |