Paspán[1] (Muttley segundo o seu nome orixinal en inglés) é un personaxe de debuxos animados, un simpático can riseiro e cun ton rouco, da casa Hanna-Barbera (actual Cartoon Network Studios) creado por Iwao Takamoto e coa voz orixinal en inglés de Don Messick (quen tamén fixo a voz de Scooby-Doo).[2]
En Galiza apareceu por vez primeira nos debuxos animados da Televisión española con dobraxe hispanoamericana, co nome de Pulgoso ou Patán. A Televisión de Galicia despois emitiu a popular serie de carreiras Os tolos do volante (serie de 1968 Wacky Races, en inglés), cando se lle deu o alcume galego de Paspán. Paspán na serie sempre acompaña ao vilán Dick Rañas (Dick Dastardly, na versión orixinal). Paspán e Dick foron creados inspirándose en personaxes do filme A carreira do século (The Great Race, en inglés) de Blake Edwards, de 1960 (os personaxes Professor Fate e Max Meen, en inglés).
Paspán é un can de palleiro cazador, non fala, e a súa característica principal é o seu riso asmático, un queixume rosmón en forma de murmurio contra as antipatías de Dick. A súa aparencia inicial n'Os tolos do volante era un colar vermello, que por veces era bufanda e nas aventuras na serie na que tamén é protagonista Dastardly and Muttley in Their Flying Machines, veste un chapeu e bufanda encarnados ao estilo dos aviadores que serviron na primeira Guerra Mundial.
Paspán ás veces é confundido con Mumbly (coñecido nas dobraxes hispanoamericanas coma Rabugento ou Risitas,[2] un can que loita contra a delincuencia, que perseguía aos criminais utilizando os seus sentidos de can e que conduce un vello coche desaqueloutrado (posíbel referencia ao tenente Columbo). Mumbly tiña aparencia e riso idéntico a Paspán, mais a pelaxe era dunha cor cinsenta azulada que incluía ás orellas e levaba un chuvasqueiro de cor laranxa.