Piastra da Indochina Francesa † | |
---|---|
Piastre indochinoise en farncés | |
Ámbito: | Indochina Francesa |
Fracción: | 100 cents. 500 sapèques. |
Moedas: | ¼, ½, 1, 5, 10, 20, 50 cents. 1 piastra. |
Billetes: | 10, 20, 50 cents. 1, 5, 10, 20, 50, 100, 200, 500 piastras. |
Emisor: | Banque de l'Indochine |
A piastra da Indochina Francesa foi a unidade monetaria deste territorio de soberanía francesa no Sueste asiático desde 1885 ata 1952. Estaba dividida en 100 céntimos e cada un destes en 5 sapèques.
O termo "piastra", de orixe italiana, aplicábase inicialmente aos reais de oito españois do século XVI e, por extensión, tamén a outras moedas de prata de peso e tamaño similares de época máis recente.[1]
Con anterioridade da chegada dos Franceses a Indochina na segunda metade do século XIX, na rexión que constituía o actual Vietnam circulaban moedas similares ás utilizaban nas provincias chinesas, coñecidas como cash.[2] Pola súa banda, na zona das actuais Camboxa e Laos utilizábanse senllas variantes propias do baht tailandés, coñecido tamén en occidente como "tical siamés".[3][4]
Francia comezou o seu imperio en Indochina en 1862 na rexión da Cochinchina e estendeuse axiña ata abranguer Camboxa, que fora un Estado vasalo de Siam. En 1875, os franceses introduciron en Camboxa o franco camboxano (malia seren cuñadas en Bélxica entre 1875 e 1885, todas as moedas do franco camboxano amosan a data de 1860).[5] A metrópole estableceu tamén unha moeda subsidiaria en céntimos (cents) na Cochinchina cara ao final da década de 1870, aínda que esta moeda non era divisionaria do franco, senón do real de oito español e dos seus herdeiros (peso mexicano, peso filipino etc.), que se utilizaban adoito nas relacións comerciais en amplas zonas do Oriente, comunmente coñecidos como "piastra".[6]
En 1884, o imperio francés en Indochina continuou expandíndose ata incorporar Annam e Tonkín. O ano seguinte, en 1885, os franceses introduciron unha nova moeda de comercio, a piastra de comercio, de prata, así como outras moedas fraccionarias e subsidiarias desta en todas as colonias de Indochina, co fin de aumentar a estabilidade monetaria. Esta piastra equivalía no momento da súa creación ao peso español e ao mexicano, e tiña un peso de 27,2 gramos e un contido de 24,49 gramos de prata pura.[7][8]
Durante os 11 primeiros anos do seu dominio colonial, Francia produciu na Monnaie de Paris millóns destas moedas mais, debido a que o seu contido en prata era lixeiramente superior ao dos pesos españois e mexicanos, a poboación local tendía a acaparar as piastras (efecto explicado pola Lei de Gresham). Por tal motivo, o 8 de xullo de 1895 decretouse que as novas piastras de comercio se cuñasen cun peso dous gramos inferior, o que lles permitiu manterse no mercado. Este descenso do peso repercutiuse tamén proporcionalmente no resto das moedas de prata divisionarias da piastra.[8][9]
Pola mesma razón, en 1897 tamén a moeda de cobre con valor dun céntimo baixou dos 10 gramos iniciais aos 7,5 gramos, mediante un leve descenso do seu tamaño e o engadido dunha perforación central.[9][10]
O gobernador da Indochina Francesa emitiu un decreto o 1 de xaneiro de 1906 polo que se lles retiraba a condición de moedas de curso legal aos pesos españois, mexicanos e filipinos, aínda que se mantería en circulación un gran número de porcións recortadas destas moedas en metades, cuartos e oitavos, que se usaban a modo de moeda fraccionaria.[11]
A Indochina francesa foi un dos derradeiros lugares en abandonar o padrón prata. A súa piastra mantívoo inicialmente ata 1920, cando por mor do aumento do prezo da prata logo da primeira guerra mundial pasou a asociar o seu valor ao do franco francés, aínda que cunha taxa variable. No entanto, un ano despois retomouse o padrón prata e este mantívose ata 1930, cando a piastra se vinculou firmemente ao franco, cunha taxa de 1 piastra = 10 francos. Durante a invasión xaponesa da segunda guerra mundial, a piastra pasou a estar vinculada á moeda dese país, cunha taxa de 1 ien = 0,976 piastras, mais ao que acabou a contenda, en decembro de 1945 estableceuse unha nova taxa co franco francés, de 1 piastra = 17 francos.[12] Este aumento (de 10 a 17 francos) deu lugar a enormes operacións financeiras de intercambio de piastras e francos, xa que o valor real das piastras se mantiña en torno aos 10 francos en Indochina; isto supuxo un importante atractivo para a delincuencia organizada e provocou o escándalo financeiro que se coñeceu como "Asunto das piastras" (Affaire des piastres).[13]
En 1946 introduciuse o đồng en Vietnam do Norte, que substituíu a piastra á par nese territorio. En 1952 deuse a mesma situación co kip en Laos e en 1953 co riel en Camboxa e co đồng en Vietnam do Sur. Inicialmente, o papel moeda levaba unha dobre indicación do seu valor en piastras e nas moedas respectivas, aínda que as novas moedas xa levaron desde o principio as novas denominacións.
Imaxe | Facial | Datas | Aliaxe | Diámetro | Grosor | Peso | Descrición | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | ||||||
2 sapèque | 1887
a 1902 |
Cu | 20 mm | 0,8 mm | 2,0 g | INDO-CHINE FRANÇAISE; data | 南安之法國大當二 ("Indochina Francesa.
2 sapéque") | ||
½ cent | 1935
a 1940 |
Cu | 21 mm | 1,6 mm | 4,0 g | Gorro frixio; R F | INDOCHINE FRANÇAISE; 1/2 CENT; data | ||
1 cent | 1885 a 1906 | Cu | 31 mm | 1,6 mm | 10,0 g | REPUBLIQUE FRANÇAISE; a Liberdade; data | INDO-CHINE FRANÇAISE; POIDS 10 Gr; 百 1 分 C 之 一; 1 C | ||
1896
a 1906 |
Cu | 27,5 mm | 2,0 mm | 7,5 g | REPUBLIQUE FRANÇAISE; alegoría de Francia; data | INDO - CHINE FRANÇAISE;一百分之; data | |||
5 cents | 1923
a 1939 |
Cu-Ni | 24 mm | 1,6 mm
1,3 mm |
5,0 g
4,0 g |
RÉPUBLIQUE FRANÇAISE; Marianne laureada | INDOCHINE FRANÇAISE
5 CENT; data | ||
10 cents | 1885
a 1937 |
Ag | 19 mm | 1,1 mm
1,2 mm 1,3 mm |
3,0 g
2,7 g |
REPUBLIQUE FRANÇAISE; a Liberdade; data | INDO-CHINE FRANÇAISE · 10 CENT. [lei e peso] | ||
20 cents | 1885
a 1937 |
Ag | 26 mm | 1,3 mm | 6,0 g
5,4 g |
REPUBLIQUE FRANÇAISE; a Liberdade; data | INDO-CHINE FRANÇAISE · 20 CENT. [lei e peso] | ||
50 cents | 1885
a 1936 |
Ag | 29 mm | 2,0 mm | 13,6 g
13,5 g |
REPUBLIQUE FRANÇAISE; a Liberdade; data | INDO-CHINE FRANÇAISE · 50 CENT. [lei e peso] | ||
1 piastra de comercio | 1885
a 1928 |
Ag | 39 mm | 2,7 mm | 27,2 g
27,0 g |
REPUBLIQUE FRANÇAISE; a Liberdade; data | INDO-CHINE FRANCAISE · PIASTRE DE COMMERCE [lei e peso] | ||
1 piastra | 1931 | Ag | 35 mm | 2,7 mm | 20,0 g | REPUBLIQUE FRANÇAISE; Marianne laureada | INDOCHINE FRANÇAISE;
1 PIASTRE; data |
Imaxe | Facial | Data | Aliaxe | Diámetro | Grosor | Peso | Descrición | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | ||||||
¼ cent | 1941
a 1944 |
Zn | 20,0 mm | 1,6 mm | 2,4 g | ETAT
FRANÇAIS INDOCHINE; data |
¼ CENT. | ||
½ cent | 1939
a 1940 |
Zn | 21,0 mm | 1,6 mm | 3,9 g | R F; gorro frixio | INDOCHINE
FRANÇAISE 1/2 CENT; data | ||
1 cent | 1940
a 1941 |
Zn | 27,5 mm | 1,8 mm | 6,0 g | REPUBLIQUE FRANÇAISE
1 CENT; gorro frixio |
INDOCHINE FRANÇAISE
1 CENT; data | ||
1943 | Al | 17,3 mm | 1,2 mm | 0,6 g | ETAT
FRANÇAIS 1943 |
1 Cent; INDOCHINE | |||
5 cents | 1943 | Al | 20,5 mm | 1,1 mm | 0,7 g | ETAT
FRANÇAIS 1943 |
5 Cent; INDOCHINE | ||
10 cents | 1939
a 1941 |
Cu-Ni | 18 mm | 1,5 mm | 3,0 g | REPUBLIQUE FRANCAISE; Marianne; data | INDOCHINE FRANCAISE
10 CENT.; planta de arroz | ||
20 cents | 1939
a 1941 |
Cu-Ni | 24 mm | 1,7 mm | 7,0 g | REPUBLIQUE FRANCAISE; Marianne; data | INDOCHINE FRANCAISE
20 CENT.; planta de arroz |
En 1892, o Banco de Indochina puxo en circulación billetes co valor facial dunha piastra e o ano seguinte completou a serie cos billetes de 5, 20 e 100 piastras. Entre 1920 e 1922, emitíronse tamén billetes de 10, 20 e 50 céntimos. En 1939 sumouse o valor máis alto, de 500 piastras. As emisións do Banco de Indochina continuaron con sucesivas series ata 1951, nas que se introduciron tamén billetes de 10 e de 50 piastras.[34]
En 1939, o Goberno Xeral de Indochina (Gouvernement General de l'Indochine) emitiu billetes de 10, 20 e 50 céntimos, e nunha nova serie en 1942 sumouse a estes mesmos valores o billete de 5 céntimos.[35]
Finalmente, en 1953 pasou a facerse cargo da emisión de papel moeda o Institut d'Emission des Etats du Cambodge, du Laos et du Vietnam. Ese mesmo ano emitiuse un billete dunha piastra a nome dos tres Estados; Camboxa, Laos e Vietnam. Ademais en cada un deles emitíronse, entre 1953 e 1954, senllas series de billetes coa súa denominación dobre, en piastras e na súa respectiva nova moeda: o riel de Camboxa, o kip de Laos e o đồng de Vietnam.[36]