Pedro Miguel Etxenique Landiríbar, tamén coñecido como Pedro Etxenike, nado en Izaba, Navarra o 8 de xuño de 1950, é un científico vasco especializado en Física do estado sólido.
En 1998 concedéronlle o Premio Max Planck de Física e ese mesmo ano obtivo o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica polos seus descubrimentos na predición teórica de estados electrónicos imaxe na superficie de sólidos. Tamén realizou importantes achegas no campo das interaccións ión-materia e das perdas de enerxía de electróns en microscopía electrónica e de efecto túnel.
Foi o primeiro conselleiro do Departamento de Educación do Goberno Vasco entre os anos 1980 e 1983, e conselleiro do Departamento de Educación e Cultura, e voceiro do Goberno Vasco entre 1983 e 1984. Actualmente é Catedrático de Física da Materia Condensada na Universidade do País Vasco (UPV/EHU) e Presidente do Donostia International Physics Center (DIPC).
Elixido Vasco Universal en 1998, é membro estranxeiro da Real Academia de Ciencias, Letras e Belas Artes de Bélxica, e tamén Fellow da Sociedade Americana de Física e da Sociedade Americana para o Avance da Ciencia. Ademais, é Presidente de Honra de Jakiunde, a Academia das Ciencias, das Artes e das Letras do País Vasco e desde 2012, preside o xurado dos premios Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.
Licenciouse en Ciencias Físicas pola Universidade de Navarra en 1972 con premio extraordinario de licenciatura e premio fin de carreira en 1973. En 1976 obtén o grao de doutor, Philosophical Doutor (PhD) en Física pola Universidade de Cambridge e en 1977 doutórase en Física pola Universidade Autónoma de Barcelona, onde obtén o premio extraordinario de Doutoramento en 1978. En 1988, concédenlle o título de honra Doctor of Science pola Universidade de Cambridge. Ademais é Doutor Honoris Causa polas universidades de Valladolid, Navarra e Complutense de Madrid.