Pilatus PC-6 Porter | |
---|---|
Tipo | pasaxeiros e utilitario STOL |
Fabricante | Pilatus Aircraft Fairchild Aircraft |
Primeiro voo | 4 de maio de 1959 |
Principais usuarios | aviación civil Forza Aérea de Austria Forza Aérea de Myanmar Forza Aérea de Suíza |
Produción | 1959 - 2022 |
Unidades construídas | 604 |
Variantes | Fairchild AU-23 Peacemaker |
O Pilatus PC-6 Porter é un avión utilitario monomotor STOL deseñado pola compañía suíza Pilatus Aircraft. O PC-6 voou por vez primeira no ano 1959 e foi producido por Pilatus Flugzeugwerke en Stans, Suíza. Foi construído tanto con motores de pistóns como con turbohélices e fabricouse baixo licenza durante un tempo nos Estados Unidos por Fairchild Hiller. Tras unhas 600 entregas en seis décadas Pilatus anunciou o fin da produción en 2017.[1] Porén, en 2020 a compañía fabricou un derradeiro lote de cinco PC-6 para Indonesia, sendo o último deles entregado en 2021.[2]
O 4 de maio de 1959 o primeiro prototipo, impulsado por un motor de pistóns de 340 cabalos, realizou o seu voo de estrea.[3] A principios de maio de 1961 o primeiro Turbo Porter, impulsado por un motor turbohélice Turbomeca Astazou II, realizou o seu primeiro voo.[4] En comparación coa anterior encarnación con motor de pistóns, o Turbo Porter tiña unha maior capacidade e velocidade máxima, ademais de beneficiarse das funcións de manexo automático do motor. Eses beneficios producíronse a expensas dun maior custo de compra inicial e un maior consumo de combustible.[4] Tanto a versión de pistóns como de turbina do PC-6 fixéronse rapidamente coñecidas polas súas capacidades STOL, precisando tan só unha curta carreira de engalaxe antes de alzar o voo.[5]
Os primeiros modelos do PC-6 con turbinas estaban equipados co motor Astazou II pero houbo queixas sobre a fiabilidade dese motor. Outra das primeiras plantas de potencia dispoñibles para o PC-6 foi o Garrett Air Research TPE 331. Algúns operadores como Air America elixiron modernizar os seus PC-6 co motor TPE 331 en lugar do Astazou II. En maio de 1996 o primeiro PC-6 en ser equipado co motor Pratt & Whitney Canada PT6A realizou o seu voo de estrea.[6]
Para compensar o aumento dos custos de persoal e fabricación en Suíza, Pilatus distribuiu o traballo de fabricación do PC-6 entre distintos países; en 1993 a empresa checa Letov Kbely comezou a participar na fabricación do tipo.[7] En 2013 Pilatus formou unha empresa conxunta con Beijing Tian Xing Jian Yu Science Co., Ltd. para fabricar localmente o PC-6 e o máis novo Pilatus PC-12 en Chongqing, China; inicialmente esta instalación realizou traballos de submontaxe da fuselaxe, e posteriormente doutros elementos como as ás e as superficies móbiles, que eran transportados ás instalacións de montaxe final de Pilatus en Stans, Suíza.[8][9] A produción global do PC-6 finalmente sería trasladada ás instalacións de Chongqing. O 11 de decembro de 2014 completouse a primeira fuselaxe do PC-6 montada na China.[10][11] En 2014, a meirande parte dos PC-6s entregados ese ano foron a clientes chineses.[12] En abril de 2016, había uns 20 PC-6 en servizo no mercado chinés; o tipo utilizouse a miúdo para substituír o Antonov An-2, sendo segundo algúns informes máis barato de operar.[13]
O Porter tamén foi fabricado baixo licenza por Fairchild Hiller nos Estados Unidos. Completáronse uns 100 destes avións producidos baixo licenza, sendo mercados principalmente por operadores civís nos Estados Unidos.[14] Varios PC-6 fabricados por Fairchild Hiller tamén foron mercados polos militares durante a guerra de Vietnam. Estes recibiron a designación AU-23A Peacemaker servindo para a USAF. O Peacemaker estaba equipado cun canón de 20 mm XM-197 Gatling de disparo lateral, catro píos nas ás e unha estación central na fuselaxe para munición externa. Porén, o AU-23A demostrou ser problemático en servizo. Todos eles foron devoltos aos Estados Unidos e almacenados despois de tan só un ano de operación. En 1979 un par de UV-20 foron asignados ao destacamento de aviación da Berlin Brigade en Alemaña pola súa idoneidade para operar dentro do espazo aéreo moi restrinxido; estaban preparados para transportar calquera carga, ata once pasaxeiros, ou tres padiolas con catro auxiliares médicos.[15]
No ano 2017 Pilatus anunciou que deixaría de fabricar o PC-6. A compañía aceptaría pedidos ata 2018 e contaba con pechar a liña de montaxe en 2019, pero debido á pandemia de COVID-19 o avión seguiu en produción ata 2022. Nos 63 anos de produción fabricáronse un total de 604 aparellos.[16]