Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Patricia Gunson 17 de agosto de 1937 (87 anos) Wellington, Nova Zelandia |
Actividade | |
Ocupación | escritora, escritora de literatura infantil, novelista, escritora de contos |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Kohai Grace |
Parentes | Briar Grace-Smith, nora/ genro |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Cachées par la forêt : 138 femmes de lettres oubliées (en) , (p.482-483) Metzler Autorinnen Lexikon (en) , (p.200–201) >>>:Grace, Patricia |
Patricia Frances Grace, nada en Wellington o 17 de agosto de 1937, é unha escritora maorí neozelandesa de novelas, contos e libros infantís. Ademais de ser unha figura pioneira e influente da literatura nacional e de ser premiada en numerosas ocasións, Grace converteuse en 1975 na primeira escritora maorí en publicar unha colección de relatos co seu libro Waiariki (este termo refírese a un electorado maorí parlamentario de Nova Zelandia establecido para as eleccións de 1999, substituíndo ao electorado Te Tai Rawhiti).
Dende que comezou a dedicarse en exclusiva á escritura na década de 1980, Grace escribiu varias obras que exploran a vida e a cultura maorís, empregando a lingua propia en todas elas. A súa novela máis famosa é Potiki (1986).
De pai maorí e nai católica irlandesa, Grace naceu o 17 de agosto do 1937 en Wellington, Nova Zelandia.[1][2] Creceu nos arrabaldes de Melrose, onde o seu pai construíra a casa familiar, e tamén pasaba tempo coa súa familia paterna en Hongoeka, a terra natal do seu pai.[1][3]
Estudou na escola de St. Anne en Wellington, lugar no que, segundo afirmacións posteriores, foi vítima de racismo. Grace explicou que de moza non aprendeu a falar maorí porque só se falaba en eventos formais coma o tangi (cerimonias funerarias tradicionais dos maorís) e que, ao intentalo de adulta, atopou numerosas dificultades.[4] Empezou a ler obras de autores neozelandeses unha vez rematado o instituto e comezou a escribir aos 25 anos, mentres traballaba como profesora en North Auckland.[5]
Grace publicou o seu primeiro conto na revista bilingüe Te Ao Hou, The Dream en 1966 e, en 1979, a canle neozelandesa South Pacific Television creou unha serie televisiva baseada nel.[6][7] Outros dous relatos desta etapa inicial foron publicados na revista neozelandesa New Zealand Listener.[5] Tras estas primeiras publicacións, a autora recibiu a proposta dunha editorial para traballar nunha colección de relatos curtos.[1]
En 1975 viu a luz o seu primeiro libro, Waiariki, unha compilación de dez relatos que exaltan a diversidade da vida e cultura maorís.[5] En 1978, Grace publicou a súa primeira novela, Mutuwhenua: The Moon Sleeps, baseada nas experiencias dos seus pais, e que relata a historia da relación entre unha muller maorí e un home Pākehā (neozalandés de orixe europea) e os prexuízos raciais que tiveron que afrontar (Mutuwhenua refírese ao último día de lúa nova no ciclo lunar dos maorís).[5][1] En 1980 publicou unha segunda compilación de relatos: The Dream Sleepers and Other Stories.[5]
En 1985 recibiu unha bolsa da Universidade Victoria en Wellington grazas á cal puido dedicarse en exclusiva á escritura e rematar a que sería a súa novela máis exitosa, Potiki (1986), que relata como unha comunidade maorí se opón á urbanización por parte do sector privado do seu territorio ancestral e aos intentos dun promotor para mercalo.[5][1]
Grace tamén impulsou activamente a arte maorí nos anos 80 como membro fundador de Haeata, un colectivo de mulleres artistas maorís fundado en 1983 a través do cal orientou ás mozas na súa traxectoria artística e participou en exposicións grupais como Karanga Karanga (1986), a primeira exposición dunha obra colaborativa de artistas maorís nun museo público[8][9].
A súa terceira novela, Cousins (Primos) (1992), conta a historia de tres primos ó longo das súas diferentes etapas vitais. Ao igual que a cultura maorí no seu conxunto, céntrase na whakapapa e nos lazos familiares máis que no éxito do individuo, e reflicte os aspectos problemáticos da historia de Nova Zelandia (whakapapa é un elemento crítico no establecemento da identidade do pobo maorí, relacionado coa xenealoxía ao ser un principio fundamental que abarca a totalidade deste pobo).[10] A súa cuarta novela foi Baby No-Eyes (1998), narrada por unha nena que morreu antes mesmo de nacer xunto con algúns membros da súa familia nun accidente de coche, na que se entrelaza o drama familiar con problemas maorís contemporáneos.[11] Posteriormente publicou Tu (2004), unha novela baseada nas experiencias do batallón maorí en Italia durante a segunda guerra mundial, en particular as do seu pai e outros familiares que formaron parte del.[9][11]
En 2006, Grace publicou a súa primeira colección de relatos curtos dende 1987, Small Holes in the Silence, e en 2008 publicou un libro infantil ilustrado polo seu irmán, Maraea and the Albatrosses.[12]
A sétima novela de Grace foi Chappy (2015), que encabezou a lista dos libros máis vendidos de Nova Zelandia e está dedicada ao seu defunto marido.[12][13] Trátase dunha saga familiar que relata a historia de amor entre un home xaponés e unha muller maorí, a través de múltiples narradores e de xeito non linear.
A súa autobiografía, From the Centre: a Writer’s Life, publicouna en 2021. Nese mesmo ano estreouse unha adaptación cinematográfica homónima da súa novela Cousins (1992).[11] Ademais, Grace presidiu o xurado do Premio Sargeson, o galardón de relato curto máis importante de Nova Zelandia.
A maior parte das obras de Grace foron galardoadas ao longo da súa carreira. O seu primeiro libro, Waiariki (1975), recibiu o Premio Conmemorativo Hubert Church ao mellor primeiro libro de ficción de PEN NZ.[5] Por outra banda, Potiki (1986) recibiu dous premios: o Premio Literario de Nova Zelandia na categoría de ficción (1987) e o Premio LiTeraturpreis (1994).[5][14] The Kuia and the Spider (1981) conseguiu o galardón ó Libro Gráfico Infantil do Ano nos Premios Editoriais do Goberno de Nova Zelandia.[5] Todo isto culminou no ano 2007, cando a autora foi nomeada Compañeira Distinguida da orde do Mérito de Nova Zelandia (DCNZM) polos seus servizos á literatura.[15]
En 2014, Grace gañou unha batalla legal grazas á cal o territorio da baía Hongoeka foi declarado reserva maorí protexida polo tribunal de Nova Zelandia.[1][16] Na actualidade realiza voluntariado en grupos iwi (as unidades sociais máis grandes da cultura maorí en Nova Zelandia) levando a cabo, entre outras, labores de xestión de plans de traballo para desempregados.[1]