O parátopo é a parte dun anticorpo que recoñece ao antíxeno e é o lugar onde se unen o antíxeno e o anticorpo. É unha pequena rexión de 15–22 aminoácidos da molécula do anticorpo chamada rexión Fv que está constituída por partes das cadeas pesada e lixeira do anticorpo situada nos extremos dos brazos da molécula de inmunoglobulina (que ten forma de Y).[1]
O receptor de linfocitos B (BCR) ten tamén parátopos para antíxenos, xa que é un anticorpo integrado na membrana plasmática do linfocito B.
A parte do antíxeno na cal se une o parátopo denomínase epítopo. A forma do epítopo pode ser imitada por un mimótopo, polo que será tamén recoñecido polo parátopo e causará unha resposta inmunitaria similar. Na figura represéntase un anticorpo de linfocito B esquemático típico coas súas partes, no cal as partes internas dos extremos dos brazos (o idiotipo, zona no círculo) forman o parátopo, que se une ao epítopo.