O pinche[1] é un elemento arquitectónico de forma triangular da parte superior da parede dun edificio (a fachada ou o muro penal ou lateral) encima do cal descansan as dúas augas da cuberta. Recibe en galego tamén os nomes de pinche do penal, pinchón, espigo ou pipal[2].
Por extensión denomínase tamén "pinche" ou "parede de pinche"[3] a toda a fachada do edificio cando se configura de tal xeito; que nas igrexas con planta de cruz latina son tres: a dos pés (que adoita ser a portada principal) e as dúas laterais que rematan o cruceiro. A diferenza dos frontóns, que cumpren a mesma función estrutural, os pinches non delimitan o seu bordo inferior cunha cornixa horizontal, e polo tanto quedan integrados no resto da fachada (se esta presenta cornixas ou outro tipo de delimitacións horizontais, márcanse nunha liña distinta á da base do triángulo do pinche). Cómpre tamén diferenciar os pinches dos gabletes, un elemento esencialmente decorativo da arquitectura gótica, tamén de forma triangular.
Chámase pinche graduado[4] ao que presenta as vertentes con chanzos.