Partido Demócrata | |
---|---|
Tipo | partido político |
Ideoloxía | Liberalismo |
Data de fundación | 1971 |
País | Illas Cook |
Na rede | |
http://www.democi.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Partido Demócrata é un partido liberal das Illas Cook.
O Partido Demócrata fundouno Tom Davis en 1971, en oposición ao Partido das Illas Cook do primeiro ministro Albert Henry. Nas eleccións de 1972 gañou oito escanos no Parlamento, impedindo a maioría de dous terzos da que viña gozando o PIC.[1]. Despois das eleccións de 1978 e do delito electoral cometido por Albert Henry, o PD accedeu ao poder, converténdose Davis no primeiro ministro, que se mantivo no poder ata 1987, cunha interrupción dalgúns meses en 1983, seguido do tamén demócrata Pupuke Robati que gobernou ata 1989. Tras a perda do goberno o PD sufriu unha escisión ao ser expulsado Norman George en 1992 e formar o seu propio partido, o Partido da Alianza, máis tarde chamado Partido da Nova Alianza, mentres o PD denominouse nesa época Partido da Alianza Democrática. Nas eleccións de 1999 obtivo unha maioría relativa, non obstante accedeu ao goberno unha coalición formada polo Partido das Illas Cook e o PNA pero só durou seis meses, en novembro dese ano o PD forma goberno logo dun acordo entre Terepai Maoate, líder do PD, e Norman George. En agosto de 2001, Maoate botou a George do goberno, acusándoo de manobrar para destituílo, nomeando no seu lugar a Robert Woonton, demócrata, pero en febreiro de 2002 Woonton co apoio de Geoffrey Henry, do PIC; e Norman George gañou unha moción de censura contra o goberno de Maoate. Robert Woonton formou un novo goberno composto por membros dos tres partidos, PIC, PNA e PAD, e pouco despois o PAD e o PNA intégranse formando de novo o PD. En xaneiro de 2003 tras a saída de Norman George, Terepai Maoate foi nomeado vicepresidente no seu lugar, pero acusado por Woonton de complot contra o goberno, foi substituído do seu posto en novembro de 2003
Neste contexto inestable convocáronse as eleccións de setembro de 2004. O PD, do que meses antes marchara Norman George que fundou o Tumu Enua, tivo o 47.2 % dos votos e 12 dos 24 escanos, pero o primeiro ministro Woonton non foi quen de reter a súa acta, e o novo líder do partido Jim Marurai converteuse no primeiro ministro. No ano 2005 debido a desputas internas Marurai deixou o partido, fundando o Cook Islands First Party, pasando o PD á oposición pero máis tarde rachou o acordo e o PD aliouse con Marurai, quen finalmente volveu ao rego demócrata, continuando como primeiro ministro mentres Terepai Maoate viraba no líder do partido. Nas eleccións de 2006 logrou a maioría no parlamento, con 15 dos 24 escanos.
De cara ás eleccións de 2010, o partido sufriu unha fonda crise, en decembro de 2009, o primeiro ministro Jim Marurai destituíu ao viceprimeiro ministro, Maoate, provocando unha dimisión en bloque dos ministros demócratas[2][3]. El e o seu novo viceprimeiro ministro Robert Wigmore foron deseguido expulsados do Partido Demócrata,[4] ao tempo que lle retirou o apoio. Evitouse unha escisión nunha conferencia en xuño de 2010 que readmitiu a Marurai, Wigmore, e os outros ministros, elixindo a Wigmore como o líder do partido, con Wilkie Rasmussen como o segundo.[5]. Non obstante, varios parlamentarios, como o antigo líder Terepai Maoate e o anterior presidente John Tangi non foron elixidos nas primarias nas súas circunscricións, presentándose finalmente como independentes.[6][7]. Nas eleccións finalmentre obtivo 8 dos 24 escanos perdendo o goberno en favor do Partido das Illas Cook.[8]