Patovar

En fitopatoloxía e bacterioloxía un patovar (variante patoxénica) nunha definición breve é unha cepa bacteriana que se diferencia doutras similares da súa especie na patoxenidade que produce e a especie de planta que infecta. Unha definición máis detallada é: cepa ou grupo de cepas de bacterias con características iguais ou similares que se diferencia a nivel infrasubespecífico doutras cepas da mesma especie ou subespecie baseándose na súa patoxenidade distintiva ou na especie ou especies de plantas hóspede que infecta.

A abreviación "pv." significa patovar.

Xeralmente os patovares distínguense só pola diferenza no rango de especies hóspedes que infectan. Pero as diferenzas claras en sintomatoloxía nunha mesma especie de plantas poden servir tamén para establecer diferentes patovares (por exemplo, Xanthomonas campestris pv. oryzae e X. campestris pv. oryzicola).[1]

Os patovares denomínanse engadindo un terceiro ou cuarto nome ao nome binomial da especie; por exemplo, a bacteria causante do cancro cítrico Xanthomonas axonopodis, ten varios patovares con diferentes rangos de hóspedes; X. axonopodis pv. citri é un deles, ao que se lle engadiu a abreviación pv. e o nome citri.

Outro exemplo: A especie Xanthomonas transluscens presenta moitos patovares que infectan ás gramíneas, como:
Xanthomonas transluscens pv. cerealis
Xanthomonas transluscens pv. graminis
Xanthomonas transluscens pv. undulosa
e outros

Os patovares utilízanse en patoloxía vexetal para subdividir as especies patóxenas e facilitar os estudos fitopatolóxicos.

  1. Committee on the Taxonomy of Plant Pathogenic Bacteria. International Society for Plant Pathology. Estándares internacionais para nomear patovares Arquivado 20 de xullo de 2008 en Wayback Machine. Ver capítulo 5. Definition of Pathovar

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]